21/10/2009
A CIG non asina o preacordo do Convenio do Metal, asinado por CCOO e UGT, que recolle a mesma proposta salarial que presentaron os mediadores no mes de xuño durante a folga e que fora rexeitada
O 21 de outubro tiña lugar a terceira xornada do macroxuízo contra trece traballadores do Metal, que no 2006 se mobilizaron pola negociación do convenio. Desta volta foi a quenda das testemuñas aportadas polos acusados, e no que desde compañeiros/as de traballo, representantes sindicais da CIG ou até mesmo un fotógrafo, presente naquela mobilización, aportaron declaracións claras, nas que se aportaba a auténtica crónica do que aconteceu aquel dia: brutais cargas pola cidade e detencións arbitrarias, que finalmente concluiron neste xuízo. Por outra banda, CCOO e UGT asinaron coa Patronal o preacordo para o convenio do Metal, ao que a CIG se opón xa que é a mesma proposta que foi presentada polos mediadores en xuño, no decimoterceiro dia de folga, e que daquela fora rexeitada polo conxunto dos traballadores/as do sector.
19/10/2009
As marchas chegaron até as portas do Xulgado, onde se realizou unha asemblea, para amosar a solidariedade e a defensa destes compañeiros
Desde as nove da mañá os traballadores e traballadoras afectadas polo convenio provincial do Metal de Pontevedra da cidade de Vigo e da súa área de influencia estaban chamados a unha convocatoria de folga parcial en solidariedade cos trece traballadores que ían ser xulgados, polas mobilizacións polo convenio no mes de maio do 2006, convocada en solitario pola CIG. Asi, desde esta horas e desde as distintas zonas industriais de Vigo comezaron as marchas, que confluiron na Praza do Concello e que se achegaron en manifestación até as portas do Xulgado, onde se realizou unha asemblea, tanto para analizar esta convocatoria como a situación da negociación do convenio provincial.
17/10/2009
Analizarase a proposta realizada polos mediadores e achegarase o calor e a solidariedade do sector aos 13 compañeiros xulgados
A CIG-Metal convocou o sábado 17 de outubro unha rolda de prensa no local da CIG de Vigo para informar sobre o proceso xudicial e a resposta con mobilizacións que terán lugar a partir do 19 de outubro, convocadas pola CIG. Ás nove da mañá o luns sairán distintas marchas desde as distintas zonas industriais de Vigo, que se encontrarán na Praza do Rei ás 10, desde onde sairán en manifestación cara aos Xulgados. Aproveitarase a concentración diante dos Xulgados para realizar unha asemblea para todos os traballadores e traballadoras do sector para informar e analizar a situación da negociación do Convenio.
16/10/2009
Mentres continúa a negociación do convenio do Metal, onde os mediadores volveron presentar case a mesma proposta presentada antes das vacacións do verán
A CIG-Metal ten convocado unha folga o luns 19 de outubro no sector do Metal sen convenio propio, na comarca de Vigo e nos concellos de área metropolitana, desde as 9 horas e durante as próximas cinco horas laborais na quenda da mañá e nas catro primeiras horas da quenda da tarde. O motivo desta convocatoria é a celebración do xuízo a trece traballadores do Metal detidos na folga do ano 2006 na carga da Estación de Renfe, con petición de penas de cadea para catro traballadores
superiores a tres anos e medio. Para o resto as penas achéganse aos tres. Ademais a negociación do convenio do Metal continúa sen avanzos, e só coa presentación dunha proposta por parte dos mediadores, na que hai escasas diferenzas respecto á presentada antes das vacacións do verán, que fora rexeitada no seu momento e que non se considerara suficiente polo conxunto dos traballadores do sector, polo que naquel momento se continuou coa convocatoria de folga até comezos de xullo.
8/10/2009
Este macroxuizo xulga a trece detidos na folga do convenio do Metal do 2006, despois dunha brutal carga policial
A asemblea de delegados e delegadas do Metal da comarca de Vigo mantivo o xoves 8 de outubro unha xuntanza para analizar tanto a situación da negociación colectiva do convenio provincial do Metal da provincia de Pontevedra, como a celebración os próximos 19, 20 e 21 de outubro do macroxuízo contra 13 traballadores do sector, que foran detidos na folga do 2006 despois da brutal carga na estación de Renfe. Esta asemblea decidiu convocar folga parcial nas empresas afectadas pola negociación do convenio provincial para o luns 19 de outubro na comarca de Vigo, asi como concentración de delegados e delegadas de toda a provincia da CIG para as dúas xornadas seguintes do xuízo.
11/8/2009
Traballadores que participaron nos piquetes están recibindo multas que se achegan aos 1.000 euros
A CIG acordou, na última xuntanza do seu
Secretariado, facer unha campaña de recollida de fondos en solidariedade coa
loita do Metal da provincia de Pontevedra. Nestes momentos, traballadores/as
que foron identificados durante as mobilizacións polo simple feito de
participar nos piquetes están recibindo comunicacións de multas con contías de
até 1.000 euros. A CIG prevé que estas notificacións cheguen a uns 400
traballadores e traballadoras.
15/7/2009
Acordouse nunha asemblea de delegadas/os celebrada hoxe en Vigo.
Dende minutos
antes das once da mañá, até pasadas as dúas da tarde, arredor de 200
delegadas e delegados da Federación do Metal da CIG, celebraron hoxe na
sede do sindicato en Vigo unha nova asemblea, na que acordaron
organizar asembleas nas diferentes comarcas, localidades e centros de
traballo da provincia para reorganizar o conflito.