Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
10/1/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Depreflación

As actuais alzas de prezos obedecen, ademais, a outra coñecida política neoliberal. A que se basea en traspasar aos consumidores o custo pleno dos servizos (ou canto menos aumentar a súa contía) co argumento de que as subvencións distorsionan o mercado e xeran individuos aproveitados. As alzas dos prezos de moitos servizos públicos (e o anuncio doutros futuros) obedece á mesma lóxica que conduciu en moitos países en desenvolvemento á eliminación das subvencións aos alimentos básicos...

 I. Na década de 1970 popularizouse o termo estanflación (estancamento con inflación). Alén de reflectir unha situación de feito (a coexistencia no tempo dun período de estancamento económico con elevada inflación), o fenómeno era presentado como o fiel reflexo do fracaso das políticas keynesianas de activación da demanda e unha proba da bondade das análises teóricas dun dos máis importantes economistas ultraliberais, Milton Friedman.

 Este argumentara con anterioridade [O punto de partida teórico da ofensiva neoliberal pode datarse coa aparición do artigo de Friedman “The role of monetary policy” (American Economic Review, marzo de 1968)] que as políticas de demanda efectiva só funcionaban mentres os suxeitos realizasen os seus cálculos en termos nominais (prezos correntes), pero cando aprendesen a considerar os prezos reais (por exemplo o poder adquisitivo do salario unha vez descontada a inflación de prezos) e a tomar decisións conforme a estes o seu potencial para reducir o desemprego quedaría bloqueado.

 Cando iso ocorrese os intentos de expandir a economía a través de insuflar diñeiro público á mesma só xerarían inflación sen expandir a actividade económica. Para este autor, e os seus seguidores, había un nivel de desemprego que só podía reducirse por políticas estruturais do tipo que coñecemos nos últimos trinta anos: flexibilización das pautas de contratación laboral, endurecemento das políticas de axuda aos desempregados, debilitamento dos sindicatos, etc.

 A evolución económica a partir de 1973, tras a suba de prezos do petróleo, pareceu darlle a razón a Milton Friedman e foi o argumento esgrimido por moitos economistas académicos para sepultar o keynesianismo e renderse aos novos predicados do neoliberalismo teórico e práctico. As políticas antiinflacionarias que substituíron as de demanda tiñan obxectivos claros: reducir o poder excesivo (a ollos dos grandes grupos empresariais) do sector público e a da clase obreira e recompor o poder simbólico e efectivo do capital sobre a sociedade.

 Nesta formulación había dúas cuestións que resultaban claves: a da inflación e a da rixidez. A inflación era presentada como o gran mal económico a combater e en función diso debían poñerse en práctica medidas tendentes a bloquear a espiral inflacionista. Se sobe o prezo dun produto ou grupo de produtos e o resto se mantén estábel prodúcese un cambio nas condicións de intercambio que favorece os axentes (individuos, empresas) que conseguiron aumentar os seus prezos. Se toda a operación acaba aquí simplemente se produciu un cambio na distribución da renda a favor duns grupos e en detrimento de outros. Pero se os perdedores reaccionan subindo, á súa vez, os prezos (incluídos os salarios) para evitar a deterioración das súas posicións, é posíbe que entremos nunha espiral inflacionaria na que cada aumento de prezos dunha parte é respondido con outro da outra.

 Nunha espiral deste tipo perden aqueles colectivos que non son capaces de incrementar “os seus prezos”. Se existen mecanismos de indexación podería ser que ninguén perdese efectivamente e simplemente o que variou son os prezos nominais. Se esta espiral só tivese lugar nun país, os produtos deste país encareceríanse fronte ao exterior, aínda que iso podería ser contrarrestado mediante a depreciación da súa divisa (algo que agora non poden facer, por si sós, os países que adoptaron o euro).

 Acabar coa espiral inflacionista requiría xa que logo que unha das partes aceptase unha perda de poder adquisitivo renunciando a revisar os seus prezos ou aumentándoos a un ritmo menor. Nisto consistiron moitas das políticas antiinflacionarias dos anos 70 e 80, en forzar a clase obreira e os líderes sindicais a aceptaren unha moderación salarial e unha perda de peso relativo das súas rendas. O que se practicou por vías moi diversas: grandes pactos sociais, imposicións gobernamentais (en moitos países liquidáronse os mecanismos de indexación de salarios e rendas), políticas antisindicais, reorganización empresarial, introdución de dobres escalas salariais, etc. A estanflación foi o engado que xustificou estas políticas e axudou a asentar as políticas neoliberais.

 II. O contexto actual é moi diferente do de hai trinta e cinco anos. Ao comezo da crise a posición das clases traballadoras era moito máis débil, produto da tripla combinación das políticas neoliberais, a globalización e a reestruturación das organizacións empresariais. Como sinalou o finado Andrew Glyn nun texto publicado un ano antes do gran estalido estabamos ante unha situación de “estreitamento” dos salarios... (A. Glyn Capitalism Unleashed, Oxford University Press, 2006.). Tampouco o contexto de prezos é o mesmo. E se diferente era a posición estrutural máis aínda o foron as políticas de resposta á crise.

 En lugar de emprenderse decididas políticas expansivas, o que se estñá producindo en Europa é xustamente o contrario: aplicar plans de axuste, de recortes do gasto que teñen un efecto depresor sobre a actividade económica ademais de innumerábeis custos sociais. Non hai de ningunha maneira políticas expansivas clásicas, polo menos en Europa. E é neste contexto de estancamento económico onde reaparecen alzas de prezos que esixen ser explicadas nun contexto con todo diferente ao da estanflación.

 Despois do parón de 2008-2009 abondou cunha moderada recuperación económica, incapaz de reducir sensibelmente o nivel de desemprego na maioría de países, para que volva incrementarse o prezo do petróleo e o gas natural.

 A explicación deste crecemento esixe termos en conta a complexidade dos mercados de materias primas. Mercados onde ademais dos oferentes e demandantes finais operan relevantes axentes especulativos. Aínda que non debe descartarse o papel da especulación financeira, é posíbel que esta alza reflicta en parte a inflexibilidade da oferta dalgunhas materias primas fronte a alzas da demanda.

 Se este é o caso a conclusión á que podería chegarse é que dado o modelo tecno-produtivo imperante e dada a imposibilidade de expandir de forma sostida a oferta destas substancias (polas coñecidas razóns que calquera con nocións básicas de economía ecolóxica manexa) imos estar abocados de forma recorrente a tensións inflacionarias que nada terán que ver coas políticas salariais das que se ocupan preferentemente os modelos macroeconómicos estándar.

 De feito iso xa ocorreu en 2007 e deu lugar a unha alza súbita dos tipos de xuros por parte do Banco Central Europeo, co obxectivo de frear a inflación (aínda que posibelmente ao que máis contribuíu foi a acrecentar a crise financeiro-inmobiliaria). Iso foi debido a que a alza de tipos provocou que os hipotecados máis pobres visen incrementadas as súas cotas mensuais a niveis imposíbeis de pagar.

 As actuais alzas de prezos obedecen, ademais, a outra coñecida política neoliberal. A que se basea en traspasar aos consumidores o custo pleno dos servizos (ou canto menos aumentar a súa contía) co argumento de que as subvencións distorsionan o mercado e xeran individuos aproveitados. As alzas dos prezos de moitos servizos públicos (e o anuncio doutros futuros) obedece á mesma lóxica que conduciu en moitos países en desenvolvemento á eliminación das subvencións aos alimentos básicos. E van estar acompañadas con desindexacións das rendas básicas. Ou sexa, un deseño orientado a xerar que sexan os asalariados os que vexan diminuída a súa parte do pastel para que o seu “sacrificio” contribúa a frear a inflación e a “racionalizar” a economía.

 Estamos ante unha situación paradoxal na que as políticas económicas por unha banda frean a actividade económica e por outra aumentan os prezos de bens básicos. As recentes decisións das Administracións españolas en materia de prezos (enerxía, transporte público, etc.) e rendas (salario mínimo, pensións etc.) inscríbense nesa variante das políticas de axuste, nas que se impoñen restricións tanto ao emprego como ás rendas.

 III. A resposta automática a estas políticas é a do rexeitamento. Negarse a que o custo da crise recaia sobre os grupos sociais que nin foron responsábeis desta, nin se beneficiaron do auxe anterior. Hai, porén, unha variante que non podemos deixar de sinalar. Trátase das alzas de prezos de materias primas que están, dun xeito ou outro, lembrándonos que o nivel de consumo mundial é insostíbel.

 Nestes casos podemos sen dúbida denunciar os especuladores (e promover reformas institucionais que limiten o seu papel), podemos discutir as modalidades de aplicación dos aumentos, podemos esixir medidas compensatorias... Pero isto pode resultar a medio prazo insuficiente e mesmo inadecuado.

 Neste caso o que debe proporse é unha política de reorganización ecolóxica da sociedade, priorizando os consumos e as formas de vida sostíbeis. Algo que vai contra a lóxica do capital pero que a miúdo choca cos hábitos consumistas (e con moitas formas de vida suxeitas a estruturas vitais bastante ríxidas a curto prazo, como é o modelo espazo-tempo que domina a nosa vida cotiá) da poboación. Afrontar as alzas de prezos derivadas da crise ecolóxica require algo distinto que a simple resistencia ás políticas neoliberais. Require ter algunha prospectiva de como transformar as regras do xogo económico en clave de xustiza social e racionalidade ecolóxica.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 8 de xaneiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com