17/3/2010
O vindeiro 25 de marzo está convocada a Mesa Sectorial para tratar o Anteproxecto do Decreto de Plurilingüismo
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación aínda non comunicou aos centros as axudas que lles corresponden aos Equipos de Normalización neste curso escolar, co que está a inviabilizar a realización das actividades de normalización Lingüística, pois non será até o terceiro trimestre do curso cando saiban que cantidade da solicitada nos orzamentos lles corresponde para a realización das mesmas.
16/3/2010
O alumnado de Infantil podería non ter contacto co galego até a Primaria
A CIG-Ensino presentaba, en rolda de prensa, a súa valoración do novo borrador de decreto contra o galego que incumpre non só o mandato estatutario, senón tamén a lexislación vixente na materia. Para a CIG-Ensino, supón un retroceso de 30 anos no proceso normalizador e, alén de manter as eivas do anterior, porque non recolle ningunha das propostas realizadas no período de consultas, proscribe o galego das materias científico-técnicas e introduce, por vez primeira nun decreto de normalización, a obriga de impartir certas materias en español.
15/3/2010
A CIG denuncia a nula vontade de negociar da consellaría
A CIG-Ensino denuncia a falta de vontade negociadora por parte da Consellaría de Educación, que vén de remitirlle aos integrantes do Consello Escolar de Galiza o mesmo borrador de anteproxecto de Decreto que se presentou ás Organizacións Sindicais para tratar na Mesa Sectorial. Este feito pon en evidencia que a Consellaría ten decidido non recoller ningunha achega das realizadas no seo da Mesa Sectorial, mesa de negociación que se reúne en primeiro lugar e onde debería negociarse este anteproxecto de Decreto, para logo ser presentado ao Consello Escolar recollendo xa as emendas realizadas na Mesa.
15/3/2010
Queremos Galego convoca concentracións en todas as comarcas, hoxe, ás 20:00 horas
A CIG-Ensino denuncia que as liñas xerais do Decreto presentadas pola Consellaría de Educación, están ideadas para afastar o noso idioma dos centros de ensino e procurar o seu descoñecemento entre a mocidade e afirma que supón un retroceso sen precedentes. Por primeira vez na historia da nosa lingua, un goberno galego “atenta abertamente contra o proceso de normalización na educación procurando un retroceso efectivo respecto da normativa en vigor. Fixa por primeira vez a obrigatoriedade de impartir as Matemáticas e a Física e Química e español”. Queremos Galego vén de convocar concentracións para este luns 15 de marzo, en todas as comarcas, ás 20:00 horas.
24/2/2010
Reclamara na mesa sectorial que as probas de acceso á función docente se realicen en lingua galega
A CIG-Ensino vén de denunciar "o talante antigalego do goberno do PP" que na convocatoria de acceso ao Corpo de Profesores de Ensino Secundario suprime a realización en galego da única parte que até o de agora estaba determinado e que si se mantén no caso do acceso ao Corpo de Mestres. A presentación e defensa da programación didáctica non supón máis alá dun tercio da totalidade da proba de acceso.
23/2/2010
O borrador pretende xeneralizar a impartición de módulos en lingua estranxeira esixindo un determinado nivel para o profesorado
Na mesa sectorial do 23 de febreiro debateuse o borrador do Decreto de ordenación xeral da FP do sistema educativo de Galiza. A CIG-Ensino criticou un dos aspectos máis preocupantes e regresivos desta proposta que é a nula referencia ao Decreto que regula o uso do noso idioma. Así, dentro da política de ataque sistemático ao noso idioma por parte desta Administración, o borrador de Decreto non recolle ningunha alusión ao uso do galego, mais si se recollen as linguas estranxeiras, até o extremo de que o borrador pretende xeneralizar a impartición de módulos en lingua estranxeira, esixindo un determinado nivel ao profesorado.