Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/7/2009

Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Simboloxía fascista. Madrid. Xuño 2009. Foto © Xurxo Martínez Crespo
A Lei de Memoria Histórica española e o Decreto do galego
We live in Financial Times. Quiosque en Madrid. Foto © Xurxo Martínez Crespo

Hai leis que nacen mortas. A Lei de Memoria Histórica é unha delas. Son desas leis para “progres”, como para dar pequenos saltos sobre unha tibia que non se sabe ben se é dun desaparecido ou dun can. Cando intentas sabelo impídencho por non teres os permisos necesarios.

As rúas da Coruña, de Galiza e de gran parte do Estado español, os seus monumentos, a Monarquía española, os que aínda mandan e todos aqueles que te sinalan co dedo para que lles agradezas estar vivo, son un fiel reflexo de que neste Estado, aínda, mandan os mortos.

A falla de interese, o desprezo por unha gran parte da poboación, “morta, desaparecida e vencida”, xenética e xuridicamente aniquilada, ensínanos, unha vez máis, que democracia é unha palabra para usar e abusar en bares, festas, parlamentos e mítins.

Despois de anos de aprobada unha tímida e morna Lei de Memoria, aínda non se puido aplicar. O despropósito na aplicación da disposición transitória VII, de acceso á nacionalidade dos netos de exiliados entre 1936 e 1955, indícanos que en pleno século XXI funcionarios de carreira do Ministerio de Asuntos Exteriores do Estado español, cren que a democracia chegou ao Estado español en 1955.

A Lei de Memoria Histórica precisa de grupúsculos radicais coma os que posibilitaron impoñer a vontade de 50.000 a 2.300.000. De “colaboradores necesarios” (cómplices) como Feijoo e os tecnócratas (por lles chamar algo) da refulxente Xunta de Galicia. O que custou anos en aprobarse, como o chamado Decreto do galego, bastaron unhas semanas para o desaprobar aínda antes de consultar a ninguén. Da desaprobación á carta sairá un novo decreto, ao gusto do grupúsculo armado de mentiras e xenreira xenética mesturada con autoodio. Mentres, seguiremos camiñando e dando enderezos con nomes de rúas de asasinos e xenocidas. Leremos as historias dos descendentes dos 30.000 desaparecidos na Arxentina, mentres os máis de 130.000 desaparecidos dos anos do terror franquista terán que esperar, á cola, da lingua que agora tamén, con outras armas legais e mediáticas en nome da “liberdade”, tentan facer desaparecer.

Que non se diga que non fixemos nada para que isto non aconteza.

[A Coruña, 30 de xuño de 2009]
cig.prensa@galizacig.com