Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/2/2011

Secretario Confederal de Negociación Colectiva e Saúde laboral da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os sindicatos debemos comunicar a loita de clases nos centros de traballo

Mentres se sucedían na alternancia do goberno a socialdemocracia liberal e a dereita, os partidos da esquerda institucional abandonaron no seu discurso e no seu traballo político o conflito social en todas as súas vertentes, e sobre todo a loita de clases. Hoxe non está de moda, e as novas xeracións da clase traballadora, as posteriores á Transición, non saben interpretar os conflitos do sistema sobre esta base científica...

 Se observamos con detemento a historia política recente no Estado español, desde a propia natureza da Transición, a cultura de pacto e conciliación dos seus principais actores; se observamos o consenso que comprometeu a actuación dos partidos institucionais de esquerda e dos grandes sindicatos na aposta pola solvencia do sistema; daquela poderemos entender por que, neste momento de crise económica e social aguda, os culpábeis da mesma, as elites ricas e poderosas, os grandes empresarios e financeiros, lonxe de purgar a súa culpa, manifestan pola contra descaro e fachenda nas súas esixencias e réplicas ao estado actual de dereitos. As súas esixencias para o recorte dos dereitos da clase traballadora, as súas replicas ás prestacións públicas e de protección social (pensións, sanidade, desemprego) certamente obedece ao que podemos denominar como acumulación por desposesión no modelo presente de liberalismo contemporáneo.

 Todo isto non sería en exceso preocupante se a nosa resposta intelectual e mobilizadora estivese organizada e con relativo equilibrio na relación de forzas que concita a loita de clases. Pero é precisamente isto o que está en dúbida. Desde o primeiro momento da Transición celebrouse como ritual e cerimonia do sistema unha disciplina de conciliación de clases que atenuou o enfrontamento entre capital e traballo. Foi inaugurado polos Pactos da Moncloa e sucedida posteriormente polos diferentes AMI, coa alternancia e o acordo, unhas veces de CCOO e outras de UGT, ou de ambas á vez. Na actualidade mantén a súa vixencia nos Pactos confederais para a negociación colectiva. O obxectivo e a consecuencia dos mesmos foi en todos os casos, un acordo de superestrutura entre as organizacións empresariais e sindicais, un pacto vertical que substituíu os traballadores na súa soberanía e participación. Organizou de xeito tácito e pacificado un devalo das rendas do traballo que se transferiron ás rendas do capital en todos estes anos dun xeito constante.

 Esta cultura de pacto non foi inocente e provocou ao mesmo tempo unha transformación nas estruturas e a organización das propias centrais sindicais viciadas na aposta deste modelo. Na actualidade estas organizacións e a de maioría os seus cadros sindicais non están preparados para organizar e enfrontarse ao conflito. A súa vocación polo diálogo social permanente converteunos en “interlocutores sociais”, en axentes sociais do sistema. Esta nova “versión” do sindicalismo proporcionoulles un espazo acolledor dentro do sistema, ateigado de medios económicos e acompañado dun resplandor mediático no que os seus voceiros se senten especialmente cómodos e importantes. Unha figura que aceptaron voluntariamente, á vez que renunciaron a acreditarse socialmente como sindicatos.

 Mentres se sucedían na alternancia do goberno a socialdemocracia liberal e a dereita, os partidos da esquerda institucional abandonaron no seu discurso e no seu traballo político o conflito social en todas as súas vertentes, e sobre todo a loita de clases. Hoxe non está de moda, e as novas xeracións da clase traballadora, as posteriores á Transición, non saben interpretar os conflitos do sistema sobre esta base científica. Non atopan polo tanto respostas nin alternativas a unha lóxica destrutiva que condena progresivamente a unha maior parte da poboación á marxinalidade, á pobreza e á sobreexplotación.

 O mundo do traballo nestes últimos 30 anos experimentou unha caída brutal e demoledora dos dereitos no traballo. As diferentes reformas laborais e a redución das prestacións e coberturas sociais xeraron un enorme desequilibrio e indefensión na relación de forzas para a clase traballadora. Ademais das reformas lexislativas, prodúcese ao mesmo tempo, con carácter universal, unha modificación de alcance estrutural na que resultarán especialmente damnificados as novas xeracións de traballadores e traballadoras que comeza a finais da década dos 70 o que coñecemos como terceirización do traballo e algúns toyotismo. A actividade que ata entón se desenvolvía por unha soa empresa en condicións laborais e salariais uniformes reconvértese con novos modos de subcontratación. Por primeira vez na historia do capitalismo, o mesmo traballo será compensado en dereitos e salarios de xeito distinto. Prodúcese unha estratificación a modo de castes entre a clase traballadora, fixos e eventuais, da empresa principal ou da subcontrata e posteriormente ETTs. O capital logra impor as súas condicións nun escenario ideal de sobreexplotación para transferir do xeito máis vertixinoso a maior cantidade de rendas do traballo ás rendas do capital. Prodúcese unha inflexión histórica: por primeira vez as novas xeracións de traballadores teñen menos dereitos e peores condicións que a anterior. Todo isto acontece á vez que se impón a doutrina do pacto e do diálogo social nunha simbiose esquizofrénica. Vimos os seus resultados.

 Esta reforma estrutural nos modos de subcontratación non se completou, as privatizacións nos dominios do sector público non está terminada e seguirá crecendo nos ámbitos das administracións estatal e autonómica e dos concellos.

 Todas as reformas laborais executadas durante este tempo reinciden no mesmo e xeran indiscutibelmente maior precariedade. O feito de que o seu aspecto central en todos os casos sexa o abaratamento do despedimento e novas formas de contratación, proporciónanos un dato empírico: o Estado español é desde sempre o espazo de maior precariedade en Europa, e constatamos como pola combinación e “virtude” do diálogo social as rendas do salario creceron unha terceira parte nos últimos anos en relación á media Europea, mentres os beneficios empresariais medraron o dobre da media europea (datos da OCDE período 1999- 2009).

 Para despexar calquera dúbida no exercicio matemático do resultado de expropiación das rendas do traballo e da acumulación de capital nestes anos, podemos comprobar o co caso de Galiza cos datos da Axencia Tributaria e do IGE (Instituto Galego de Estatística). Na actualidade, un 1% da poboación galega acapara o 25% do PIB. Outro dato demoledor é o que compara a evolución das rendas nos últimos 30 anos. En 1980 as rendas do traballo representaban o 63%, mentres as rendas do capital andaban por volta do 24%. Na actualidade, por primeira vez as rendas do capital son maiores que as do traballo, resultando aínda máis grave que a poboación asalariada se multiplicou por dous neste mesmo período. A ecuación é sinxela: o dobre de traballadores, a metade da renda.

 Simplifiquemos os feitos: estamos discutindo sobre a repartición da riqueza, sobre dereitos e xustiza social. As reformas afectan ao mundo do traballo, aos activos e pasivos, e estamos tomando conciencia de que nos enfrontamos a un proceso imparábel que non se ten intención de rectificar. Sabemos que o capitalismo ten a súa lóxica de acumulación, que na súa reprodución o capitalismo financeiro representa 4 veces máis en mobilización de diñeiro que o capitalismo produtivo, que está enormemente concentrado e os seus ditados e poder poñen en cuestión a soberanía dos propios estados. Maior acumulación, e xa que logo maior urxencia de diñeiro, para manter a constante de acumulación. Necesariamente o diñeiro, a riqueza real, non especulativa, sae do mundo do traballo. Non hai, polo tanto, retroceso. As reformas seguirán.

 Sabemos que empobrecer os traballadores, abaratar o traballo, precarizalo, etc., non crea emprego, nin fai mais competitiva a economía nin axuda a superar as crises de consumo. Hoxe é evidente. En Europa, os estados en grave crise recesiva son aqueles que teñen os peores salarios, maior precariedade, nos que o gasto público e social son menores pero reincídese na mesma doutrina política. A recente reforma laboral, as medidas aprobadas estes días para reducir a fiscalidade ás empresas e deixar completamente desprotexidos os máis necesitados, os parados, a privatización de sectores públicos altamente rendíbeis para negocio do capital demostran unha obscenidade e indecencia que só criamos propia da dereita. As seguintes reformas anunciadas de pensións, desemprego e negociación colectiva afondarán na incautación de dereitos e rendas da clase traballadora.

 Resulta crucial para nós enfrontármonos a este modelo e para isto debemos recuperar o noso traballo intelectual. As organizacións de clase, e fundamentalmente os sindicatos, temos oportunidade e lugares para trasladar a nosa mensaxe. Cada centro de traballo é potencialmente un lugar no que temos audiencia e debemos comunicar a vixencia da loita de clases. En Galiza, o ano pasado, en plena crise, a nosa organización enfrontou 11 folgas por convenios en sectores provinciais de traballo, coa instrución de politizar a nosa mensaxe, explicando a repartición da riqueza e a inxustiza que representa este modelo, sen complexos, explicitamente, transcendendo o puramente reivindicativo. Temos espazos vitais para o coñecemento, a empatía, a compaixón e a creación do individuo. Lugares que non se poden desagregar da súa dinámica social. Os centros de traballo, as escolas, as universidades e os lugares de actividade social son potencialmente construtivos dunha resposta comprometida que se sobrepoña á barbarie. Traballemos conxuntamente e de xeito horizontal con aquelas outras organizacións de carácter social, críticas no seu espazo co sistema! E ao mesmo tempo, cos partidos da clase traballadora, influíndo na súa política de masas, provocando a audiencia e defensa necesaria das nosas reclamacións. Politicemos pacientemente a clase traballadora e a súa resposta será a que debilitará este modelo e este sistema.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 1 de febreiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com