9/12/2008
A Patronal volve modificar os acordos xa negociados
As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT non asinaron o venres 5 de decembro, como estaba previsto, o Convenio de Limpeza de Edificios e Locais de Pontevedra. Os tres sindicatos comprometéronse diante da asemblea de traballadores e traballadoras, celebrada no concello de Vigo a asinar o acordo do 27 de novembro, mais as centrais sindicais enviaron un comunicado de imprensa para clarificar a situación do convenio xa que "o que non sabiamos é que a Patronal da Limpeza volve unha vez máis a interpretar os acordos como lle convén".
27/11/2008
As asembleas decidiron nunha maioría axustada aceitar o pre-acordo
Logo de 12 días de paro indefinido, a folga do convenio provincial de limpeza de edificios e locais de Pontevedra quedou desconvocada. Centrais sindicais e patronal chegaron a un pre-acordo que foi ratificado polas asembleas de traballadores. A proposta aceptada contempla a sinatura dun convenio colectivo para os vindeiros tres anos e inclúe un incremento salarial de 30 euros o primeiro ano e 40 euros para cada un dos outros dous. Ademais, estabelécese unha cuarta paga de 60 euros. A antigüidade pasa a computarse por cuadrienios, no canto de trienios.
21/11/2008
Presenza de piquetes en Sanxenxo e paralización do Porto de Marín
Marchas polo centro de Vigo, sinalando a aquelas empresas que continúan a vulnerar o dereito de folga, visitas dos grupos de piquetes a áreas comerciais e outras accións, foron o centro das mobilizacións do sexto dia de folga na loita por un convenio xusto da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra. Fóra da cidade olívica, o grupo de piquetes de Pontevedra continuaba extendendo o conflito cara outras zonas da comarca, como o concello de Sanxenxo ou o porto de Marín, ademais do mantemento do paro na zona do Salnés.
17/11/2008
Seguimento maioritario das traballadoras/es do sector
O 17 de novembro comezaba ás doce da noite a folga na limpeza de locais e edificios pola negociación do convenio provincial de Pontevedra deste sector. Esta folga ten carácter indefinido e está a ter unha importante repercusión nas áreas comerciais, aeroporto, na Universidade de Vigo, ambulatorios, xa que se está a visibilizar o conflito destas traballadoras e traballadores, e a súa loita por un convenio xusto e polas melloras laborais e sociais que tan necesarias son neste sector tan precarizado, que ten un salario medio de 753 euros.
6/11/2008
Seguimento dun 75% e visualización do conflito
A primeira xornada de folga das traballadoras e traballadores afectados polo convenio provincial da limpeza en edificios e locais de Pontevedra foi cualificada como "moi positiva" polas centrais sindicais convocantes. Grupos de piquetes itinerantes e marchas pola cidade de Vigo visualizaron este conflito nas rúas e cara a cidadanía. Para o venres 14 de novembro están fixadas asembleas de traballadoras nos locais sindicais para decidir que vindeiras accións tomar para continuar a presionar á patronal "por un convenio digno da limpeza".
6/11/2008
Apoio masivo e solidario do sector
Foron máis de 7.000 os traballadores do sector do Metal que o 6 de novembro percorreron as rúas de Vigo para amosar a súa solidariedade cos catro traballadores do Naval, para os que a Fiscalía solicitaba catro anos de cadea pola folga do 2007 polo cumprimento do Convenio. Paro xeralizado e marchas moi numerosas visibilizaron o apoio do sector a estes catro compañeiros, e a loita que están dispostos a dar contra a represión sindical. Unha xornada de desafío a do 6 de novembro que demostra que o Metal non vai permitir ningún tipo de recorte de dereitos.