Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/10/2010
Sociólogo e politólogo arxentino. Actualmente é director de PLED, o Programa Latinoamericano de Educación a Distancia en Ciencias Sociais. Durante varios anos foi o secretario executivo de CLACSO, o Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais. É autor de ducias de artigos e de libros; entre estes últimos salientan títulos como Imperio e imperialismo (2002) e Estado, capitalismo y democracia en América Latina (2003).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Venezuela: leccións do 26-S

Non hai migración do voto chavista cara á dereita, que era o que esperaba a reacción. O que si hai é un (comprensíbel) desencanto ou anoxo da base bolivariana con algunhas ofertas electorais propostas polo PSUV e un (tamén comprensíbel) malestar ante os problemas que afectan a vida cotiá dos sectores populares...

 O pasado domingo houbo en Venezuela varias eleccións. Unha foi de carácter nacional, realizada a distrito único, e que elixiu os deputados venezolanos que farán parte do Parlamento Latinoamericano (Parlatino). Outra, a dos deputados da Asemblea Nacional, foi a caprichosa sumatoria dun conxunto de situacións en cada estado e nas cales factores tales como as desafortunadas -ás veces impopulares- designacións dalgúns candidatos chavistas e o desprestixio ou a indiferenza das autoridades locais xogaron decisivamente en contra das expectativas oficiais. A ninguén se lle escapa, ademais, que as eleccións lexislativas invariabelmente dan resultados distintos das presidenciais porque nestas a gravitación dun líder de masas -e nada menos que dun líder da talla de Chávez!- queda mediatizada polas calidades dos seus representantes locais, as máis das veces para a súa desgraza. Analizar estas dúas eleccións, convocadas simultaneamente, ofrécenos un cadro case experimental que permite calibrar algúns datos de importancia para a caracterización do escenario político que se abre en Venezuela a partir do 26-S.

 Nas eleccións para o Parlatino o voto popular, expresado á marxe daqueles condicionantes locais, deu os seguintes resultados: 5.268.939 para a alianza PSUV-PCV contra 5.077.043 dos seus adversarios, ou sexa 46.71 % dos votos contra o 45.01 do heteróclito conglomerado opositor. No referendo do 2007 o chavismo obtivera 4.404.626 votos, contra 4.521.494 dos partidarios de rexeitar a nova constitución socialista. Do anterior, dedúcese que na elección do 26-S o goberno aumentou o seu gravitación electoral en case 900.000 votos mentres que a oposición fíxoo en algo menos de 500.000. Nas presidenciais de decembro do 2006 Chávez fora re-electo con 7.309.080 votos, en contra da coalición dereitista liderada por Manuel Rosales, que se alzou con 4.292.466 sufraxios.

 Obviamente que calquera comparación destas cifras debe facerse moi cautelosamente pero indican algo interesante, polo menos como unha tendencia: (a) que o goberno se debilita, e moito, en eleccións nas cales Chávez non é candidato. Entre o 2006 e o 2010 hai uns dous millóns de votos que se afastaron das fileiras bolivarianas, aínda que sería un groso erro inferir, a xulgar polo que veu ocorrendo desde 1998, que ese afastamento sexa definitivo. O máis probábel é que os desilusionados cos candidatos locais volvan, mesmo masivamente, a votar por Chávez nas presidenciais do 2012 a condición, está claro, de que este sexa o candidato; (b) aínda que a dereita medra cando Chávez non compite o seu crecemento parece ter un teito relativamente baixo. En condicións moi favorábeis para ela, que é ben improbábel que volvan repetirse no futuro, apenas rabuña os cinco millóns de votos. Noutras palabras, non hai migración do voto chavista cara á dereita, que era o que esperaba a reacción. O que si hai é un (comprensíbel) desencanto ou anoxo da base bolivariana con algunhas ofertas electorais propostas polo PSUV e un (tamén comprensíbel) malestar ante os problemas que afectan a vida cotiá dos sectores populares, como veremos máis abaixo. Pero o que non hai, e isto é unha gran vitoria ideolóxica do goberno de Chávez, é unha fascistización ou dereitización dos sectores populares, o cal non é pouca cousa. O pobo sabe que, máis aló das limitacións da acción gobernamental, da súa corrupción ou a súa ineficiencia, o certo é que foi a revolución bolivariana quen lle conferiu a dignidade e os dereitos fundamentais dunha cidadanía que non é só política e xurídica, limitada ao sufraxio, senón tamén económica e social. E esa revolución operada no plano da conciencia resiste os máis diversos avatares, as penurias económicas, ou os inconvenientes e incomodidades derivadas, por exemplo de situacións como a crise enerxética. Aí, no plano da conciencia, atópase unha formidábel muralla que a propaganda da dereita non puido derrubar.

 Cómpre ter en conta que foron varios os factores que incidiron negativamente sobre o goberno nestas eleccións e que xeraron o malhumor social en contra de non poucos candidatos oficialistas: a crise enerxética, a inflación, o desabastecemento, a inseguridade, a ineficiencia no funcionamento do aparello estatal, o influxo desmoralizante da ostentosa “boliburguesía” e as súas corruptelas, fenómenos obxectivos pero que foron axigantados extraordinariamente pola oligarquía mediática venezolana e internacional nunha extensa e custosísima campaña sen precedentes na rexión: a CNN producindo un insólito documental claramente orientado a amedoñar a poboación en vésperas das eleccións!, e a “prensa seria” de América Latina, Estados Unidos e Europa -que de seria non ten nada- fustigando a diario a Chávez e descargando unha fenomenal enxurrada de mentiras que, a pesar dos seus afáns, non produciu o efecto desexado que, por certo, era moito máis que obter o 40 % dos escanos na Asemblea Nacional. Ían por máis, por moito máis: querían recrear en Venezuela as condicións parlamentarias que en Honduras fixeron posíbel golpe de estado en contra de Mel Zelaya, pero a xogada non lles saíu ben e seguramente volverán á carga. Esta descarada campaña mediática foi acompañada por un verdadeiro diluvio de máis de 80 millóns de dólares que tan só neste ano foron canalizados -a través de “inocentes e independentes” ONGs europeas e estadounidenses, pérfidos instrumentos do intervencionismo norteamericano- cara ao conglomerado de forzas políticas opositoras baixo o pretexto do “empoderamento da sociedade civil”, “educación cidadá” e outras argalladas polo estilo.

 Malia todo o anterior, Chávez obtivo unha cómoda maioría na Asemblea Nacional e a dereita ten agora 20 escanos menos que os que, por exemplo, tiña no 2000; e aínda que aquel non poderá obter dese corpo facultades extraordinarias ten unha maioría suficientemente ampla como para seguir avanzando no proceso de transformacións no cal está inmersa Venezuela. Non ten sentido ningún, por isto mesmo, falar do inicio dunha fase Termidoriana como consecuencia do recente resultado electoral. A condición de que, está claro, se faga unha correcta lectura da mensaxe enviada polo pobo bolivariano evitándose as actitudes negadoras dos que cren que os problemas se solucionan ignorándoos; tómese acaída nota dos erros cometidos e os grandes desafíos con que se enfronta o goberno e, lémbrese, sobre todo, que non haberá de ser a mecánica parlamentaria a que lle irá a insuflar nova vida á Revolución Bolivariana senón a eficaz tarefa de organizar, mobilizar e concienciar as propias bases do chavismo, procesos que ou ben se atopan longamente demorados ou foron realizados moi defectuosamente.

 A tarefa por diante é enorme, pero non imposíbel. Hai que revisar e rectificar moitas cousas, desde a calidade da xestión pública até o funcionamento do PSUV e os seus procesos de selección de dirixentes, que nalgúns casos errou miserabelmente. A pesar do que din os publicistas do imperio, admiradores por exemplo da democracia uribista en Colombia, Chávez ten un record democrático extraordinario, inigualado a nivel mundial: en eleccións rigorosamente vixiadas triunfou en 15 das 16 convocadas desde 1998. A diferenza do ocorrido en tantos países -desde o roubo das eleccións do 2000 en Estados Unidos, cando Al Gore derrotou a George Bush Jr. por medio millón de votos e o Tribunal Superior do Estado de Florida, casualmente gobernado por Jebb Bush, “corrixiu” nas cortes esta “gralla” do electorado, até os fenomenais roubos perpetrados en México primeiro polo PRI, en 1988, contra Cuauhtémoc Cárdenas, e logo polo PAN, no 2006, contra Andrés Manuel López Obrador- na Venezuela bolivariana endexamais houbo fraude.

 Este excepcional labor de Chávez, fundado na profunda identificación que existe entre o pobo e o seu líder, permite prognosticar que se corrixe o que debe ser corrixido e se relanza o proceso revolucionario o pobo validaria unha vez máis a presidencia no 2012. Non só Venezuela senón América Latina e o Caribe necesitan que así sexa.

 

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 29 de setembro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com