26/5/2009
As centrais sindicais convocan unha concentración o mércores 3 de xuño, ás 12:00 horas, diante da Xunta
A CIG-Ensino, xunto coas demais organizacións
sindicais con representación na Mesa Sectorial de Ensino non Universitario,
abandonaron a reunión ante a negativa da Consellaría de Educación de retirar a
circular sobre o agrupamento de alumnos de distintos cursos ou ciclos nunha
aula. As organizacións sindicais acordaron emitir resolucións das Xuntas de
Persoal das catro provincias e convocar unha concentración de delegados/as do
ensino público o mércores 3 de xuño diante dos edificios de San Caetano.
26/5/2009
Un traballador faleceu o pasado venres 22 de maio ao caer da estada dunha obra
Como ven sendo habitual sempre que ten lugar na comarca de A Mariña un fatídico accidente laboral que remata coa morte dun traballador/a, e con motivo do lamentábel suceso acaecido o pasado venres 22 de maio nunha obra do Concello de Burela, que lle custou a vida ao traballador da construción J.G.B., de 43 anos de idade, a CIG-A Mariña levou a cabo unha concentración silenciosa en mostra de solidariedade co finado, a súa familia e os seus compañeiros/as de traballo.
20/5/2009
Critican a decisión da empresa de eliminar a contratación eventual para a cobertura das vacacións
Traballadores e traballadoras de Correos na
provincia de A Coruña continúan co calendario de mobilizacións para exixir á
empresa a contratación de novo persoal e a mellora da cualidade do servizo.
Desta volta as concentracións trasládanse até a Oficina principal de Ferrol,
onde desenvolverán unha concentración ás 18:00 horas do 20 de maio, convocada
pola Xunta de Persoal e o Comité de Empresa da Provincia.
18/5/2009
Pintos reitera que non se arrepinte da súa actuación e a defensa subliña que se trata dunha “persecución sindical”
O xuízo que se segue contra o secretario
comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, por supostamente agredir a
un policía durante unha carga, quedou visto para sentenza na mañá do 18 de
maio. A Fiscalía e a acusación particular manteñen as súas peticións de dous
anos e medio e cinco anos de cárcere respectivamente, mentres que a defensa
destacou que se trata dunha persecución contra Pintos e o sindicalismo que
representa, pois, cando menos sorprende que estando presentes no conflito representantes
de CCOO e UGT a acusación se limite ao representante da CIG.
18/5/2009
Lémbranlle que a Xunta posúe unha participación do 7,5% na empresa
As traballadoras e os traballadores de
Caramelo trasladaron as súas reivindicacións até os edificios da Xunta de
Galiza en Compostela para reclamar ao goberno galego que rexeite o ERE
presentado pola empresa e demandar ao conselleiro de Economía que atenda a
solicitude de reunión cursada hai máis dun mes. Hai que lembrar que a Consellaría
posúe o 7,5% das accións da empresa, polo que dende o Comité e a CIG reclámase
unha maior implicación e que non empregue os cartos “de todos os galegos e as
galegas para acometer 237 despedimentos e para que aquí se estea
preparando un posíbel peche definitivo
de Caramelo en A Grela”.
15/5/2009
O proceso quedará visto para sentenza o luns 18 de maio
Os xulgados do penal de Ferrol volverán ser o vindeiro
luns 18 de maio o punto de encontro para afiliados/as e representantes
sindicais da CIG na comarca, convocados a asistir a unha concentración en apoio
do secretario comarcal. O motivo: a celebración da última vista dentro do
proceso que se segue contra, Xesús López Pintos, que quedará visto para
sentenza.
13/5/2009
Coincidindo co acto de conciliación no SMAC
Os traballadores e traballadoras de Elaborados
Metálicos Emesa concentráronse na mañá do 13 de maio diante da delegación
provincial de Traballo, en cuxo interior se celebraba o acto de conciliación
polo despedimento de 22 compañeiros o pasado mes de marzo. Posteriormente, o
persoal de Emesa trasladouse até as instalacións da fábrica en Coirós, onde
levou a cabo un paro diante das oficinas e leu un comunicado en apoio aos
traballadores despedidos.