
O ocorrido en Honduras pon de manifesto a resistencia que provoca nas estruturas tradicionais de poder calquera tentativa de afondar na vida democrática. Abondou con que o Presidente Zelaya decidise chamar a unha consulta popular -apoiada coa sinatura de máis de 400.000 cidadáns- sobre unha futura convocatoria a unha Asemblea Constitucional para que os distintos dispositivos institucionais do estado se mobilizasen para impedilo.
A historia repítese, e moi probabelmente conclúa do mesmo xeito. O golpe de estado en Honduras é unha reedición do que se perpetrou en abril do 2002 en Venezuela e do que foi abortado ante a fulminante reacción de varios gobernos da rexión en Bolivia o ano pasado. Un presidente violentamente secuestrado en horas da madrugada por militares encarapuchados, seguindo ao pé da letra o indicado polo Manual de Operacións da CIA e a Escola das Américas para os escuadróns da morte; unha carta de renuncia apócrifa que se deu a coñecer co propósito de enganar e desmobilizar a poboación e que foi de inmediato retransmitida a todo o mundo pola CNN sen antes confirmar a veracidade da nova; a reacción do pobo que consciente da manobra sae á rúa a deter os tanques e os vehículos do Exército a man limpa e a esixir o retorno de Zelaya á presidencia; o corte da enerxía eléctrica para impedir o funcionamento da radio e a televisión e sementar a confusión e o desánimo.
Como en Venezuela, nada máis encarcerar a Hugo Chávez os golpistas instalaron un novo presidente: Pedro Francisco Carmona, a quen a inventiva popular o rebautizou como “o efémero”. Quen desempeña o seu rol en Honduras é o presidente do Congreso unicameral dese país, Roberto Micheletti, quen xurou este domingo como mandatario provisional e só un milagre lle impediría correr a mesma sorte que o seu predecesor venezolano.
O ocorrido en Honduras pon de manifesto a resistencia que provoca nas estruturas tradicionais de poder calquera tentativa de afondar na vida democrática. Abondou con que o Presidente Zelaya decidise chamar a unha consulta popular -apoiada coa sinatura de máis de 400.000 cidadáns- sobre unha futura convocatoria a unha Asemblea Constitucional para que os distintos dispositivos institucionais do estado se mobilizasen para impedilo, desmentindo dese modo o seu suposto carácter democrático: o Congreso ordenou a destitución do presidente e unha decisión da Corte Suprema validou o golpe de estado. Foi nada menos que este tribunal quen emitiu a orde de secuestro e expulsión do país do Presidente Zelaya, alentando como o fixo ao longo de toda a semana a conduta sediciosa das Forzas Armadas.
Zelaya non renunciou nin solicitou asilo político en Costa Rica. Foi secuestrado e expatriado, e o pobo saíu á rúa a defender o seu goberno. As declaracións que logran saír de Honduras son clarísimas nese sentido, especialmente a do líder mundial de Vía Campesiña, Rafael Alegría. Os gobernos da rexión repudiaron o golpismo e no mesmo sentido se manifestou Barack Obama ao dicir que Zelaya "é o único presidente de Honduras que recoñezo e quero deixalo moi claro". A OEA expresouse nos mesmos termos e desde a Arxentina a Presidenta Cristina Fernández declarou que "imos impulsar unha reunión de Unasur, aínda que Honduras non forma parte dese organismo, e imos esixir á OEA o respecto da institucionalidade e a reposición de Zelaya, ademais garantías para a súa vida, a súa integridade física e a da súa familia, porque iso é fundamental, porque é un acto de respecto á democracia e a todos os cidadáns”.
A brutalidade de todo o operativo leva a marca indeleble da CIA e a Escola das Américas: desde o secuestro do Presidente, enviado en pixama a Costa Rica, e o insólito secuestro e a boura dada a tres embaixadores de países amigos: Nicaragua, Cuba e Venezuela, que se achegaron até a residencia da Ministra de Relacións Exteriores de Honduras, Patricia Ruedas, para lle expresaren a solidariedade dos seus países, pasando polo ostentoso despregamento de forza feita polos militares nas principais cidades do país co claro propósito de amedoñar a poboación. A última hora da tarde impuxeron o toque de queda e existe unha estrita censura de prensa, a pesar do cal non coñecer declaración ningunha da Sociedade Interamericana de Prensa (sempre tan atenta ante a situación dos medios en Venezuela, Bolivia e Ecuador) condenando este atentado contra a liberdade de prensa.
Non está de máis lembrarmos que as forzas armadas de Honduras foron completamente restruturadas e “re-educadas” durante os anos oitenta cando o Embaixador de EEUU en Honduras era nada menos que John Negroponte, a carreira “diplomática” do cal levouno a cubrir destinos tan distintos como Vietnam, Honduras, México, Iraq para, posteriormente, facerse cargo do super-organismo de intelixencia chamado Consello Nacional de Intelixencia do seu país. Desde Tegucigalpa dirixiu persoalmente as operacións terroristas realizadas contra o goberno sandinista e promoveu a creación do escuadrón da morte mellor coñecido como o Batallón 316 que secuestrou, torturou e asasinou a centenares de persoas dentro de Honduras mentres nos seus informes a Washington negaba que houbese violacións dos dereitos humanos nese país. No seu momento o senador estadounidense John Kerry demostrou que o Departamento de Estado pagara 800.000 dólares a catro compañías de avións de carga pertencentes a grandes narcos colombianos para que transportasen armas para os grupos que Negroponte organizaba e apoiaba en Honduras. Estes pilotos testificaron baixo xuramento confirmando as declaracións de Kerry. A propia prensa estadounidense informou de que Negroponte estivo ligado ao tráfico de armas e de drogas entre 1981 a 1985 co obxecto de armar os escuadróns da morte, pero nada interrompeu a súa carreira. Esas forzas armadas son as que hoxe depuxeron a Zelaya. Pero a correlación de forzas no plano interno e internacional é tan desfavorábel que a derrota dos golpistas é só cuestión de (moi pouco) tempo.
[Artigo tirado do blog do autor, 29 de xuño de 2009]