22/6/2009
Masivas marchas pola mañá colapsaron o centro de Vigo
O luns 22 de xuño amencia a provincia de Pontevedra cunha nova xornada de folga, nunha semana decisiva para o conflito pola negociación colectiva do convenio do Metal destas comarcas. Asi esta semana está convocada folga toda a xornada desde o luns, e o xoves xa está convocada a folga xeral do sector de novo. Coa negociación aberta desde a tarde do luns, os traballadores e traballadoras do Metal continúan coas mobilizacións e co seguimento masivo da folga, malia ás tentativas de amedrentar a este sector coas presións patronais e o acoso policial. A loita pola dignidade continúa no sur do noso país.
19/6/2009
Para a próxima semana retomaranse as negociacións
Desde o luns 22 de xuño e até o xoves 25 volverá estar convocada folga pola negociación do convenio provincial de Pontevedra, tendo a folga do xoves carácter xeral, polo que volverán estar convocados á folga aquelas empresas do Metal, aínda que teñan convenio propio. O venres 19 de xuño houbo novas marchas pola cidade de Vigo, nun dia máis de paro parcial, desde as once da mañá, e rematando a xornada nunha asemblea na Praza do Concello, para analizar e debater as novas perspectivas para o conflito, asi como as novas convocatorias de folga para a próxima semana. A loita por un convenio xusto continúa.
18/6/2009
O berro máis escoitado na asemblea foi o da "folga xeral"
O xoves 18 de xuño volviase mudar o horario da folga parcial pola negociación do convenio provincial do Metal, e asi traballabase nas primeiras catro horas das quendas, e a partir das once da mañá volvian sair os e as folguistas en grandes marchas polas rúas de Vigo. A mobilización que partía de Barreras decidía continuar cara o estaleiro de Vulcano, en Teis, para amosar a súa solidariedade cos compañeiros que nesta xornada pararon xa que se encontraron co barco pechado no que traballaban e contra a represión sindical. Ás dúas tiña lugar unha asemblea na Praza do Concello, na que o berro máis escoitado foi o de “folga xeral”.
17/6/2009
A partir de mañá haberá novos cambios nesta semana de mobilizacións e folga
A folga parcial, con paros de 9 a 13, e con diferenzas en función do subsector continuou o mércores 17 de xuño, con maior efectividade e organización, e de novo cumprindo o obxectivo de volver paralizar a venda dos concesionarios. Tamén nesta xornada, e xa van once, volviase visibilizar polo centro da cidade aos traballadores e traballadoras do Metal en folga, que protagonizaban unha marcha polo centro da cidade, desde a zona dos estaleiros de Bouzas e Barreras. Tamén houbo unha alta presenza policial, como en xornadas anteriores.
16/6/2009
A Patronal anuncia que non participará da negociación prevista para a tarde na Delegación da Xunta en Vigo
A semana comezaba co anuncio dun cambio na estratexia sindical desta folga co obxectivo de non danar aos traballadores, multiplicar forzas e castigar a aqueles sectores menos solidarios coas mobilizacións e folga pola negociación do convenio provincial do Metal de Pontevedra. Asi, o martes 16 de xuño de 9 a 13 paraban estaleiros e empresas que viñan apoiando estas convocatorias, e nestas catro horas unha maré de folguistas paralizaba a venda de coches nos concesionarios da Avenida de Madrid e o Caramuxo. Logo collerían o relevo o persoal dos concesionarios e talleres nesta acción, que continúa á tarde, nos mesmos sitios. Mentres, a patronal volvia amosar a súa total intransixencia comunicando que non se sentaría a negociar.
15/6/2009
Pretendese con este cambio multiplicar as forzas e evitar as fugas ao seguimento masivo da folga
A segunda semana de xuño comezou coa novena xornada de folga pola negociación do convenio provincial do Metal da provincia de Pontevedra, e tamén con mudanzas estratéxicas a nivel sindical para afrontar o reto deste conflito e darlle a mellor das respostas posíbeis á intransixencia da Patronal, que pretende rematar co modelo sindical do Metal de Pontevedra, a través deste pulso, coa firmeza das súas posturas, coa indiferenza de Administracións, o apoio dalgúns medios de comunicación e presenza policial desmedida. De novo houbo marchas masivas de folguistas e visibilización nas rúas dun sector que non se rende. Á tarde terá lugar unha reunión entre patronal e sindicatos, coa presenza dos mediadores.