10/1/2012
O secretariado confederal acorda pór en marcha unha campaña para denunciar as súas consecuencias, reclamar políticas alternativas e esixir maior soberanía
O Secretariado Confederal da CIG, reunido este martes en Compostela, acordou convocar concentracións de delegados/as para este xoves, 12 de xaneiro, diante das delegacións de Facenda da administración central para manifestar o seu rexeitamento ás medidas aprobadas, vía decreto, polo goberno do PP. A central sindical, que tamén celebrará asembleas para analizar o novo escenario, considera que estas decisións son claramente negativas para a clase traballadora porque “os recortes do investimento público provocarán máis destrución de emprego e o deterioro dos servizos públicos e as medidas fiscais adoptadas nada teñen que ver coa reforma fiscal que sería necesario acometer”, afirma o Secretario Xeral, Suso Seixo.
25/11/2011
A secretaría da Muller clama contra as subvencións a organizacións ultracatólicas, mentres se recorta en políticas de igualdade, servizos sociais, saúde e educación
No decurso da mañá deste 25 de novembro, Día Internacional contra a
violencia contra as mulleres, celebráronse concentracións simbólicas nas
distintas comarcas de Galiza, para denunciar as consecuencias que as políticas
de recorte dos gobernos do PSOE e do PP están a ter para as mulleres. Medidas
que, co pretexto da crise, eliminan prestacións, servizos e dereitos, agravando
aínda máis as desigualdades entre homes e mulleres.
23/11/2011
O acto enmárcase na campaña de mobilizacións conxuntas convocada con outros sindicatos europeos
Varios centos de delegados e delegadas da
CIG concentráronse este mediodía diante dos Consulados de Portugal en Vigo e
Ourense en solidariedade coa folga xeral convocada no país veciño
para este xoves 24 de novembro. Co acto desta mañá preténdese
trasladar o apoio da clase traballadora galega ao paro promovido
polas dúas principais centrais do país veciño, a CGTP/IN e a UGT,
para denunciar as medidas de austeridade que se imporán á maioría
social e que terán como consecuencia a recesión económica, o
aumento da explotación e o empobrecemento xeneralizado da poboación.
11/10/2011
O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, di que co recorte de profesorado no ensino público, “estamos ante o maior ERE habido en Galiza nos últimos anos”
A maioría dos centros amosaron hoxe, con concentracións e outras accións
durante a hora do recreo, o seu rexeitamento aos recortes que a consellaría de
Educación está a levar no ensino público en Galiza. Ao mesmo tempo reclamouse
máis profesorado e recursos para os centros. Estas accións encádranse no
calendario de mobilizacións previstas para este mes, que continuarán con
concentracións nas principais vilas e cidades galegas o vindeiro día 18 e cun
referendo entre o profesorado, convocado para o día 25.
10/10/2011
Concentracións este martes 11 de outubro, nos centros de ensino público, na hora do recreo
O profesorado do ensino público concentrarase este martes, día 11 de
outubro na hora do recreo nos propios centros para manifestar, unha vez máis o
seu rexeitamento aos recortes aplicados pola consellaría ao ensino público, a
ampliación do horario lectivo, a obriga de custodiar o alumnado e en defensa do
ensino público. Estes actos forman parte do calendario de mobilizacións previstas
para este mes, que continuarán con concentracións, o día 18 en diferentes
localidades galegas e cun referendo que o profesorado levará a cabo o día 25.
6/9/2011
O secretario xeral da CIG afirma que “teríamos que estar todos na rúa” contra estas medidas, que só favorecen aos que provocaron a crise “para que sigan especulando”
Delegados e delegadas da CIG concentrábanse este
martes, en toda Galiza, contra a reforma da Constitución aprobada o pasado
venres no Congreso dos Deputados. Unha reforma que limita o gasto público e
que, segundo afirmou Suso Seixo na súa intervención na asemblea de delegados/as
de Compostela, “terá graves consecuencias” de forma inmediata, con recortes en
políticas sociais, en Ensino, Sanidade ou infraestruturas, limitando aínda máis
a capacidade de Galiza “para decidir por nós mesmos as nosas políticas
económicas”.
24/6/2011
Concentráronse este xoves e venres fronte á consellaría de Industria polos despedimentos improcedentes que se veñen producindo no organismo
O
Comité de Empresa da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o
Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza vén de denunciar publicamente as lamentábeis condicións laborais nas que se
atopan os traballadores e traballadoras dos Servizos Centrais. Para dar
a coñecer a súa situación, os traballadores/as concentráronse ás portas da
consellaría de Industria, en Compostela, este xoves día 23 de xuño e o venres
24 e non descartan continuar coas mobilizacións.