8/5/2012
O colectivo demanda que se destinen, cando menos, dous millóns de euros nos Presupostos xerais do Estado para actuacións na zona
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo fixo entrega este mediodía no Rexistro da Delegación do Goberno na Galiza das máis de 1.000 sinaturas recollidas en pouco máis de dúas semanas entre a veciñanza da Coruña e a súa comarca. Representantes do colectivo presentaron estas sinaturas a modo de alegacións-petición popular ao Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado e para esixir que estes inclúan partidas económicas destinadas ao saneamento e rexeneración integral da Ría.
13/4/2012
O colectivo denuncia o deixamento de funcións do Goberno galego e pon en dúbida os recentes anuncios da Consellaría de Medio Ambiente
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo anunciou este venres en rolda de prensa que a partir da vindeira semana iniciará unha recollida de sinaturas, a modo de alegacións, co obxectivo de esixir do Goberno español a dotación orzamentaria precisa para acometer o saneamento e rexeneración integral da ría. A campaña, que se vai desenvolver coincidindo co período de alegacións aos Orzamentos Xerais do Estado, trasladarase a diferentes puntos da comarca para recoller o meirande apoio posíbel e concluíra coa convocatoria de diversas accións de protesta.
5/4/2012
Unha vez máis os orzamentos xerais do estado non recollen as necesarias e urxentes actuacións que precisa a ría
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo quere denunciar a ofensa, o desprezo e o abandono do Goberno español do PP que vén de atrasar, unha vez máis, as urxentes actuacións que precisa a ría ao non consignar nin unha soa partida orzamentaria para o saneamento e rexeneración da zona.
3/10/2011
Reclaman da administración galega e estatal que poñan en marcha con carácter urxente un proxecto integral de saneamento, limpeza e rexeneración
Centos de persoas participaron este domingo 2 de outubro na manifestación convocada pola Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo para demandar das distintas administracións que abandonen as polémicas estériles e poñan en marcha con carácter urxente un proxecto integral de saneamento, limpeza e rexeneración ambiental da ría.
21/9/2011
No encontro recoñeceuse a existencia de vertidos á ría, mais reproducíronse novamente os desencontros entre a Xunta e o Goberno español
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo e a Confraría de Pescadores da Coruña cualificaron a xuntanza mantida esta tarde con representantes do Goberno español, a Xunta de Galiza e os concellos da comarca de absolutamente “frustrante” e improdutiva, xa que, explican, os convocados converteron a reunión nun “intento de xustificarse entre eles”.
16/9/2011
Diante da falta de entendemento entre os reponsábeis políticos que permitan a adopción de medidas urxente para a rexenación e limpeza da ría
Diante da falta de avances para un entendemento entre a Administración do Estado, o Goberno galego e as entidades locais, de cara a pór en marcha de xeito urxente todas as actuacións que precisa a Ría do Burgo, a Confraría de Pescadores da Coruña e a Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo veñen de convocar a todas as partes a unha xuntanza na Casa do Mar o vindeiro mércores 21 de setembro, ás 17:00 horas.
12/9/2011
O colectivo, que trasladou as súas denuncias até a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, demanda un entendemento entre Xunta e Estado
Representantes da Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo anunciaron esta mañá en rolda de prensa a convocatoria dunha manifestación o vindeiro domingo 2 de outubro para demandar das distintas administracións que abandonen as polémicas estériles e poñan en marcha con carácter urxente un proxecto integral de saneamento, limpeza e rexeneración ambiental da ría. A marcha, na que se agarda unha importante participación cidadá, sairá ás 12 do mediodía dende a Praza de Europa, no Burgo.