10/3/2010
Diante do proceso de traslado do persoal da planta de Outeiro de Rei á nova empresa
A CIG de Lugo demanda a Leche Pascual e a Alimentos Lácteos que garantan as condicións laborais de todos os traballadores e traballadoras da factoría de Outeiro de Rei, diante do proceso de traslado do persoal á nova empresa, así como que se asuma o compromiso de manter a totalidade dos empregos existentes antes da presentación do ERE, pois dos 155 traballadores/as que había en maio do ano pasado, tan só quedan 75 operarios/as neste momento. Así mesmo, a FGAMT-CIG quere aclarar que o persoal comezou a incorporarse progresivamente nos seus postos, mais aínda como persoal de Leche Pascual, xa que o traspaso a Alimentos Lácteos farase coa factoría en funcionamento, nunha data aínda sen concretar.
8/3/2010
Participaron profesionais do sector e representantes das asociacións de veciños/as da cidade
A CIG-Saúde de Lugo organizou unha xornada o pasado 3 de marzo baixo o título “Sanidade Pública. Novas políticas privatizadoras: olladas dende Lugo”, que contou coa participación de profesionais do sector así como membros das asociacións de veciños/as, que achegaron unha análise sobre as repercusións que vai ter para a cidadanía o proceso privatizador iniciado polo goberno galego.
26/2/2010
O vindeiro 3 de marzo ás 19horas, no salón de actos de Caixa Galicia
A Sección Sindical de CIG-Saúde de Lugo vai desenvolver unha xornada o vindeiro 3 de marzo a respecto do proceso de privatización da sanidade pública iniciado polo goberno da Xunta. A xornada terá lugar no salón de actos de Caixa Galicia dende ás 19 horas até as 21:30 horas.
23/2/2010
Durante a protesta, convocada pola CIG, os traballadores/as cortaron o tráfico no Polígono de Agrela
O persoal de Sykes Enterprises desenvolveu na xornada deste martes dous novos paros e concentracións, convocados pola CIG e secundados polo Comité de empresa, en contra dos despedimentos que a multinacional do telemarketing pretende levar adiante, concretados agora coa presentación dun ERE que afectará a 221 traballadores/as en A Coruña e 38 en Lugo. Os traballadores/as e traballadoras concentráronse ás portas do edificio de Sykes entre ás 10 e ás 10:30 horas e das 18 ás 18:30 horas, desenvolvendo ademais dous cortes de tráfico que dificultaron a circulación nunha das rúas principais do polígono de Agrela.
18/2/2010
A central reclama a reformulación das políticas do goberno para que esta crise non a pague a clase traballadora
Continuando co calendario de mobilizacións iniciado pola CIG en contra da proposta de reforma laboral, da seguridade social e a conxelación salarial, a central levou a cabo esta mañá unha nova manifestación, desta volta na cidade de Lugo. Alí, delegados e delegadas da CIG participaron nunha asemblea na que se avaliou as consecuencias da crise económica e das mudanzas que o Goberno pretende introducir no mercado laboral, recortando aínda máis os dereitos dos traballadores e as traballadoras. Posteriormente, baixo o lema “Por unhas políticas alternativas contra a crise, para que non a paguemos dende a clase traballadora”, os delegados e delegadas participaron nunha concentración diante da Subdelegación do Goberno dende onde marcharon até as portas da sede Confederación de Empresarios.
12/2/2010
A CIG lembra que cumprir a xornada nas entidades financeiras suporía crear 1.250 empregos
O día 11 de febreiro a CIG volveu saír á rúa, en Vigo e Lugo, para denunciar os acordos de “flexibilidade horaria” que están impoñendo os grandes bancos coa complicidade de CCOO e UGT. Acordos que rematan coa xornada regulada, dando paso ao traballo por obxectivos. Estes acordos consagran a impunidade para realizar milleiros de horas extras, que impiden a conciliación da vida laboral e persoal dos traballadores e traballadoras.