26/2/2010
Até o momento recolléronse máis de 15.000 sinaturas contra o peche deste centro asistencial
O persoal da Cruz Vermella de Vigo entregou o venres 26 de febreiro mais de oito mil sinaturas na Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde en Vigo en protesta polo peche do centro asistencial. Estas sinaturas somadas ás mais de seis mil apresentadas anteriormente suman un total de case quince mil recollidas ata o momento.
23/2/2010
Continúa a folga e as medidas de protesta logo do desplante do empresariado ao requirimento da Xunta
Traballadores e traballadoras de instalacións deportivas protagonizaron esta mañá peches simultáneos nos concellos de Ames, Ferrol, A Coruña e Pontevedra para demandar ás administracións municipais que presionen as empresas concesionarias dos centros para que senten a negociar, logo de que a patronal ignorase o requirimento da Xunta para acudir á xuntanza convocada na tarde do luns.
Os traballadores e traballadoras entenden que os concellos tamén deben
asumir a súa parte de responsabilidade do momento no que son quen
outorgan as concesións para a explotación das instalacións deportivas,
que son públicas, e os afectados, máis de 100.000 en toda Galiza, son
os seus veciños e veciñas.
19/2/2010
Os axentes rebentaron a porta cun mazo e identificaron a todas as persoas que participaron no encerro
Contra das tres da tarde a policía entraba a golpe de maza no despacho do Director Xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, para desaloxar pola forza ao grupo de traballadores e traballadoras de instalacións deportivas que permanecían pechados na sala dende ás dez da mañá para esixir a mediación real da Xunta neste conflito. Os axentes sacaron á forza aos presentes provocando contusións a varias das persoas que participaban desta acción así como procederon a identificar a todos os presentes. Paralelamente, arredor de douscentos traballadores/as do sector permanecían concentrados no exterior do edificio da Consellaría de Traballo e Benestar para reclamar á administración galega que cumpra cos seus compromisos.
19/2/2010
Anuncian que agardarán resposta da Conselleira de Sanidade até o luns, e que de non atender as súas demandas realizarán un peche indefinido nestas dependencias
Uns trinta traballadores/as do hospital da Cruz Vermella de Vigo pecháronse na mañá do venres 19 de febreiro na dirección provincial do Sergas, na rúa García Barbón, en Vigo para exixir unha reunión ou unha resposta da conselleira Pilar Farjas para abordar a cuestión do peche deste centro sanitario.Conseguiron con este peche o compromiso de que o luns terán nas súas mans un documento da Consellaria de Sanidade, en resposta as súas mobilizacións e demandas, mais xa adiantan que "nos pecharemos indefinidamente se non asume a Consellaria a súa responsabilidade na nosa situación e as repercusións que ten para as usuarias e usuarios deste centro".
9/2/2010
O 5 e o 8 de Febreiro houbo novas concentracións contra estes setenta despedimentos
Cortes de tránsito en Beiramar, concentracións e moito ruido para chamar á atención do que está a acontecer no hospital da Cruz Vermella de Vigo, iso é o que están a facer as traballadoras e traballadores deste hospital, asi como as centrais sindicais. O 8 de febreiro tivo lugar a primeira reunión sobre o ERE de extinción dos 70 contratos deste hospital e despois de tres horas de reunión non se chegou a ningún acordo, mentres se está a desmantelar pola via dos feitos este hospital co traslado dos pacientes a outros hospitais de fóra de Vigo, co transtorno para a súa saúde e os problemas que supón isto para as súas familias.
2/2/2010
Romperon cun mazo a porta da enfermeiria e destrozaron mobiliario
Ás doce e media da noite, catro dotacións de Policias Antidisturbios entraron nas instalacións do estaleiro de Barreras, rompendo cun mazo a porta da enfermeria onde estaban pechados e durmindo un grupo de 15 persoas da asemblea de parados do naval, e diante da violencia coa que entraron estes efectivos, os traballadores só puideron chamar á calma para que pararan de destrozar tanto o mobiliiario como as instalacións. O grupo de parados xa está fora das instalacións, foron identificados e non houbo detencións. e anuncian que na xornada do 2 de febreiro manterán asembleas para analizar que seguintes pasos tomar.