Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/7/2009

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
As dimensións da crise

As informacións sobre a crise semellan ser boas pra os grandes grupos económicos financeiros, porén son moito máis pesimistas pra chamada economía real. Isto é o que parecen confirmar as últimas análises feitas desde os círculos próximos á oficialidade tanto dos Estados Unidos como da Unión Europea.

No primeiro caso falase de que se superou o peor momento, porén que se tardará uns quince anos en recuperar unha situación económica igual a de antes da crise. Pra UE fanse valoracións moi semellantes a respeito do sector financeiro, mais adiase unha viraxe a valores positivos na economía real pra o primeiro semestre do 2011. Resulta evidente que, a medida que foi pasando o tempo, o optimismo sobre unha rápida recuperación foise diluindo, amosando canto de propagandístico e guerra psicolóxica houbo e hai en todo o relativo ás dimensións da crise.

Non todos os analistas coinciden a respeito de que a crise do sistema financeiro ficara en boa medida atrás, mesmo son moitos os que pensan que o peor está por vir, xa que alguén terá que pagar o xogo de casino cos derivados, as débedas das tarxetas de crédito, e a morosidade por mor da burbulla inmobiliaria. Porén aínda que fora verdade que o sistema financeiro xa estivera saneado (algo que dúbido) os custes económicos, sociais e políticos, xa son a esta altura unha carga inmensa sobre os lombos da maioría da sociedade; unha forte hipoteca que se intenta pagar con menores salarios, máis impostos e unha redución de prestacións sociais. E o que resulta máis preocupante e inxusto é que os principais beneficiarios da crise sexan os mesmos que por cobiza estrangularon o consumo (cos baixos salarios e a desregulación, así como co intercambio desigual entre nacións), e fixeron da especulación a súa principal actividade.

Desde os grandes grupos empresariais e os estados máis poderosos pretendese saír desta crise con máis globalización e neoliberalismo, ou sexa, como eles mesmos recoñecen: concentrando e centralizando moito máis a actividade empresarial e a economía. Quérese favorecer unha forte reconversión, desregulando máis o mercado laboral e a dependencia dos países débiles; e polo tanto homoxeneizar o modelo de sociedade e das culturas en función destes obxectivos. O único debate importante é se, ademais das grandes estados imperialistas tradicionais (Estados Unidos, Alemaña, Xapón, Francia, Reino Unido, e en menor medida Italia, Holanda e España) débense incorporar a este núcleo central ás novas potencias emerxentes, como China, Rusia, India e Brasil, os chamados BRIC.

Neste escenario, toda reivindicación laboral, social e política feita desde as clases populares mirase como unha agresión á saída que hai planificada da crise sistémica ¡como un ataque! Tal é o caso da folga do metal de Pontevedra, as reivindicacións dos produtores de leite, ou mesmo a diferenza cultural. Todo isto, malia que semellen temas moi diferentes, non entran na planificación feita desde os poderosos de cómo axer pra superar a crise. Xa que un novo pulo globalizador, con orientación neoliberal, só é posíbel igualando á baixa os salarios e as condicións laborais, esmagando ás linguas e culturas resistentes (polo que teñen de antagónicas), aumentando a concentración de poder, e dando novos folgos á dependencia ou destrución das organizacións sociais e políticas contestatarias.

Agora ben, unha cousa é o que se pretenda e outra moi distinta é que todo avance por onde algúns queren, por máis poderosos que sexan. Primeiro, porque este salto adiante do gran capital deixa detrás de si moita pobreza e marxinación na maioría dos países e aumenta aínda máis as diferenzas sociais (tamén para os pequenos empresarios e autónomos). Segundo, porque non está tan claro que o sistema poida superar tan rápido a crise con estas medidas e, se o conseguira, que non se reproduza en pouco tempo, dando lugar a unha crise máis funda. E, por último, hai alternativas, especialmente en América Latina, que alentan saídas populares á crise, que son unha esperanza e unha construción que avanza.

 

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 30 de xuño de 2009]

cig.prensa@galizacig.com