8/2/2010
Denuncian que a empresa pretende desfacerse de persoal e que de 200 traballadores/as que había en 2005, só quedan 150
O Comité de Empresa de LEVANTINA, de O Porriño, denuncia a redución de persoal que se vén producindo na empresa nos últimos tempos: no ano 2005, cando aínda se chamaba Graniter, contaba con 200 traballadores/as e na actualidade con só 150; nos últimos 18 meses desfixéronse de 25 traballadoras/es baixo diferentes fórmulas, despedimentos, baixas incentivadas... e agora pretenden trasladar a sete traballadores/as máis, dos que 3 están no Comité de Empresa, dous gozan de redución de xornada por fillos menores, unha foi na candidatura da CIG e outra é eventual. Por iso anuncian o comezo de mobilizacións, con concentracións ás 14:00 horas coincidindo coa saída de persoal de produción e de administración.
8/2/2010
A CIG denunciou diante da Inspección de Traballo esta vulneración do dereito á folga, durante o oitavo día do paro indefinido
Logo dunha intensa fin de semana de mobilizacións e protestas, os traballadores e as traballadoras de instalacións deportivas iniciaban este luns o oitavo día da folga indefinida convocada no sector na procura dun convenio digno. A patronal mantense no seu inmobilismo, a pesar do chamamento que mesmo están a realizar dende os concellos, negándose a asumir unhas reivindicacións lexítimas, mentres contrata novo persoal para suplantar aos traballadores/as en folga, vulnerando os dereitos da clase obreira.
28/12/2009
Increparon e agrediron aos traballadores/as que secundaban os paros
A CIG-Servizos de Ferrol lamentou a actitude mantida por un grupo de persoas e membros do Clube de Natación da cidade durante a folga levada a cabo polos traballadores/as de instalacións deportivas entre os días 19 e 22 de decembro en demanda dun convenio digno. Ditas persoas, segundo informan dende a Federación, non dubidaron en increpar e agredir aos folguistas durante os paros. Así mesmo, critican a tardanza da policía local, á que tiveron que avisar para levantar acta por vulneración do dereito á folga, e agradeceron a colaboración da gran maioría dos usuarios/as dos centros durante as catro xornadas de paros.
16/6/2009
O mércores 17 de xuño, ás 11:30 horas, diante da Oficina principal de A Coruña no Cantón Pequeno
A sección sindical da CIG en Banesto ten
convocada unha concentración o vindeiro mércores 17 de xuño, a partir das 11:30
horas, diante da Oficina principal da Entidade en A Coruña (Cantón Pequeno 15),
que ao mesmo tempo é a Sede da Dirección Territorial de Galiza e Asturias. Coa
protesta quérense denunciar as prácticas laborais levadas a cabo pola dirección
de Banesto, que baixo a escusa da crise e a implantación do medo, está
obrigando aos traballadores e traballadoras, sistematicamente en todas as
oficinas, a realizar xornadas laborais dobradas, “en contra de calquera
normativa básica como pode ser o Convenio Colectivo e da predicada e presumida
Conciliación da vida familiar e laboral”.
28/5/2009
O martes 2 de xuño, ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno de Ourense
A CIG de Verín fixo un chamamento a todos os
afiliados e afiliadas a participar na concentración convocada o vindeiro martes
2 de xuño, ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno de Ourense. O
obxecto da mobilización é amosar a solidariedade cos compañeiros/as que
traballan no Concello de Rairiz de Veiga e rexeitar a actitude de “discriminación,
intransixencia e desprezo absoluto aos dereitos dos traballadores/as” amosada
polo rexedor local.
9/10/2008
Preto de 200 casos de vulneración dos dereitos lingüísticos na cidade da Coruña
A Mesa pola Normalización
Lingüística e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello da Coruña veñen
de facer balance dos primeiros dez meses de funcionamento no ámbito municipal
da Liña do Galego. Un servizo coordinado pola Mesa que ten como obxectivo velar
polos dereitos lingüísicos da cidadanía, que se pode dirixir á asociación para lle
facer chegar consultas sobre cales son estes dereitos, queixas no caso de que
sexan vulnerados e mesmo enviar parabéns a aquelas empresas que deron pasos na
inclusión do galego.