En 2008 os grenlandeses votaron a súa ampliación deica abrir a porta á independencia de Kaallit Nunaat para que a illa máis grande do mundo, escasamente poboada, con pouca vexetación máis aló da tundra, grandes riquezas minerais e xacementos petrolíferos de primeira orde, conte con voz propia no concerto das nacións.
Nunca pensei que chegaría a sentir envexa (sa, se a hai) dos inuit groenlandeses, xentes ás que imaxinaba embutidas en abrigos de pel de foca, con raquetas baixo as botas e máis preocupadas pola pesca e porque a estufa non lles afundise o iglú que pola independencia do seu iceberg. Errei outra vez.
Desde que Erik o Vermello, hai máis de mil anos, asentou os seus viquingos nas terras de Kaallit Nunaat, os inuit viviron baixo o mandato de noruegueses e, até o de agora mesmo, de dinamarqueses. Foron, pois, descubertos, colonizados e reducidos á condición de súbditos da Coroa dinamarquesa.
Paisaxes á marxe, a historia parécese á nosa. Con todos os matices que ten a Historia, abofé. Tamén a nós nos descubriron –decatáronse de que estabamos aquí- e, logo de mil e unha vicisitudes, deron en reducirnos á dobre condición de súbditos da República Francesa e do Reino de España. Niso tivemos peor sorte que os inuit, como se verá.
En 1979 Dinamarca concedeu un Estatuto de Autonomía a Grenlandia, o mesmo ano en que o Reino de España fixo o propio con tres dos sete territorios de Euskal Herria. Aos navarros impuxéronlles o que chamaron o Amelloramento do Foro e aos vascos da Euskal Herria continental néganlles mesmo unha Cámara de Comercio particular.
E en 2008 os grenlandeses votaron a súa ampliación deica abrir a porta á independencia de Kaallit Nunaat para que a illa máis grande do mundo, escasamente poboada, con pouca vexetación máis aló da tundra, grandes riquezas minerais e xacementos petrolíferos de primeira orde, conte con voz propia no concerto das nacións, para que poidan decidir en liberdade a quen e a que prezo venden os seus arenques, o seu cinc e o seu petróleo. Fixérono por vontade propia e porque Margarita II de Dinamarca non conta co sustento dunha constitución como a española, que deixa en mans dos militares a defensa da unidade de España. Nin padece a obsesión francesa polo control do último recuncho do seu decadente imperio. Margarita II asumiu con deportividade política a decisión dos inuit de viviren a súa independencia en liberdade. Se Sarkozy e Juan Carlos Borbón fixesen o propio, todos, eles e nós, viviriamos mellor.
E hai outro elemento que explica a miña envexa. O lema da patria dos inuit: ‘Vil vi aendre vores jord’, que traducido quere dicir «Imos cambiar a nosa Terra». Diso se trata.
[Artigo tirado do xornal vasco 'Gara', do 1 de decembro de 2008]