Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/10/2009
Secretario xeral da central sindical vasca ELA.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : economía : : patronal :
Agochar causas para seguir a facer o mesmo

A crise non é só económica, é tamén e fundamentalmente política. A política fixo aquilo que quería o capital e a patronal: conceder máis privilexios aos poderosos e deixalos facer. E malia o fracaso dese modelo, a clase política non quere dar marcha atrás. Non se quere dignificar a política se leva ir en contra dos privilexiados. Por iso teiman en agochar as causas da crise. Se aceptásemos non falar de causas e que as oculten con moita propaganda, deixariámoslles o camiño libre para seguiren facendo o mesmo.

Que aconteceu? Que o poder económico logrou que o poder político se puxese ao seu servizo para favorecer unha economía esencialmente especulativa. Reformas orientadas a acumular capital, desregular e especular en todos os mercados posíbeis, provocando unha repartición da riqueza aínda máis inxusto. Dicían que o beneficio privado era o investimento produtivo de mañá e os empregos de pasado mañá. Falso. Unha parte do movemento sindical denunciou o compoñente especulativo dos beneficios, pero pretenderon ignorarnos. Á fin e ao cabo, os gobernos actuaron coma se dunha extensión do poder económico se tratase.

Hai moita hipocrisía. Permítese dar clases de ética un de quen máis proveito tirou desta situación de crise. Así, Francisco González, presidente do BBVA, nunha entrevista en «Financial Times» afirmaba: «As dúas principais causas desta crise son unha pobre regulación e a cobiza de moitos banqueiros» (sic). Se nos descoidamos, esta xente róubanos tamén o discurso. Crearon un sistema que «garantía» ganancias obscenas e os seus medios de comunicación preséntano como un ser honorábel.

Política laboral. Para masificar beneficios impúxose precariedade e baixos salarios porque así -dicían- as empresas gañaban en «competitividade». Falso. Gañaba o empresario, e moito. Sabemos que non van recoñecer o fracaso dese «modelo». Seguen no mesmo. A patronal e os que máis destacan defendendo os seus intereses (PP, CIU, PNV...) reclaman en Madrid unha nova reforma laboral para «acabar coa dualidade contractual entre os contratos indefinidos e temporais». Faríano do único xeito que saben: igualando os niveis de precariedade para todos. Co argumento de reducir a temporalidade espremeron o Dereito laboral até facelo irrecoñecible e así dar máis poder ao empresario. Queren seguir igual.

As leis a favor do empresariado abriron o camiño ao beneficio fácil e converteron a patronal nunha pedichona, permanentemente subvencionada. Ese «sistema», aceptado por gobernos, atopou sempre como solución máis precariedade e diñeiro para as empresas. Pois ben, o déficit histórico e estrutural de moitas empresas en I+D+i, o baixo peso relativo da industria, a dependencia tecnolóxica exterior... ten que ver con ese «modelo». Para que realizar investimentos necesarios sendo tan sinxelo gañar diñeiro no especulativo? A precariedade significou para a patronal unha vantaxe comparativa moi importante e, ademais, unha falta de aliciente. Lograron máis beneficios que nunca e no canto de destinalos a investimento produtivo leváronos a mercados especulativos. Jan Kregel, unha autoridade mundial en finanzas e desenvolvemento, dicía nunha entrevista recente: «Non hai ningún caso na historia no que un aumento da flexibilidade no mercado laboral diminúa o paro». É igual. Non é un problema científico, son intereses. A clase política non vai facer caso a esas opinións porque fai política por encargo da patronal.

Política fiscal. Algo parecido sucede coa fiscalidade. O Concerto e o Convenio Económico utilizáronse para deixar diñeiro no peto dos ricos. Reducir tipos ás rendas altas, quitarlles impostos (Patrimonio), crear figuras opacas para imitar aos paraísos fiscais (SICAV), eliminar a progresividade ás rendas de capital, consentir a fraude... É moi difícil facer unha utilización máis antisocial desa capacidade normativa. Só dicir que unha presión fiscal similar á media da UE permitiría recadar 5.300 millóns de euros máis. Un diñeiro imprescindíbel para necesidades sociais.

Di a patronal que subir os impostos ao capital afecta negativamente á «competitividade». Non. Afecta ao peto dos que hai tempo decidiron que non queren pagar impostos. Se o argumento patronal fose certo, en Suecia, Dinamarca, Noruega, Alemaña, Francia... as empresas fuxirían e estarían instaladas en Cimbabue. Non é así. Alí onde a presión fiscal é máis alta tamén o é o gasto social e, por suposto, o peso do sector público na economía. Ese déficit de presenza pública na economía bótase de menos agora.

Conclusións. Agora a política elude a súa responsabilidade. Non paran de repetir unha frase para aparentar preocupación e mostrar iniciativa. Cítana, repítena e detrás dela só hai baleiro. «Hai que cambiar o sistema produtivo». Non. Queren facer o mesmo. O poder político segue cativo dos intereses económicos para non discutir os seus privilexios. Se é necesario, como sucede na fiscalidade, toma decisións ás agachadas, sen información nin participación social. Si, a crise é política. E as solucións tamén.

Vaise seguir destruíndo emprego, van culpar aos salarios e a condicionar novas reformas e, desde xa, co obxectivo de absorber os déficits públicos creados axudando á banca, os gobernos van arremeter contra o gasto social. Para iso contan entre as súas armas coa ausencia de información e de debate; e a manipulación da opinión pública. Non lles interesa debater o máis mínimo. Queren unha sociedade anodina e desmobilizada, mentres nós necesitamos unha sociedade comprometida, consciente e solidaria.

O sindicalismo que opta por non dar cobertura a gobernos e patronal neses obxectivos ten moito traballo. Ten que se esforzar en propor alternativas, socializalas e mobilizar as súas forzas. Ten que explicar as súas razóns, que as ten, e moi poderosas. Ten que organizar a súa militancia para que esas propostas cheguen, se debatan e calen na sociedade, empezando pola clase traballadora. Só así se verán obrigados a cambiar esas políticas. Necesitamos un rearmamento cultural, social e político. A campaña que vai desenvolver a maioría sindical vasca ten eses obxectivos: que a militancia sindical ocupe o espazo que lle corresponde na nosa sociedade. Sen pedir permiso a ninguén.

 

[Artigo tirado do xornal vasco 'Gara', do 1 de outubro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com