30/6/2009
A representación das traballadora/es reclama ao Conselleiro de Economía que aclare os termos da xuntanza mantida con Jove
Na mañá do luns 29 de xuño daba comezo o novo proceso negociador en Caramelo, dentro dun novo marco de relacións tutelado pola administración. Non obstante, a pesar da boa disposición dos representantes dos traballadores, a dirección da empresou teimou nas súas posturas intransixentes e na falta de vontade negociadora, negando que estea a desmantelar a fábrica de A Grela e presentado a mesma proposta de indemnizacións e prexubilacións de hai meses. Dada a actitude da dirección, o persoal de Caramelo tamén reclamou ao conselleiro de Economía que aclare os termos da conversa mantida co accionista maioritario da empresa, Manuel Jove, a respecto das propostas e respostas obtidas.
26/6/2009
A empresa propuxo parar dúas das tres liñas de producción durante a folga de 15 días sen garantir o reinicio da súa actividade
A Dirección da empresa propuxo aos
traballadores/as un sistema de servizos de seguranza e mantemento para as 15 xornadas
de folga convocadas a partir do venres 26 de xuño, que, segundo indicaron dende
a CIG de Verín, supón un “peche patronal ilegal”. A empresa pretende deter dúas
das tres liñas de produción, aínda que non achegou as garantías axeitadas para
o reinicio da actividade unha vez rematada a folga. Así mesmo, o Consello
Galego de Relacións Laborais conseguiu que a dirección da Vidreira aceptase
iniciar un proceso negociador, xunto coa CIG e a representación legal dos
traballadores/as a partir do vindeiro 1 de xullo.
24/6/2009
Reclaman unha xuntanza para fixar o prezo da xornada a maiores
Dezaseis dos dezasete axentes da policía Local
de Verín, tomaron a decisión de non seguir facendo horas extraordinarias durante
este verán se o alcalde do Concello non cumpre co acordado acadado na reunión
do pasado cinco de maio e se avén a negociar un prezo para o pagamento das
mesmas. Os axentes conceden ao rexedor local o prazo dunha semana para convocar
á representación dos traballadores/as a unha xuntanza.
23/6/2009
A CIG-Autonómica de Ourense lamenta que a única decisión do Concello até agora fose rebaixar o salario aos policías locais
A CIG-Autonómica exixiu ao alcalde do Concello de Celanova que convoque
de “xeito inmediato” a Mesa Xeral de Negociación para solucionar os problemas
laborais que padece o colectivo de traballadores/as da policía local. Dende a
CIG lémbrase que, ademais do cumprimento da lexislación, o alcalde ten pendente
de executar unha sentenza xudicial a respecto da elaboración da relación dos
postos de traballo e do establecemento das condicións laborais do persoal
municipal.
12/6/2009
A administración comprométese a "capitanear" un novo proceso de negociacións na empresa
A Consellaría de Economía e a de Traballo comprometéronse
a iniciar un novo proceso de negociación en Caramelo, capitaneado pola propia administración,
logo de ter coñecemento do informe contrario ao ERE emitido pola Inspección. E
así llo trasladaron aos traballadores/as na reunión celebrada na mañá do 12 de
xuño, mes e medio despois de ser solicitada polo Comité e os sindicatos, e co recente
decreto do peche patronal da fábrica.
11/6/2009
O venres continúa convocada a folga xeral para todo o sector
O xoves 11 de xuño comezaba a séptima xornada de folga pola negociación do convenio provincial do Metal de Pontevedra. O mércores 10 de xuño desde as doce da mañá comezaba unha xornada intensiva de negociación na Delegación da Xunta de Galiza en Vigo, coa presenza dos mediadores, dos representantes da patronal e da Comisión Negociadora das centrais sindicais. Non obstante, ás nove da noite suspendíanse as negociacións perante a postura intransixente da patronal que, a pesar da vontade negociadora da parte sindical, continuaba a presentar unha oferta salarial demasiado baixa. Nesta xornada de folga, de novo milleiros de traballadores e traballadoras sairon ás rúas, desta volta dun xeito máis masivo se cabe, visibilizando que o Metal non se rende, e que continúa a dar esta batalla pola dignidade e a xustiza.
11/6/2009
O representante da administración comprometeuse a trasladar á dirección da empresa a proposta presentada pola central
Membros do Comité e representantes da CIG-Verín
mantiveron na mañá do 10 de xuño unha reunión-mediación co “superdelegado” da
Xunta en Ourense para tentar buscar unha saída ao conflito que se vive na
Vidreira do Atlántico dende o ano pasado. Dende a CIG valoraron “positivamente”
o encontro, aínda que matizaron que a mediación entra dentro das funcións do
delegado da administración, ao tempo que subliñaron que a dirección da empresa
continúa a incumprir a súa obriga de negociar.