9/2/2012
A CIG valora positivamente a resposta ás mobilizacións, pero esixe do goberno español e galego actuacións urxentes para salvar o sector
Uns 5.000 traballadores/as do naval de Ferrol, acompañados por sindicalistas e cidadáns solidarios, manifestáronse este xoves polas rúas da Coruña até a Delegación do Goberno español na Galiza en demanda de carga de traballo e solucións para un sector que se atopa nunha gravísima situación. Ao remate da marcha, unha representación do persoal reuniuse co delegado da institución estatal, ao que esixiron que defenda as súas reivindicacións diante dos Gobernos galego e español para lograr compromisos para salvar un sector do que dependen máis de 17.000 empregos en toda Ferrolterra.
8/2/2012
Este mércores percorren os 16 quilómetros que separan Miño de Oleiros e mañá realizarán unha manifestación masiva até a Delegación do Goberno
Un pouco cansos pero co ánimo intacto, os traballadores/as do naval continuaron este mércores a marcha até a Coruña en demanda de solucións para a crítica situación que está a vivir o sector na ría de Ferrol. A segunda xornada de camiño, á que se uniron máis traballadores, cubrirá os 16 quilómetros que separan o Concello de Miño do Concello de Oleiros, onde esta tarde manterán un encontro co alcalde e onde tamén pasarán a noite.
7/2/2012
O persoal, que rematará a marcha o xoves diante da Delegación do Goberno, reclama ao executivo central e ao galego medidas para conseguir nova carga de traballo
Uns 150 traballadores e traballadoras de Navantia Ferrol e Fene iniciaron este martes unha marcha a pé que os levará até a Delegación do Goberno na Coruña o vindeiro xoves. Con esta acción reivindicativa, o persoal quere reclamar dos gobernos español medidas urxentes e compromisos reais que permitan dotar de carga de traballo aos dous estaleiros públicos da ría, incluíndo a contratación da sexta fragata e a construción do dique flotante. Dende a Sección Sindical da CIG lembrouse que dende o verán pasado xa se perderon 700 empregos nas industrias auxiliares e que a partir do verán Navantia ficará sen carteira de pedidos.
3/2/2012
CIG-Saúde continúa coas mobilización en demanda da readmisión dos traballadores da asociación de drogodependencias
Con motivo da celebración o próximo mércores 8 de febreiro do segundo xuízo, a CIG-Saúde organizou un novo calendario de mobilizacións en demanda da readmisión dos traballadores/as despedidos en Asfedro. Así, este venres realizouse unha concentración ás portas da entidade, que se repetirá o vindeiro luns. Do mesmo xeito, dende a Federación destacan que o Xulgado do Social xa declarou a improcedencia dun dos despedimentos executados pola directiva, que definitivamente non se xustifican por motivos económicos.
27/1/2012
A empresa optou polo despedimento improcedente en vez de recolocar ao operario, con problemas de saúde, nun posto no que a doenza non interfira na súa actividade
Delegados e delegadas da CIG de Ferrol concentráronse esta mañá ás portas do SMAC en apoio a un traballador con problemas de saúde que Frangosa Servizos despediu incumprindo a Lei de Prevención de Riscos. O acto de conciliación, ao que por parte da empresa só asistiu o avogado, rematou sen acordo.
20/1/2012
A Federación do Metal denuncia que Navantia xa ten programado un calendario para o peche progresivo dos talleres
A Federación do Metal da CIG en Ferrol e a Sección Sindical da CIG en Navantia alertaron esta mañá en rolda de prensa da inminente perda de emprego nos estaleiros da ría durante os primeiros meses de 2012, que segundo os seus cálculos superará os 1.000 postos de traballo. Neste senso, denunciaron que, diante desta caída da actividade, Navantia ten programado un plan para proceder ao peche progresivo dos talleres, a medida que vaian quedando sen carga de traballo.
11/1/2012
A CIG-Saúde esixe á dirección da asociación un cambio radical na súa actuación e a readmisión destes/as profesionais
Coincidindo co xuízo contra os traballadores despedidos na Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro), a CIG Saúde realizou unha concentración ás portas do xulgado para amosar a solidariedade co persoal afectado/a e esixirlle á Dirección da entidade a readmisión destes profesionais, que nalgún caso contaban con máis de 20 anos de servizo.