14/3/2013
O comité de empresa convoca unha “procesión reivindicativa” este venres para reclamar a negociación do convenio
O Tribunal
Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ratificou a sentenza do Xulgado
do Social número 3 de Vigo que condena o hospital Povisa a repoñer
as xornadas laborais de tres quendas (mañá, tarde e noite), segundo
confirmaron representantes do comité de empresa. Ao mesmo tempo,
anunciaron que seguirán coas mobilizacións para reclamar a
negociación do convenio colectivo antes de que decaia no mes de
xullo e as condicións laborais e salariais empeoren “entre un 30%
e un 40%” coa aplicación do convenio provincial.
25/2/2013
A sección sindical da CIG denuncia que a dirección pretende vulnerar o convenio a base de ameazas
O pasado luns día 18 de febreiro
a dirección de La Voz de Galicia
presentaba ao Comité Intercentros unha "Plataforma de Negociación"
que pretende unha redución de salario do 12,5% e a ruptura do compromiso de
mantemento do emprego estabelecido no convenio vixente. Ante isto, máis de 160
traballadores/as das distintas delegacións reuníanse en asemblea este domingo
para valorar unha proposta que a sección sindical da CIG denuncia que está
“inzada de ameazas e ilegalidades”. Ao seu remate concentráronse diante da antiga
sede de La Voz de Galicia en Catro
Camiños.
6/2/2013
Denuncian que a proposta presentada por Clece, a concesionaria do servizo, deteriora gravemente as condicións laborais do conxunto do persoal
Os Comités de
Empresa do servizo de limpeza do complexo Hospitalario Universitario de
Santiago (CHUS) pecháronse esta mañá na xerencia do Hospital Clínico para
reclamar que se facilite un contexto de negociación real do novo convenio
colectivo. O peche rematou unha vez que por parte da xerencia se puxeron sobre
a mesa varios compromisos.
25/1/2013
Chegarán este sábado a Compostela onde farán unha chourizada popular, ás 17:00 horas, na Praza do Obradoiro
O pasado luns un grupo de vixiantes de seguridade
privada iniciaba o Camiño de Santiago, desde o Cebreiro. Unha ‘marcha pola
dignidade’, organizada pola CIG-Servizos, coa que queren denunciar a rebaixa
salarial e das condicións laborais que pretende impor a patronal do sector.
Malia as adversas condicións meteorolóxicas contra as 17:00 horas deste sábado
26 de xaneiro chegarán a Compostela, onde teñen previsto facer unha chourizada
popular, á que convidan a toda a veciñanza de Compostela
13/12/2012
A Policía autonómica desaloxounos pouco tempo despois sen que se rexistrasen incidentes
Membros do
comité de empresa de Povisa pecháronse hoxe na delegación da Xunta
en Vigo para denunciar o bloqueo do convenio colectivo e a intención
da empresa de precarizar aínda máis as condicións laborais dos
empregados/as. Axentes da Policía autonómica desaloxáronos pouco
tempo despois sen que se rexistrasen incidentes e a pesar de que non
foron recibidos/as por ningún responsábel da Xunta.
12/12/2012
A fin de conflito foi posíbel tras 13 días de folga e unha última xornada de negociacións que durou 14 horas
Os traballadores/as de
Vitrasa decidiron esta mañá en asemblea suspender a folga
indefinida iniciada hai 10 días e aceptar o preacordo alcanzado
entre a empresa e o comité tras máis de 14 horas seguidas de
negociación. Os empregados/as da concesionaria do transporte
municipal de Vigo aceptaron finalmente un pequeno incremento na
xornada laboral pero lograron fixar unha paga consolidable de 300
euros para 2012 e de 250 en 2013. Ao mesmo tempo, conseguiron os dous
descansos semanais e introduciron a cláusula da ultractividade.
30/11/2012
Foron convocadas en estabelecementos de Inditex, empresa con máis capacidade de presión no sector
A CIG-Servizos, xunto con CCOO e UGT, vén de
iniciar mobilizacións para presionar á patronal coa fin de desbloquear as
negociacións dos convenios de comercio vario, comercio alimentación, téxtil e
hostalería. O secretario nacional, Paulo Rubido, alerta de que a vixencia destes
convenios remata en xullo e que, coa reforma laboral, a partir de aí “van perder eficacia, poden
perder a súa ultraactividade e, polo tanto desaparecer”. A consecuencia
inmediata podería ser a perda dos dereitos salariais, laborais e sociais
conseguidos nos últimos anos.