Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : economía : : Estado español : : euro : : Europa :
Estado español: Saír do euro

O Estado español non ten as ferramentas e instrumentos para saír da crise. Non pode nin depreciar a moeda, para a facer máis competitivo, nin o Estado pode protexerse da especulación financeira, ao non ter un Banco Central que o protexa. Iso é intolerábel. A non ser que estas ferramentas se recuperen, o Estado español, no marco actual da Eurozona, non se pode recuperar.

 Ante a enorme crise financeira e económica existente no Estado español, hai tres alternativas. Unha é continuar as políticas de austeridade do goberno do Partido Popular, seguindo as instrucións do Consello Europeo (dominado por conservadores e neoliberais), da Comisión Europea (de clara orientación conservadora neoliberal) e do Banco Central Europeo (baixo a enorme influencia do Bundesbank, o banco central alemán, que foi definido ironicamente e con bastante certeza, como o Vaticano do neoliberalismo), máximo expoñente da banca alemá.

 Estas políticas conducen inevitabelmente a unha situación de recesión, abeirando a depresión, por moitos anos. O seu eixo central é un ataque frontal ao mundo do traballo, ao Estado do Benestar e á democracia. A evidencia diso é fonda e abafadora. A súa máxima expresión é o que está ocorrendo a Grecia. Detrás desta estratexia está o capital financeiro (que hoxe domina o comportamento, non só financeiro, senón tamén económico, da Eurozona), así como o capital das grandes empresas. Esta opción é, sen dúbida, a peor. Esperar que as políticas do que se chama “austeridade expansiva” sexan eficaces para estimular a economía e saír da recesión pertence ao terreo do dogma neoliberal, aceptado por moito tempo polas esquerdas gobernantes que están levando o Estado español, a Europa e ao mundo á desfeita.

 Outra alternativa é seguir unhas políticas case opostas ás políticas de austeridade. Esta alternativa estaría inspirada nas políticas expansivas do New Deal a primeiros do século XX en EEUU e nas tamén políticas expansivas dos anos cincuenta e sesenta que seguiron a maioría de países en Europa, estimuladas polo Plan Marshall. Tales políticas expansivas, levadas a cabo a ambos os dous lados do Atlántico, permitiron que EEUU e a Europa Occidental saísen da Gran Depresión. A aplicación de tales políticas no Estado español e na UE implicaría un gran aumento do gasto público que tería como obxectivo crear emprego e, a través del, aumentar a demanda doméstica e estimular a economía. Tales políticas terían como centro da súa estratexia, o estímulo do crecemento, tanto a nivel do Estado español, como a nivel da UE. En contra do que sostén a sabedoría convencional, esta estratexia sería posíbel desenvolvela mesmo no Estado español, aínda cando o seu desenvolvemento sería máis sinxelo se tales políticas fosen tamén realizadas a nivel da Eurozona e da UE.

 Diráseme que o goberno francés iniciou xa este camiño. Pero, como escribín recentemente, tal goberno asinou o Pacto Fiscal que obriga os Estados a teren orzamentos equilibrados, sen cuestionar tampouco o Pacto de Estabilidade, que é o que está determinando os enormes recortes de gasto público que se están realizando nos países da Eurozona. Non se poden desenvolver políticas de crecemento sen cuestionar tales pactos. O feito de que o goberno socialista francés acabe de propor ao Parlamento francés que se aprobe tal Pacto Fiscal, é un indicador da pouca probabilidade que tal alternativa expansionista teña lugar naquel país.

 Non desboto que as crecentes mobilizacións populares, lideradas polos sindicatos, e o crecemento dos partidos de esquerda, á esquerda dos partidos socialdemócratas gobernantes, vaian movendo a tales partidos cara a posturas máis coherentes co seu discurso pro-crecemento. Pero esta posibilidade permanece no aire. Non a desboto (e sería a miña preferencia persoal), pero son escéptico. Os partidos socialdemócratas non fixeron a autocrítica que deberían realizar que levase un cambio moi substancial das súas políticas económicas. A socialdemocracia española e catalá son un claro exemplo diso. As políticas económicas que están propondo asumen que a economía se recuperará a base do aumento das exportacións, sen comprender que o elemento chave de tal recuperación pasa por un aumento da demanda doméstica.

 Isto lévanos á terceira alternativa, que non é a miña primeira opción, pero cada vez creo máis que é a única opción que nos queda, posto que, como dixen antes, a peor opción é continuar a situación actual. E esta terceira opción é a saída do Estado español do euro. Chegar a esta conclusión deriva do meu entendemento de que o Estado español non ten as ferramentas e instrumentos para saír da crise. Non pode nin depreciar a moeda, para a facer máis competitivo, nin o Estado pode protexerse da especulación financeira, ao non ter un Banco Central que o protexa. Iso é intolerábel. A non ser que estas ferramentas se recuperen, o Estado español, no marco actual da Eurozona, non se pode recuperar. En realidade, non é por casualidade que Gran Bretaña e Suecia estean iniciando políticas expansivas, pois ambos os países teñen moeda propia e o seu propio Banco Central.

 Os argumentos que se aduciron en contra de tal saída do euro na maioría dos medios, son tan nesgados que carecen de credibilidade. Vexamos. Un deles é que o Estado español, a partir da saída do euro, tería pechada a posibilidade de pedir diñeiro prestado nos mercados financeiros. Este mesmo argumento utilizouse, por certo, con moitos países, incluída Arxentina (cando esta se separou do dólar), sen que a realidade corroborase este feito. Hoxe o sistema financeiro é multipolar, e non existe hoxe no mundo escaseza, nin de liquidez nin de crédito. Máis ben ao contrario. Hoxe o mundo está inzado de diñeiro. Existe unha excesiva acumulación de capital financeiro. O problema é falta de demanda por parte da maioría das poboacións. Tal escaseza no Estado español está artificialmente creada (e deseñada desde o principio polos creadores do euro e do BCE). Hoxe o Estado español podería conseguir crédito a xuros moito máis baixos se non estivese no euro. Suecia e Gran Bretaña, ambas na UE, pero non na Eurozona, non teñen dificultades en obter crédito.

 Outro argumento que se utilizou baséase na ignorancia respecto dalgúns feitos. Repetiuse en moitas ocasións que Arxentina se puido recuperar moi axiña (só seis meses necesitou para crecer de novo despois de saír do dólar) como consecuencia da gran demanda dos seus produtos naturais nunha economía mundial moi expansiva. Tal argumento descoñece que a recuperación arxentina non se baseou no crecemento das exportacións, senón no crecemento da demanda doméstica.

 Un argumento que ten maior validez, porén, é o risco do crecemento da inflación, resultado de que o seu banco central imprimise moita moeda para apoiar as políticas expansivas. Este risco é real. Agora ben, entre dous males menores, é preferíbel unha elevada inflación con baixo desemprego e elevado crecemento, que a situación actual, con baixo crecemento, con enorme desemprego, e en recesión.

 Admito que a saída do euro non sería un proceso doado. Pero este argumento -a dificultade de saír do euro- ten que se avaliar á luz dos custos humanos, sociais e económicos de manternos no euro. As propostas de saír da crise, dentro do euro, a base de potenciar as exportacións (tal como están propondo, non só os equipos económicos do Partido Popular, senón tamén do PSOE e do PSC), ignoran (repito o que dixen antes) que o meirande problema da economía española é a enorme paralización da demanda doméstica. Tal como subliñei, o sector exportador foi crecendo no Estado español, mentres que a economía foi colapsando, ano tras ano. A solución pasa por un aumento da demanda que non pode resolverse a non ser que rompa coas políticas impostas polas autoridades na Eurozona e o FMI. É interesante notar que os dous Estados citados anteriormente, o británico e o sueco (ambos os gobernados por partidos conservadores) concluíron que sen políticas expansivas, de estímulo económico, non se recuperarán do seu bajón económico. Pero como dixen antes, ambos poden facelo porque teñen o seu propio Banco Central e a súa propia moeda. Por iso é polo que, mesmo cando a débeda británica é maior que a española (que é relativamente baixa), os xuros da súa débeda pública son moito máis baixos, e ningún dos dous, Gran Bretaña e Suecia, teñen unha elevada inflación. Do feito de que houbese un risco de elevada inflación non ten por que se concluír que a saída do euro no Estado español conduciría a unha inflación elevada que afectase a eficiencia da economía española.

 Unha última observación. É dunha enorme torpeza que ningún dos dous partidos maioritarios, con capacidade de gobernar o Estado español ameace con saír do euro. O que menos desexan Alemaña e a súa banca é que o Estado español saia do euro. O Estado español debería utilizar tal ameaza como baza negociadora nas súas discusións coa troika. O feito de que non o faga amosa o seu grao de dependencia.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 27 de setembro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com