9/6/2010
A Federación critica que non se estea impartindo xa a formación previa necesaria para o persoal
A CIG-Saúde de Lugo amosou a súa preocupación polo hermetismo que a Consellaría de Sanidade mantén a respecto da apertura e organización do novo Hospital, que ten dado lugar a informacións “puntuais e pouco cohesionadas”. A Federación critica que até o momento non se ten coñecemento da data de inauguración do centro nin se ten planificado o proceso de formación entre o persoal para as innovacións tecnolóxicas, organizativas e dos novos servizos que van implantar, cuestión que está a xerar unha grande incerteza entre os traballadores/as.
12/5/2010
O vehículo só ten un condutor cando debería contar tamén cos servizos dun técnico
A FGAMT-CIG de A Coruña vén de denunciar as irregularidades que a Fundación 061 está a cometer na dotación do servizo de transporte sanitario urxente que atende á cidade herculina, pois ten en funcionamento unha ambulancia asistencial que incumpre a normativa autonómica. O vehículo non vai rotulado cos caracteres identificativos do 061 e tan só conta cun condutor cando a lexislación establece que este tipo de transporte ten que están atendido, ademais, por un técnico.
6/5/2010
Tan só existen dúas ambulancias para cubrir un servizo destinado a unha poboación de máis de 80.000 habitantes
A Unión Local da CIG de O Salnés vén de denunciar as deficiencias no servizos do transporte sanitario urxente desta comarca. O Secretario comarcal da FGAMT-CIG en Pontevedra, Xabier Aboi, o responsábel da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas, e os dous delegados da central no sector das ambulancias, Rodrigo Pazos e José Benito Charlín, presentaron esta mañá un informe comparativo no que se poñen de relevo todas as carencias existentes.
23/4/2010
Membros da Comisión de Centro do CHUVI mantiveron unha peche na dirección provincial do Sergas
Unhas 2.000 persoas percorreron as rúas de Vigo na tarde do xoves dende o Hospital Xeral de Vigo até a Dirección Provincial do Sergas para protestar, unha vez máis, contra as intencións do goberno do PP de privatizar a sanidade pública. Dende a CIG-Saúde denuncian os planos para a creación do novo hospital de Vigo, cuxo financiamento e construción a Xunta pretende que sexa privado, “eliminando así moitos postos de traballo públicos e pechándolle as portas a centos de traballadores/as que están nas listaxes de contratación”.
22/4/2010
Familiares dos pacientes que aínda permanecen no centro interviron ao remate da mobilización para esixir a continuidade da actividade
O mércores 21 de abril ás oito da tarde saía a manifestación contra o peche do hospital da Cruz Vermella de Vigo. Durante a manifestación, o nutrido grupo de manifestantes esixiron a continuidade do hospital e denunciaron a actuación dos responsábeis da ONG e ás ameazas e coaccións ás que teñen sometido a traballadores/as e aos/ás doentes e ás súas familias.
12/4/2010
A solución permitiría manter parte dos servizos no recinto urbano da cidade e desconxestionar os hospitais
Diante do traslado dos servizos achegados polo Centro de Especialidades situado na Praza de Ferrol ao novo hospital, a CIG-Saúde de Lugo reclamou que parte da atención sanitaria que achega este centro continúe manténdose no recinto urbano da cidade, tanto polo volume de doentes que atende como polas dificultades destes/as para achegarse até a localización do “Lucus Augusti”. Neste senso, dende a CIG-Saúde demandouse a transformación do Centro de especialidades nun Centro de Alta Resolución e a apertura dun proceso de negociación co persoal.
9/4/2010
Con saída ás 12 horas dende o Ambulatorio Fontenla Maristany
Este domingo 11 de abril continúan as mobilizacións en defensa da sanidade pública, desta volta en Ferrol. A Plataforma para a defensa da sanidade da área ferrolá ten convocada unha manifestación, con saída ás 12:00 horas dende o Ambulatorio Maristany, en contra das medidas privatizadoras que o goberno galego está a pór en marcha e na defensa dos postos de traballo.