Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
1/9/2010
Coordinadora de CIG-Comunicación
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A folga xeral non é unha opción, é unha necesidade

A adopción de toda unha serie de medidas en materia económica profundamente regresivas, tanto polas súas graves repercusións sociais como polo seu fondo ideolóxico, fan da convocatoria de folga xeral unha necesidade.

Á clase traballadora só lle queda esta ferramenta para defenderse diante duns ataques que parecían impensables á altura do 8 de marzo, data na que o PSOE recuncaba no poder ás portas dunha crise económica que negaba con teimosía.

 

Con todo, o máis preocupante da actual situación, non é que os malchamados socialistas recoñeceran, por fin, a súa entrega incondicional ás leis do capital. O realmente preocupante é a perigosa falta de pluralismo do noso sistema, que se traduce nunha escandalosa ausencia de diversidade de informacións e opinións no panorama mediático do Estado español.

Os medios de comunicación, conciencias vivas do neoliberalismo, puxéronse ao servizo da propaganda de estado e do sistema para repetir dilixentes o seu discurso e silenciar as voces discrepantes. Un papel que veñen desempeñando desde hai décadas cuestionando non só a esencia da liberdade de expresión e do dereito de acceso, senón a propia democracia que din defender.

E é que desde o comezo da crise, eses medios que se presentan como veraces, plurais e democráticos reproduciron, día si, día tamén, as recomendacións que, en materia económica, nos facían os organismos internacionais. Todos sen excepción, prestáronse a exercer de portavoces dos FMI, BM, OMC, OCDE, BCE, Comisión Europea... e a reproducir as voces dos gurús económicos do sistema, da CEOE, das fundacións de estudios económicos das entidades finaceiras, e do rosario de think tanks do Estado español. Sempre co mesmo obxectivo: convencernos de que a crítica situación económica obrigaba a adoptar toda esa serie de medidas -difíciles pero necesarias- para salvarnos dunha situación de creba segura.

Aínda así, a calculada manipulación informativa que se deu arredor da crise explica a escasa resposta que desde a propia clase traballadora se está a dar á imposición destas medidas. Unha clase traballadora sumida, tal e como afirmaba Salvador Aguilar, profesor titular de Estrutura e Cambio Social na Universidade de Barcelona na “perplexidade”. (El País, 7 de xuño de 2010)

Nisto inflúe a interiorización da teoría da paz social (proclamada e defendida por eses mesmos medios de comunicación desde os anos 90), que favoreceu unha sorte de diálogo entre actores que deberían ter sido antagónicos –patronal e organizacións sindicais españolas- pero que sentaron arredor da mesma mesa sen pudor e adoptaron, durante anos, acordos lesivos só para unha parte, a clase traballadora, favorecendo a outra, representada pola patronal e o capital. Unha claudicación sen precedentes coa que todos pasaron a ser denominados “axentes sociais” en igualdade de condicións e que substituíu a mobilización polo diálogo, vendendo por parcelas logros acadados tras décadas de loita obreira.

E xunto a esta, a interiorización da teoría de que a loita de clases morreu, defendida por todos e cada dos actores do sistema, mesmo desde sectores que se din da esquerda, para neutralizar e/ou eliminar a confrontación, garantindo, de paso, que o neoliberalismo campa ás súas anchas sen ter que enfrontarse á incómoda oposición daqueles que sofren constantemente os seus ataques.

Todo isto levounos a unha situación de desinformación xeneralizada provocada tanto por un exceso de información, como por unha censura calculada ao milímetro para que pase o máis desapercibida posíbel. Desinformación que favorece que, masivamente, a poboación acabe por concluír que “todos son iguais”, discurso proclamado polo propio neoliberalismo desde as súas escolas de pensamento, promovendo a perigosa tese de Francis Fukuyama, ex funcionario do Departamento de Estado dos EEUU da fin das ideoloxías. Tese que foi financiada en 1992 pola Fundación Rockefeller e que serviu e serve para reforzar aínda máis iso de que non hai alternativa posíbel.

A esencia das reformas

Esas reformas, que agora nos impoñen, moi ben sintetizadas nos estudios publicados por un deses think tanks, a FAES, Fundación ultraconservadora presidida polo 'neocom' José María Aznar, resúmense en: control do déficit público; redución do investimento e do gasto público, que leva a que xa se barallen fórmulas como o co-pago no sistema sanitario, alén de fórmulas de xestión privadas con financiamento público; incremento dos ingresos pola vía da privatización de empresas e servizos públicos e pola vía dunha reforma da fiscalidade, cun incremento dos impostos indirectos e a redución á mínima expresión dos directos; desregulación do mercado; desregulación das relacións laborais, para o que é imprescindíbel a reforma laboral e a reforma da negociación colectiva, e reforma do sistema de pensións, co obxectivo de camiñar cara a súa privatización, entre outros.

Houbo, iso si, momentos de dúbida, ao inicio da crise, nos que se escoitaron sorprendentes declaracións, por quen as facía, mesmo solicitando unha paréntese no libre mercado, apelando a un necesario intervencionismo do estado para xustificar, de paso, que este saíra a salvar o sistema financeiro e a avalar a través do ICO créditos para as súas empresas, reclamando ao tempo, como non podía ser menos, "máis liberalización, máis privatizacións e externalizar a xestión en servizos públicos". (Gerardo Díaz Ferrán, presidente da CEOE, setembro de 2008)

Declaracións que deron paso, dous anos despois, ás non menos sorprendentes do presidente do Goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, quen defendeu, a finais do mes de xuño, no pleno do Congreso a necesidade dunha paréntese, pero desta volta do estado de benestar, sob pretexto de reforzalo, para xustificar así a aplicación das políticas que xa estaban aprobadas.

A raquítica memoria histórica

Estas ‘novidosas’ recomendacións veñen, porén, de vello aínda que nun mundo no que a información flúe a velocidade de vertixe e no que a memoria histórica é raquítica a mantenta, é normal que os medios, interesados en xustificar, promover e garantir este sistema, as pasen por alto.

A principios dos 90, o capitalismo triunfante, logo da caída do Muro de Berlín e o desmantelamento do bloque socialista, con toda a propaganda mundial ao seu favor, deseña unha serie de receitas económicas –que tampouco eran novas-, para a súa aplicación a nivel mundial, que se recollen no que se deu en chamar o Consenso de Washington.

Receitas que son a esencia do neoliberalismo e que veñen ser exactamente as mesmas que agora nos queren vender como salvación ante a crise. Resulta curioso que quen acordou daquela a adopción desas receitas foran o FMI e o BM, acompañados pola Reserva federal dos EEUU e altos cargos da administración norteamericana, co beneplácito do Congreso.

O laboratorio onde decidiron ensaialas foi o planeta terra e onde se introduciron, con máis forza, foi en América Latina -se cadra apelando á famosa Doutrina Monroe que dicía aquilo de “América para os americanos”, querendo dicir, en realidade, para os Estados Unidos, máxima que logo aplicaron a nivel planetario para non cinguirse a un continente-.

Os seus resultados foron nefastos, pero a ninguén lle acorda ese pequeno detalle. Reduciuse a intervención do estado na economía, elimináronse os mecanismos administrativos para fixar prezos de bens e servizos; desmontáronse os mecanismos que obstaculizaban a flexibilización do traballo, reducíndose ao mínimo as leis e regulamentos laborais e privilexiando a relación contractual entre o traballador individual e o empregador; privatizáronse as empresas estatais de servizos públicos; incrementáronse os impostos indirectos, nomeadamente ao consumo; deteriorouse a calidade da educación, a saúde e a vivenda...

O neoliberalismo que nos vén

Malia o seu sonoro fracaso, non só non se recoñeceu que coa desregulación, liberalización e flexibilización da economía non se incrementaron nin a competitividade, nin os índices de crecemento, xa non digo de benestar, porque ese non figuraba nin figura entre os seus obxectivos.

Agora, desde os mesmos organismos internacionais, aproveitando a crise económica, preténdese impulsar en toda a súa dimensión a aplicación destas reformas estruturais onde a súa implantación era máis tímida, léase a vella Europa, na que perviven aínda sistemas de protección social sustentados polos estados, incompatíbeis cos intereses do capital.

Porén, esa vella Europa non foi allea nin dentro das súas fronteiras, nin fóra, ao neoliberalismo, que é de facto, a súa marca de identidade. A súa política exterior baseouse en aproveitar a conxuntura para facilitar a extensión dos tentáculos das súas multinacionais en todo o mundo. Na súa política interior, os acordos adoptados na UE no último decenio parten todos do mesmo obxectivo: favorecer o fluxo de capitais e reducir a capacidade de control sobre os mesmos dos estados.

O propio Tratado de Lisboa  sintetiza e promove, en materia económica, todas as regras do capitalismo, do neoliberalismo, desde a privatización dos servizos públicos, até a desregulación das relacións laborais e institucións como o BCE, que defende até a extenuación o principio do control do déficit, é unha das ferramentas básicas da UE para garantir a hexemonía das regras do capital no continente.

Neste contexto encadran todas as medidas ás que o goberno di estar abocado a recorrer para salvar a economía, cando na realidade estaban xa acordadas nestes textos e ratificadas polo Estado español, como ben lle lembrou a Zapatero o ex presidente Felipe González publicamente.

29 de setembro

Todo iso fai que a convocatoria de folga xeral non sexa unha opción, senón unha necesidade, pero tamén obriga a repensar como remover as conciencias para que se recupere a convicción de que só coa mobilización social se poden conseguir avances, como se fixo, por outra banda, ao longo da historia da humanidade.

Porque para a clase traballadora –que mal que lles pese a algúns, segue existindo- é o único que queda para vencer a ese poderoso inimigo invisíbel e a súa cohorte.

De aquí ao 29 de setembro queda un inxente traballo.

cig.prensa@galizacig.com