11/11/2010
Para esixir a retirada da reforma laboral, contra a modificación do sistema de pensións e da negociación colectiva e para rexeitar os regresivos orzamentos galegos
A CIG de Ferrol realizou este xoves unha asemblea de delegados e delegadas para informar da campaña de mobilizacións que a central está a desenvolver en contra das políticas antisociais postas en marcha polo goberno español e galego, e anunciar a convocatoria das manifestacións que o vindeiro 18 de novembro a CIG vai realizar en cada unha das comarcas. Durante a asemblea, tamén se abordou a situación do persoal do Souto de Leixa e se animou a participar na marcha que a plataforma SOS Sanidade Pública ten previsto desenvolver o 21 de novembro en Compostela.
29/10/2010
A Federación denuncia que a campaña propagandística do goberno galego non responde á dotación real que terá o Lucus Augusti
A CIG-Saúde vén de denunciar a falta de recursos destinados á dotación necesaria de persoal para o futuro hospital Lucus Augusti, reflectidos na tramitación dos orzamentos para o ano 2011 no Parlamento galego. Para a Federación de Saúde de Lugo este feito ten un significado especial, xa que se trata dunha nova promesa relacionada coa apertura do centro hospitalario que non se cumpre. De feito, sinalan, os únicos traballadores e traballadoras que se incorporarán a maiores serán os que acheguen os centros da Deputación que están por transferirse ao Sergas.
28/10/2010
Critican a redución orzamentaria que a Xunta está a aplicar no sistema sanitario público
As Plataformas pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol e A Coruña veñen de reiterar as denuncias contra os recortes orzamentarios que a Consellaría está a aplicar ao sistema sanitario público e que se teñen traducido, entre outras consecuencias, nunha preocupante falta de persoal e no incremento das listas de agarda.
22/9/2010
O colectivo está integrado por organizacións sociais, políticas, veciñais e sindicais, entre as que se atopa a CIG
A Federación de Asociacións de Veciños de A Coruña acollía esta mañá a rolda de prensa de presentación da Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública de A Coruña, que nace co obxectivo de converterse nun instrumento da cidadanía para o desenvolvemento dun sistema sanitario “público, forte, accesíbel, equitativo e eficaz”, afastado das políticas de privatización que o actual goberno galego está pondo en práctica. A Plataforma está integrada pola CIG, Asociación Coruñesa de Fibromialxia e Fatiga Crónica, BNG, CCOO, Federación de Asociacións de Veciños da Coruña e Área Metropolitana, PSdeG-PSOE, UGT e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria.
31/8/2010
CIG-Saúde reclama unha central de chamadas pública, racional e que evite as excesivas cargas de traballo ao persoal dos centros
O Goberno galego vai gastar dous millóns de euros para privatizar o servizo de cita previa de Atención Primaria, unha decisión que critican con dureza dende a CIG-Saúde, xa que, alén de avanzar no proceso de privatización da sanidade pública, esta nova contrata favorecerá a creación de emprego precario. A Federación de Saúde da CIG esixe a Xunta a promoción dun modelo máis racional e austero e que destine eses millóns de euros á contratación de persoal estatutario para alixeirar a sobrecarga de traballo que padecen os empregados/as dos centros sanitarios.
16/7/2010
O peche de camas e a falta de profesionais en numerosos servizos están a provocar unha importante diminución da calidade asistencial
A Comisión de Centro de Especializada do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) amosou o seu rexeitamento e a súa fonda preocupación polos importantes recortes orzamentarios que está a sufrir o Complexo Hospitalario, que traerán como consecuencia unha importante diminución na capacidade e na calidade asistencial achegada aos usuarios/as.
15/7/2010
O persoal trasladou a protesta aos despachos da Dirección de Área
Máis de 150 traballadores e traballadoras do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na área sanitaria de Ferrol continuaron esta maña co calendario de mobilizacións para protestar polas agresións que está a sufrir o persoal. Nesta ocasión concentráronse diante do Hospital Arquitecto Marcide da cidade departamental para posteriormente levar a protesta até o despacho da Dirección de Área, onde conseguiron que o seu máximo responsábel se comprometese verbalmente a sacar adiante os acoplamentos internos.