9/3/2010
Acádase o obxectivo de chegar a ser mileuristas e estabilidade horaria na xornada
Foron necesarios 47 días de folga (os últimos 36 de folga indefinida), manifestacións, concentracións, peches e onte máis de 7 horas de xuntanza para que as traballadoras e traballadores de instalacións deportivas puideran acadar o seu principal obxectivo: asinar un convenio que os permita chegar a ser mileuristas no ano 2012. A CIG-Servizos manifesta a súa satisfacción tras asinarse este acordo que pon fin a un dos conflitos máis duros dos vividos no sector.
9/3/2010
Logo dunha maratoniana xuntanza de sete horas no Consello Galego de Relacións Laborais
A folga indefinida iniciada o pasado 1 de febreiro nas instalacións deportivas do País quedou suspendida na noite do luns tras chegar a un preacordo as organizacións sindicais e a patronal, que garante o cumprimento dos mínimos esixidos polos traballadores e as traballadoras a respecto das táboas salariais e as condicións “ad personam”. Así mesmo, o persoal que viña desenvolvendo unha acampada diante da sede dos empresarios en A Coruña levantou a medida de protesta pouco despois da medianoite.
8/3/2010
Ás cinco da tarde está convocada unha xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais
As traballadoras e os traballadores de instalacións deportivas enfrontan no día 36 da folga unha xornada decisiva para a evolución do conflito, pois do resultado da xuntanza prevista para esta tarde do luns en Compostela dependerá que a convocatoria de paros continúe adiante, así como todas as mobilizacións, ou ben fique suspendida e se retome a serio o proceso de negociación.
6/3/2010
Á espera dunha resposta por parte da patronal
O campamento que os traballadores e as traballadoras en folga das instalacións deportivas iniciaron o pasado xoves continúa adiante diante da falta de movementos por parte da patronal. O persoal vai desenvolver esta tarde unha asemblea para avaliar a situación do conflito, á espera de que a patronal responda á última proposta presentada polas organizacións sindicais.
4/3/2010
O xoves 11 de marzo haberá unha festa solidaria para recadar fondos para os traballadores/as en folga
Por volta da unha e media da tarde, os traballadores e traballadoras das instalacións deportivas iniciaban unha acampada fronte ao edificio administrativo da Xunta de Galiza en A Coruña e a sede da Confederación de empresarios (situadas na mesma praza) como medida de presión para que a patronal sente novamente a negociar e permita desbloquear o conflito. Na acampada participan traballadores das diferentes instalacións da provincia de A Coruña.
3/3/2010
Persoal e sindicatos estudan máis iniciativas para conseguir fondos e avalían un novo calendario de mobilizacións
Na mañá deste mércores procedíase a facer o reparto dos cartos recadados nos últimos días coa venda dos bonos axuda entre todos os traballadores e traballadoras en folga das instalacións deportivas. En total uns 24.000 euros dos que cada persoa recibiu 100 euros, que se poderán ir incrementando nos vindeiros días, xa que a venda dos bonos continúa adiante e mesmo se están a estudar novas iniciativas para conseguir fondos. Ao mesmo tempo, e tras da ruptura das negociacións coa patronal, traballadores/as e sindicatos están a organizar un novo calendario de mobilizacións.