Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/6/2011

Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A Escocia que proe (Crónica do correspondente Walter Oppenheimer para El País)

A sorprendente medra de votos do Scottish National Party (SNP), que de ser unha anécdota de Sean Connery pasou a ser a forza maioritaria no Parlamento escocés, fai que os principais medios españois, neste caso El País,  desvirtúen o feito e fagan unha comparación co Estado español e coas súas nacións centrífugas.

 O correspondente de El País, Oppenheimer, descoñecedor polo que vemos da historia do Estado español, asegura: «La victoria del SNP ha causado impacto en España por su paralelismo con las ansias independentistas de parte de la población vasca y catalana. Pero hay enormes diferencias. Reino Unido se forjó hace cuatro siglos con el acceso de Jacobo VI de Escocia al trono de Inglaterra y se selló con la fusión voluntaria de sus parlamentos un siglo después, en 1707. No hay un complejo mapa de 17 autonomías con distintos grados de ambición de autogobierno. Es el pobre, no el rico, el que se quiere ir. Y la identidad nacional de escoceses e ingleses no está en cuestión.» .

 Descoñecía a voluntariedade da «fusión» dos escoceses, pois revisando a historia vemos outra, pero o Estado español, a súa idea de centralismo e homoxeneización forzada procede de 1716, posterior á británica, co Decreto de Nova Planta (DNP) de Felipe V, no cal se prohibía lexislar, utilizar calquera lingua na Administración que non fora o castelán, e abolíanse foros, liberdades e a potestade lexislativa dos distintos pobos e nacións de España. Erroneamente, retrotráese esta abolición e implantación á forza da lingua e lexislación castelá aos Reis Católicos. Isto é verdade no caso de Galiza por parte da raíña Isabel; cataláns, valencianos, aragoneses, mallorquíns, vascos (1) … mantiveron esta independencia até o DNP e non, como comunmente se cre, até o casamento de Isabel e Fernando.

 O complexo mapa de 17 autonomías non deixa de ser un invento do centralismo español reconvertido en democracia en 1977 para desvirtuar precisamente o lexítimo anhelo de autogoberno de cataláns, galegos e vascos. Asegurar que as competencias transferidas proveñen de Madrid é esquecer que foron previamente prohibidas nos seus lugares de orixe. E asegurar que Escocia é a pobre (tendo o petróleo do Mar do Norte) e Inglaterra a rica, é algo moi aventurado.

 A identidade nacional de cataláns, galegos e vascos está en cuestión polo Estado español, as súas leis e os seus partidos (PSOE-PP), que consideran que a existencia doutras nacións distintas á española desvirtúan a nacionalidade española. Son os españois os que non aceptan a existencia legal doutras nacións no Estado, sen que as outras dubiden da existencia desa mesma nación española na cal non se ven incluídas, precisamente por non seren recoñecidas.

 A teórica ruta confederal de Escocia, proposta por especialistas neste artigo con Inglaterra e Gales, non deixa de ser un malabarismo de palabras que non reflicten nin o que é unha federación nin moito menos unha confederación, que nunca nacen dunha descentralización administrativa (como o que se pretende que creamos no caso de vascos, cataláns, galegos ou escoceses).

 E repetitiva a leonina defensa do Goberno español en todos os foros internacionais segundo a cal vascos e cataláns teñen a maior cota de autogoberno de toda Europa.

 Eu, seguindo a resposta de Arzalluz ante tal aseveración,  aseguraría que a maior cota de autogoberno é a independencia.

________________________________________________________________

Nota:

(1) A guipuscoanos, biscaínos e navarros non afectou a implantación do DNP pois aínda mantiveron os seus Foros, incluso en tempos da ditadura franquista, nalgúns eidos coma o económico.

________________________________________________________________

 

[A Coruña, maio de 2011]

cig.prensa@galizacig.com