Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: rescate bancario, mais a que prezo?

Fronte a unha perigosa débeda privada das institucións financeiras (nomeadamente bancos), dado que repousa sobre a acumulación de créditos hipotecarios de risco e xa que logo cunha forte probabilidade de falta de pagamento, o reino de España, aconsellado por diversas sociedades privadas, decidiu transferir o devandito risco ás institucións públicas. Pero quen son estas sociedades privadas e a que intereses serven?

 O 21 de xuño de 2012, os auditores Oliver Wyman e Roland Berger, contratados polo goberno de Rajoy, entregan os seus tan agardados informes e confirman o que todo o mundo sabía: o sector bancario español necesita ser saneado. Precisan, porén, que o montante necesario podería chegar até os 62.000 millóns de euros. Estas sociedades privadas embolsaron a bagatela de 2 millóns de euros a custo do contribuínte por este traballo “de expertos”. Mais quen son estes auditores que se supón asesorarán axeitadamente? E a quen beneficia este asesoramento?

 Oliver Wyman é unha asesoría que emprega 2900 consultores repartidos en 25 países do mundo. Pertence na súa totalidade ao corredor de seguros estadounidense Marsh.

 En 2006, Oliver Wyman clasifica a Anglo Irish Bank como “mellor banca do mundo”, tres anos antes de que esta revelase perdas por valor de 17.600 millóns de euros e deba ser rescatada polo Estado irlandés. As consecuencias foron catastróficas para Irlanda, caída nas redes da troika (Unión Europea, FMI e BCE) que inxecta fondos con xuros baixo austeras condicións. Foi o ‘Financial Times’ o que publicou en 2011 a devandita clasificación mundial de bancas establecido por esta auditora, posto que o informe que concedía esta distinción fatídica desaparecera misteriosamente da web de Oliver Wyman. |1|

 Pero iso non é todo. Os consultores de Oliver Wyman aconsellaron a Citigroup que comprase produtos dubidosos, que se atopan na orixe da crise das hipotecas lixo (‘subprimes’). Resultado, os ditos investimentos ocasionaron perdas por volta dos 50.000 millóns de dólares (37.000 millóns de euros) |2|, arrastrando á creba ao primeiro banco norteamericano. Citigroup recibiría seguidamente case 2.500.000.000.000 de dólares da FED, o Banco Central de Estados Unidos. |3|

 Non podemos agardar nada mellor da segunda auditora privada chamada a diagnosticar o sector bancario español; especializada en asesorar multinacionais, tanto do sector financeiro como do non financeiro, e próximo a gobernos e institucións, Roland Berger Strategy Consultants foi creada en Alemaña polo universitario Roland Berger en 1967. Aos 75 anos, o influente Berger, confidente dos grandes patróns alemáns, asesora a chanceler Angela Merkel e o presidente portugués Aníbal Cavaco Silva. Con 2.000 consultores repartidos en 24 países (Europa, Asia e América), o grupo converteuse nun dos principais gabinetes de asesoría de estratexia e proxecta a creación dunha axencia de cualificación europea.

 En outubro de 2011, Roland Berger Strategy Consultants e o seu presidente director, Martin Wittig, asesoran a Angela Merkel para resolver o sobreendebedamento de Grecia. O plan, bautizado como “Eureka”, está calcado do sistema implementado en Alemaña no momento da reunificación en 1990 para reestruturar e privatizar preto de 8.500 empresas da ex RDA. |4| Pretende reagrupar un conxunto de activos públicos taxados en 125 millóns de euros (autoestradas, aeroportos, portos, propiedade inmobiliaria, telefonía...) nunha estrutura común comprada por unha institución europea e “financiada polos Estados, cuxa sede podería situarse en Luxemburgo” a fin de pilotar a cesión dos devanditos activos, cun vencemento fixado en 2025. Os honorarios de xestión incumben pois aos Estados. Os 125.000 millóns recollidos deberían servir a Grecia para desendebedarse comprando as súas obrigas ao BCE e ao FEEF (Fondo Europeo de Estabilidade Financeira). Falando claro, os Estados europeos toman ao seu cargo a venda a bo prezo para o sector privado do que queda público en Grecia e o diñeiro da venda non queda na caixa do Estado senón que parte de novo ao BCE co pretexto de cancelar os créditos que supostamente salvarían a Grecia. Xa que logo, segundo os seus creadores, este plan permitiría a Atenas, que xa non se pode financiar, (o que significa non poder endebedarse vendendo bonos ou obrigas a longo prazo), o regreso aos mercados (é dicir, endebedarse vendendo estes famosos bonos, por exemplo a 10 anos.) |5|

 Endebedarse para pagar antigas débedas coa pretensión de resolver o problema, ten un aire de déjà vu: os países do sur pagaron xa moitas veces a débeda que debían no momento da crise da débeda dos anos 80, pero continúan endebedándose para devolver... Co xogo dos xuros, este círculo vicioso do endebedamento pechouse sobre eles e os acredores dispoñen da última palabra para calquera cambio político de importancia. En suma, un verdadeiro agasallo envelenado para os gregos e, ademais, para os pobos europeos.

 Nunha tribuna do xornal Le Monde |6| , Bernard de Montferrand, membro do gabinete Roland Berger Strategy Consultants e antigo embaixador de Francia en Berlín, láiase de que o plan non foi conservado e suxire unha privatización a escala continental: “Pero unha nova forma de Eureka europeo, destinado primeiro aos países do sur de Europa que están asfixiados polo seu endebedamento e pola redución acelerada dos seus déficits tería un efecto de desmultiplicación e abriría unha perspectiva política sen equivalente e sobre todo máis rápida”.

 Ademais, o proxecto dunha axencia de cualificación europea non está morto, tal e como anunciou a prensa a metade de abril de 2012. Markus Krall, o pai do concepto, dimitiu das súas funcións en Roland Berger a principio de maio de 2012 para se converter no presidente director da fundación encargada de tal axencia de cualificación. |7| Sabendo que as axencias de cualificación aceleraron e agravaron a crise, cando deberan anticipala, temos todos os motivos para sermos escépticos.

 Tras desembolsar preto de dous millóns de euros para ofrecerse os servizos de Oliver Wyman e Roland Berger, cargados de tests de estrés aos bancos, o Estado paga á sociedade Álvarez & Marsal máis de dous millóns de euros polo seu traballo de xestión do “banco malo”, entidade que aglutinará todos os activos tóxicos dos bancos nacionalizados. Velaquí preto de catro millóns de euros gastados en pouco tempo polo Estado en tres sociedades privadas, que supostamente obran polo ben público. Se o Estado soubese mostrarse tan pródigo cando se trata de financiar a protección social e os servizos públicos...

_______________________________________________________________

Notas:

|1| Web de Oliver Wyman : http://www.oliverwyman.com/. Ver a lista en : http://networkedblogs.com/z38s4 o en http://ftalphaville.ft.com/blog/2011/02/11/485311/worlds-best-bank-2006-vintage/

|2| Ler Oliver Wyman nombró a Anglo Irish mejor banco del mundo antes de su rescate, ABC, 21/05/2012, http://www.abc.es/20120521/economia/abci-roland-berger-oliver-wyman-201205211644.html

|3| Ler Maria Lucia Fattorelli: AUDITORIA: una herramienta esencial para probar el origen y las causas de la actual crisis de “deuda” de los Estados Unidos y Europa. http://cadtm.org/AUDITORIA-una-herramienta-esencial

|4| A Treuhand é o organismo creado en 1990 para levar a cabo as privatizacións e reestruturacións industriais da ex - RDA. Desaparece o 31 de decembro de 1994, deixando unha débeda importante a cargo do Estado alemán. “A Treuhand logrou unha obra fantástica: privatizar un país de 17 millóns de habitantes en catro anos”, afirma extasiado Henri Monod, o seu antigo delegado xeral en Francia. Millot Laurraine, Mission accomplie la Treuhand s’autodétruit, Libération, 02/01/1995. http://www.liberation.fr/economie/0101130585-mission-accomplie-la-treuhand-s-autodetruit

|5| http://www.latribune.fr/actualites/economie/international/20110928trib000652367/les-details-du-plan-secret-allemand-pour-sauver-la-grece-.html y Eureca, le ’plan secret’ pour venir en aide à la Grèce, Le Monde, 28.09.2011, http://www.lemonde.fr/economie/article/2011/09/28/eureca-le-plan-secret-pour-venir-en-aide-a-la-grece_1579219_3234.html

|6| « Oui, la croissance est possible en Europe ! Pour un Eureca européen », Le Monde, 14 de mayo 2012, http://www.lemonde.fr/idees/article/2012/05/14/oui-la-croissance-est-possible-en-europe-pour-un-eureca-europeen_1699791_3232.html

|7| MM. Bernard de Montferrand e Markus Krall sobre o proxecto de Roland Berger de creación dunha axencia de cualificación europea, 2 de maio 2012, http://www.senat.fr/compte-rendu-commissions/20120430/mci_agences.html

_______________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web do ‘CADTM’, do 22 de setembro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com