Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/2/2011

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Sobre o pacto das pensións

As centrais asinantes do novo pacto social argumentan que conseguiron limar os aspectos máis duros da reforma, porén as cesións son enormes manténdose o obxectivo do Goberno central: facer das pensións públicas un chanzo moi básico para fortalecer así o negocio privado. O acordo forma parte das medidas que favorecen ao capital e as grandes fortunas, e engádese á rebaixa dos impostos directos e o aumento do IVE, a privatización das caixas, e a pretensión de eivar a organización sindical mediante a reforma da negociación colectiva.

 O pacto, nos seus aspectos esenciais (están por desenvolver outros) vai rebaixar a contía das pensións por tres vías: aumenta a idade necesaria ate os 67 anos, agás algunhas excepcións, amplía de 15 a 25 anos o período sobre o cal se calcula a prestación a cada pensionista, e esixe 37 anos para ter dereito á xubilación completa. Hai que sumar todos estes supostos para facer o cálculo do que vai perder un pensionista con esta reforma a respecto do que cobraría co modelo actual. Un exemplo práctico, dous anos máis de traballo son outros tantos menos de pensión, se os traballadores perciben a xubilación unha media de 15 anos, estamos falando dunha diminución do 13%, só neste concepto.

 A reforma aumentará o número de lares sumidos na pobreza, sumándose deste xeito á que vai provocar a anterior reforma laboral, a redución dos salarios e a alta taxa de desemprego. Poucas persoas con menos de 45 anos atinxirán o período necesario para unha pensión completa e, de conseguilo, esta será moito menor que a que lle correspondería agora (cando en Galiza xa son moi baixas). En realidade, estase empurrando a moitas persoas a verse obrigados a traballar mesmo despois de ter cumpridos os 67 anos para garantir a súa subsistencia ou a procurar a caridade. Sen dúbida esta reforma empurra a que os sectores con altos salarios fagan seguros privados, favorecendo á banca, porén o acontecido nas últimas décadas amosa que a maior parte deles perderon activos e non garantiron as pensións prometidas.

 En relación cos seguros privados, que lembremos perderon un 9,3% da súa capitalización no Estado español no 2008, chama a atención de que CC OO promocione o seu propio. Isto réstalle credibilidade cando di defender con uñas e dentes o sistema público, máxime se despois asina un pacto social sen realizar ningunha medida de presión consistente.

 Estamos nunha conxuntura, na que a tendencia dominante semella empurrar deica unha sociedade dual, estratificada, e cunha ampla maioría da xente a vivir rente da pobreza, traballando arreo, con servizos básicos e dereitos mínimos... para acumular riqueza nuns poucos especuladores. Porén todo ten un límite, e neste contexto tamén poden agromar as condicións para un cambio de tendencia, unha contribución a esta andaina foi o 27-X.

 

[Artigo tirado do ‘Xornal’, do 30 de xaneiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com