Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/10/2010

Directora Xeral Fundación Centro de Estudos Estratéxicos de Seguridade de Estado (CESE)

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Detrás do Golpe en Ecuador: A dereita ao ataque contra a ALBA

Un novo intento de golpe contra un país da Alianza Bolivariana para os pobos da nosa América (ALBA) atenta contra a integración latinoamericana e o avance dos procesos de revolución democrática. A dereita está ao ataque. O seu éxito en 2009 en Honduras contra o goberno de Manuel Zelaya, encheunos de enerxía, azos e confianza para poder arremeter contra os pobos e gobernos de revolución en América Latina.

 As eleccións do domingo 26 de setembro en Venezuela, aínda que resultaron vitoriosas principalmente para o Partido Socialista Unida de Venezuela (PSUV), cederon espazo ás máis reaccionarias e perigosas forzas de desestabilización que están ao servizo dos intereses imperiais. Estados Unidos logrou colocar as súas pezas chave na Asemblea Nacional de Venezuela, dándolles unha plataforma para avanzaren cos seus plans conspirativos para socavar a democracia venezolana.

 O día despois das eleccións en Venezuela, a militante pola paz en Colombia, Piedad Córdoba, foi inhabilitada como Senadora da República de Colombia pola Procuradoría nacional, con base en acusacións e evidencias falsas. Pero o ataque contra a Senadora Piedad, simboliza un ataque contra as forzas do progreso en Colombia que buscan solucións verdadeiras e pacíficas ao conflito de guerra que padecen durante máis de 60 anos.

 E agora, o xoves, 30 de setembro, Ecuador amenceu de golpe. Policías insubordinados tomaron varias instalacións na capital de Quito, creando o caos e o pánico no país. Supostamente, protestaban en contra dunha nova lei aprobada pola Asemblea Nacional o mércores, que segundo eles recortaba os seus beneficios laborais.

 O Presidente Rafael Correa, nun intento de resolver a situación, dirixiuse á policía insubordinada, pero foi atacado por obxectos contundentes e bombas lagrimóxenas, causándolle unha mancadura na perna e unha asfixia polo gas. Foi trasladado ao hospital militar na cidade de Quito, onde logo foi secuestrado e mantido baixo forza sen poder saír.

 Entrementres, movementos populares tomaron as rúas de Quito, reclamando a liberación do seu Presidente, re-electo democraticamente o ano pasado cunha inmensa maioría. Miles de ecuatorianos alzaron a súa voz en apoio ao Presidente Correa, intentando rescatar a súa democracia das mans de forzas golpistas que buscaban provocar a saída forzada do goberno nacional.

 Nun dramático operativo, o Presidente Correa foi rescatado nunha operación por forzas especiais do exército ecuatoriano no medio da noite. Denunciou o seu secuestro por parte da policía golpista e responsabilizou directamente o ex-Presidente Lucio Gutiérrez pola execución do golpe de estado. Gutiérrez foi candidato presidencial en 2009 contra o Presidente Correa, e perdeu fronte á inmensa maioría de máis de 55% que votou por Correa.

 Durante os acontecementos de hoxe, Lucio Gutiérrez declarou que “a fin da tiranía de Correa está preto”, pedindo ademais “disolver o Parlamento” e demandou “eleccións presidenciais anticipadas”.

 Pero ademais do papel chave de Gutiérrez, hai factores externos involucrados neste intento de golpe que moven as súas pezas de novo.

 POLICÍA INFILTRADA

 Segundo o xornalista Jean-Guy Allard, un informe oficial do Ministro de Defensa de Ecuador, Javier Ponce, difundido en outubro 2008 revelou “como diplomáticos norteamericanos se dedicaban a corromper á policía e as Forzas Armadas”.

 O informe afirmaba que unidades da policía “manteñen unha dependencia económica informal con Estados Unidos, para o pagamento de informantes, capacitación, equipamento e operacións”.

 En resposta á información, a embaixadora de Estados Unidos en Ecuador, Heather Hodges, declarou: “Nós traballamos co goberno de Ecuador, cos militares e coa policía para fins moi importantes para a seguridade”, xustificando a colaboración. Segundo Hodges, o traballo coas forzas de seguridade de Ecuador está relacionado coa “loita contra o narcotráfico”.

 A EMBAIXADORA

A embaixadora Heather Hodges foi enviada a Ecuador en 2008 polo daquela Presidente George W. Bush. Anteriormente, tivo unha xestión exitosa como embaixadora en Moldolvia, país socialista que antes formaba parte da Unión Soviética. En Moldovia deixou sementada a pista para unha “revolución de cores” que ocorreu, sen éxito, en abril 2009 contra a maioría elixida do partido comunista no parlamento.

 Hodges estivo fronte á Oficina de Asuntos Cubanos, como Subdirectora en 1991, división do Departamento de Estado que se dedica a promover a desestabilización en Cuba. Dous anos despois, foi enviada a Nicaragua, para consolidar a xestión de Violeta Chamorro, presidenta seleccionada por Estados Unidos logo da guerra sucia contra o goberno Sandista que logrou a súa saída do poder en 1989.

 Cando Bush a enviou a Ecuador, era coa intención de sementar a desestabilización contra Correa, no caso de que o presidente ecuatoriano se negase a subordinarse á axenda de Washington. Hodges logrou incrementar o orzamento da USAID e NED para organizacións sociais e grupos políticos que promoven os intereses de Estados Unidos, mesmo no sector indíxena.

 Fronte á reelección do Presidente Correa en 2009, baseada na nova constitución aprobada en 2008 por unha maioría contundente de ecuatorianos e ecuatorianas, a embaixada comezou a fomentar desestabilización.

 USAID

 Algúns grupos sociais progresistas expresaron o seu descontento coas políticas do goberno de Correa. Non hai dúbida de que existen lexítimas queixas e demandas ao seu goberno. Non todos os grupos ou organizacións que están en contra das políticas de Correa son axentes imperiais. Pero si existe un sector dentro deles que recibe financiamento e consignas para provocar situacións de desestabilización no país, máis aló das expresiónes naturais de crítica ou oposición a un goberno.

 No 2010, o Departamento de Estado aumentou o orzamento da USAID en Ecuador a máis de 38 millóns de dólares. Nos últimos anos, un total de 5,640,000 de dólares en fondos foron investidos no traballo de “descentralización” no país. Un dos principais executores dos programas da USAID en Ecuador é a mesma empresa que opera coa dereita en Bolivia: Chemonics, Inc. Ao mesmo tempo, a NED outorgou un convenio de 125,806 de dólares ao Centro para a Empresa Privada (CIPE) para promover os tratados de libre comercio, a globalización e a autonomía rexional a través da radio, television e prensa ecuatoriano, xunto co Instituto Ecuatoriano de Economía Política.

 Organizacións en Ecuador como Participación Cidadá e Pro-xustiza dispuxeron de financiamento de USAID e NED, tanto como membros e sectores de CODEMPE, Pachakutik, a CONAIE, a Corporación Empresarial Indíxena do Ecuador e a Fundación Qellkaj.

 Durante os acontecementos do xoves 30 de setembro en Ecuador, un dos grupos con sectores financiados pola USAID e NED, Pachakutik, emitiu un comunicado apoiando a policía golpista e esixindo a renuncia do Presidente Rafael Correa e responsabilizándoo polos feitos. Mesmamente o acusou de manter unha “actitude ditatorial”. Pachakutik entrou en alianza política con Lucio Gutiérrez en 2002 e o seu vínculo co ex-presidente é ben coñecido.

 O guión utilizado en Venezuela e Honduras repítese de novo. Intentan responsabilizar o Presidente e o goberno polo “golpe”, e despois forzar a súa saída do poder. O golpe contra Ecuador é a próxima fase da agresión permanente contra ALBA e os movementos revolucionarios na rexión.

 O pobo ecuatoriano mantívose mobilizado en rexeitamento do intento golpista, mentres as forzas progresistas da rexión se axuntaron para expresar a súa solidariedade e respaldo ao Presidente Correa e o seu goberno.

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Centro de Alerta’, 1 de outubro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com