Fiel ao seu instinto, a primeira medida anunciada polo Goberno Rajoy foi a conxelación do salario mínimo para o ano próximo. A prensa correu a explicar que é a primeira vez que ocorre na historia. Certo nun sentido literal, pero incerto se se estuda a evolución do Salario Mínimo desde a súa creación. De feito os anteriores Gobernos do PP xa realizaron unha depreciación real polo método de aumentar cada ano o 2% nun período onde o IPC crecía cada ano por riba deste valor...
I
Os idealistas están tan namorados das súas ideas que pensan que a realidade é tal como a imaxinan. Agardan que o mundo real se adapte ás súas iniciativas. O único que falta é vontade e decisión para aplicalas. Ao custo que sexa, aínda que os primeiros en pagar peaxe adoitan ser as persoas que cuestionan o seu marabilloso mundo ideal. Ao custo que sexa, aínda que ao final eles mesmos acaben experimentando a dureza de confundir a realidade cos seus intereses. Pero antes de chegar a unha crise final os grandes idealistas mostran unha enorme capacidade para traducir os datos que obteñen da realidade ao seu propio esquema analítico. Os idealistas convencidos son xente teimuda, que non se desanima á primeira senón que tenden a adaptar as súas percepcións ao seu esquema inicial. Todo sexa para alcanzar o seu obxectivo final, que estiman perfecto.
Todas as grandes construcións idealistas da humanidade adoptaron estas dinámicas. Empezando polas grandes relixións, sempre dispostas a impor os seus criterios ideais de moral ao resto dos mortais, sempre en conflito cos avances do coñecemento e a razón. Tampouco non escaparon a esta dinámica moitos dos grandes proxectos políticos laicos. Nin a esquerda defensora da razón puido escapar á deriva stalinista que foi, entre outras cousas, unha desastrosa experiencia de idealismo autoritario.
Non semella que á humanidade lle sexa doado escapar ao poder dos grandes idealistas e cada certo tempo millóns de persoas ven sometidas á irracionalidade que impón algunha variante exitosa de idealismo.
II
Volvemos estar baixo o influxo doutra variante do idealismo. Moi sofisticada posto que aparenta fundamentarse sobre a base racional que lle proporciona a “ciencia económica”. Os seus executores non son sacerdotes que apelan á súa conexión coa divindade, nin burócratas autocráticos que se limitan a aplicar a norma que se deriva da autoridade: son “técnicos” que fundamentan as súas accións na razón, o coñecemento científico e a experiencia. Non deixa de resultar rechamante que os mesmos que pilotan a saída da crise sexan os responsábeis intelectuais de nos teren conducido alí, pero sen dúbida apelan ao mesmo principio que o guía dunha viaxe que tras nos extraviar apela á súa experiencia para reconducir a partida.
A construción ideal que sostén as actuais políticas económicas é o resultado de máis de cen anos de elaboración sofisticada dun mesmo pensamento. Dunha depurada capacidade para fagocitar todos os intentos de análises alternativas, de esquivar todas as sólidas críticas que co tempo foi recibindo desde dentro e desde fóra da propia academia, de minimizar os custos sociais e os fracasos acumulados. A mesma crise actual é a culminación dun longo período de hexemonía do idealismo neoliberal que servía por si só para mostrar o inadecuado do modelo. A crise, lonxe de obrigar a unha revisión en profundidade do modelo, serviu para todo o contrario. Un, habituado a traballar nunha Facultade de Economía, pregúntase cal sería o ambiente que se viviría se estivese en calquera centro de investigación médica ou nun gran hospital cando se estivese expandindo unha enfermidade mortal e nin os coñecementos ao uso nin os remedios aplicados servisen para atallala. Un esperaría atopar un gran clima de desacougo, de debate, de traballo para atopar alternativas non exploradas anteriormente.... Moi diferente ao clima da miña facultade (temo que o de todas), onde todo segue coma se o diluvio ocorrese noutro planeta, onde se segue explicando o mesmo modelo ideal e se seguen a dar cheques en branco aos tecnócratas de sempre.
III
Unha mostra palpábel de que o dogma se mantén inalterado volvémolo presenciar no pasado cumio europeo. Aquel que debía servir para reconstruír o proxecto europeo (algo menos pretencioso que refundar o capitalismo) Pero que só consistiu nunha imposición formal do mesmo tipo de políticas que xa veñen facendo e que non fixeron máis que agravar a situación.
Lonxe de considerar cales son os problemas estruturais das distintas economías nacionais e de avaliar a profundidade dos “erros de mercado” que están na orixe e o desenvolvemento da crise actual, o que se aprobou é unha simple repetición dunha das variantes do programa ideal. A que trata a crise como unha especie de empacho colectivo que esixe unha purga de cabalo tras a cal o doente estará en condicións de refacer a súa vida polas súas propias forzas. Isto e non outra cousa é o que propugnan os programas de axuste para sanear a economía e restablecer a confianza: levarnos ao coma colectivo para que os empresarios tomen confianza e se lancen a investir, producir e crear emprego.
Nunha nova volta de parafuso, este novo acordo impón novas restricións ao modelo. Dunha parte obriga a alcanzar uns resultados cuantitativos (nivel de débeda, de desemprego, etc.) considerando que estes son o simple resultado dun empeño político local, sen analizar se as condicións estruturais de cada país explican estes problemas nin se é o propio modelo de construción europea -orientado a promover a concentración empresarial, sen desenvolver mecanismos de redistribución interna- contribúe a agravalos. Doutra, propugna que os países con problemas deberán adoptar reformas estruturais emanadas do modelo de referencia e sen avaliar cal é o impacto real destas. Considerar que un país con elevado desemprego simplemente debe abordar unha reforma laboral neoliberal supón, canto menos, pasar por alto varias cuestións básicas: a) que ningunha das reformas precedentes adoptadas coa mesma liña de intervención xerou cambios substanciais; b) que o modelo laboral que se presenta como xeral é moi diferente do que realmente existe nos países que padecen menos o desemprego masivo.
Tampouco non se entretiveron a reavaliar a política monetaria. Ningunha proposta de revisar unha política de empréstitos masivos á banca privada co argumento que iso servirá para financiar a economía real, mentres se pecha a posibilidade de prestar a Gobernos con problemas. Ningún cuestionamento do funcionamento dun mercado financeiro que, mentres segue restrinxindo o crédito ao resto de sectores, experimenta un inusitado crecemento dos mercados financeiros secundarios de carácter especulativo.
Máis que unha reforma da construción europea, o que se aprobou é unha regra para impor ás nacións máis desfavorecidas a aplicación dunhas medidas de dubidosa eficiencia e de indubidábel impacto social negativo. E mentres tanto, elúdese a adopción dunha política global naqueles eidos onde, desde outra óptica, parece que é urxente intervir: a adopción dunha verdadeira estratexia inclusiva de desenvolvemento social, a xibarización e reorganización do sistema financeiro, a erosión dos privilexios das impresentábeis castes dominantes, e a reorientación da actividade económica cara a unha perspectiva de sustentabilidade social e ambiental.
IV
A variante local deste idealismo neoliberal que anuncia o novo goberno neofranquista de Rajoy é aínda máis chocante que a receita xeral. Xa se sabe que no Estado español o idealismo extremo sempre tendeu importantes partidarios. Aínda que cando escribo estas liñas aínda non se anunciou ningunha medida concreta (máis aló da previsíbel conxelación do salario mínimo), o expresado no congreso e o contido no seu programa electoral indica cal é o núcleo básico do seu idealismo económico.
Ante o inevitábel de aplicar un programa de axuste económico, as únicas medidas concretas que anuncia o programa é unha nova batería de recortes fiscais: desgravación á vivenda, a plans de pensións, ás empresas. Sempre coa coartada de que o sistema funciona coa confianza dos investidores e que esta se fundamenta en non pagar impostos. Se se aplica tal cal o programa só pode conducir a unha creba do sector público e con iso a unha recesión agravada. Non só da xeneralización do mal social que xa experimentamos cos axustes en marcha senón do afundimento dunha estrutura económica que ademais de prover de servizos e benestar á sociedade sostén unha parte crucial da demanda de moitos sectores privados do país. Máis ben dá a impresión de que os ideólogos do PP seguen convencidos de que a política do “pelotazo” que lles funcionou na década anterior pode servir para volver instalalos no éxito, ignorando que o contexto crediticio que permitiu aquela situación se esvaeu.
Se o programa se aplica tal cal e se combina co modelo de reformas estruturais que propugnan os ideólogos neoliberais podemos asistir a unha crise sen precedentes, cun elevado grao de sufrimento social. Nada novo: así acabaron todas as experiencias dogmáticas da historia.
V
O realismo e o materialismo sempre constituíron os antídotos das construcións idealistas. E o idealismo irracional sempre constituíu o cemento cultural usado para impor impresentábeis intereses de clase ou de caste ao conxunto da sociedade. Por isto somos nós, as vítimas, os que debemos ser capaces de romper esta ilusión irracional. Os estudantes do 68 pedían “o imposíbel”. A nós, máis modestos, tócanos esixir algo menos vistoso, tócanos esixir “o necesario”: un marco económico racional que permita a todo o mundo subsistir dignamente.
Emprego, subemprego e minijobs
Desde principios da década de 1980 as elites económicas estenderon a idea que o desemprego é o simple resultado da rixidez do mercado laboral. O Estado español sería nesta versión o paraíso da rixidez. Nun principio atribuíase ao exceso de protección ao emprego (restricións ao despedimento). Pero esta é unha presunción difícil de xustificar cando o país constitúe o paraíso do emprego temporal e conta cun dos salarios mínimos máis baixos do continente. E o volume de emprego tende a responder máis esaxeradamente que noutros países á evolución da actividade económica. Os outrora defensores da hipótese da rixidez tiveron que reformular hai anos o seu argumento á vista destas evidencias e elaboraron unha variante máis sofisticada segundo a cal era a excesiva protección dos empregos fixos a que xeraba a tamén excesiva temporalidade.
Levamos anos bombardeados pola propaganda dos partidarios desta visión redutiva do funcionamento do mercado laboral, a favor de impor un contrato único cun baixo nivel de protección, pero agora que o seu obxectivo esta preto de se cumprir (a última reforma laboral xa se achegou a este obxectivo ao igualar o custo real do despedimento procedente e o dos empregados temporais, aínda que segue mantendo un custo maior para o despedimento improcedente) son cada vez máis conscientes que isto tampouco vai ser suficiente para reducir o desemprego. Nos próximos tempos, o que se vai a levar máis será outra proposta de flexibilidade, a de introducir de forma masiva contratos a tempo parcial para “repartir o emprego” entre máis persoas. E para iso adúcese a evidencia europea de moitos países onde o tempo parcial alcanza cotas maiores que no noso.
O tema do emprego a tempo parcial está no núcleo da contrarrevolución neoliberal. A formulación do vello pacto keynesiano a finais da Segunda Guerra Mundial presupuña que a consecución do pleno emprego era a base para garantir a seguridade económica a todo o mundo. Para iso, un emprego era unha actividade laboral que a cambio debía prover de ingresos suficientes para subsistir e ofrecer, ao mesmo tempo, unha posición social digna. Un emprego non era calquera actividade remunerada, senón só aquela que cumpría estas dúas condicións: ingresos e condicións laborais adecuadas.
O concepto de emprego estaba completamente separado do de subemprego, todas aquelas actividades que aínda que podían proporcionar algúns ingresos non cumprían ningunha das dúas condicións básicas: suficiencia de ingresos e condicións aceptábeis. No subemprego atopábanse tanto actividades de curta duración temporal e baixos ingresos, como empregos que non xeraban ingresos suficientes a pesar de forzar a longas xornadas laborais (como ocorre con moitos dos empregos informais dos países en desenvolvemento) e empregos que supuñan unha completa desvalorización social. O obxectivo era o emprego. O subemprego debía tomarse como unha evidencia do mal funcionamento económico.
O optimismo do primeiro keynesianismo supuña que o pleno emprego era alcanzábel por medio dunha adecuada intervención pública (política macroeconómica), pero tamén se era consciente de que había situacións nas que o emprego non podería alcanzarse a curto prazo (paro conxuntural) ou simplemente non era adecuado para as persoas (enfermidade, xubilación). Por iso é polo que as prestacións económicas do Estado de Benestar constituían os complementos á política de emprego en orde a garantir a seguridade económica.
Neste esquema había, porén, unha excepción: o modelo baseábase nunha concepción tradicional do papel da familia e a posición relativa de homes e mulleres. Propugnábase o pleno emprego para homes e mulleres soas, pero a familia seguía constituíndo o núcleo de parte da actividade reprodutiva e de redistribución de renda. O destino fundamental das mulleres adultas era o de pasar a converterse en amas de casa. Un esquema indesexábel desde o punto de vista da igualdade e insostíbel ante os cambios nas relacións familiares e de xénero que experimentaron as sociedades occidentais.
O abandono das políticas keynesianas (e de facto do obxectivo do pleno emprego) non levou con todo ao abandono dos datos do emprego como variábel a ter en conta. Á fin e ao cabo a mellor coartada dos privilexios do capital é que os empresarios son “creadores de emprego” e nunha sociedade capitalista esta segue constituíndo unha necesidade vital para a maioría da poboación. O que se fixo foi un completo enmascaramento, incluíndo nun mesmo epígrafe empregos e subempregos polo criterio estatístico de considerar “emprego a calquera actividade retribuída que realice unha persoa de polo menos unha hora durante a semana de referencia”. O resultado tamén é que a comparación internacional dos niveis de emprego agocha moitas trampas, posto que países que teñen elevados niveis de emprego a tempo parcial de feito están escondendo altas porcentaxes de paro a tempo parcial, ou países con elevadas cotas de subemprego informal acaban lucindo baixos niveis de desemprego.
O emprego a tempo parcial non é necesariamente malo, depende do contexto e a situación persoal. Depende crucialmente de que se teña acceso ou non a outros ingresos. A que se realice de forma voluntaria en función dalgún proxecto persoal (por exemplo complementalo coa realización de estudos ou algunha actividade non remunerada). A súa experiencia é moi diferente cando se realiza combinado con algún sistema de ingresos públicos garantidos por outra vía, o que ocorre en diversos países europeos, ou cando estes esquemas non existen. Iso formula unha primeira cuestión crucial: cal é o deseño de estado de benestar asociado ao desenvolvemento do emprego a tempo parcial. Unha pregunta relevante cando no Estado español, un país sen esquemas públicos de ingresos, se promove a adopción do sistema “holandés” ou “dinamarqués” sen referencia aos seus niveis de benestar.
Os estudos europeos sobre o emprego a tempo parcial mostran, porén, unha imaxe moito máis descorazonadora que este amábel tempo parcial combinado con pensións públicas. Na maioría dos casos o emprego a tempo parcial segue sendo cousa de mulleres e constitúe unha nova modalidade da tradicional división do traballo sexista. En case todos os casos os empregos a tempo parcial reciben cotas horarias inferiores á dos empregados a tempo completo, predominan nos postos de traballo que ocupan os lugares inferiores na xerarquía laboral, a miúdo realízanse en horarios pouco desexábeis (a meirande parte de traballadoras de limpeza da miña universidade coñecen esta situación: a súa xornada habitual é de 5 a 9 da mañá, madrugón inevitábel, por un soldo que na maioría non chega aos 400 €), xeran poucos dereitos sociais. Non é raro que os contratos a tempo parcial sexan fonte de irregularidades: contratos legais de poucas horas e horario forzoso adicional que se paga “en B”. Nos países, como Alemaña, onde se están debilitando os esquemas de prestacións sociais e se desenvolven novos esquemas de contratos laborais (os “minijobs” que agora quere importar a patronal española) o resultado é a creación dunha capa de “working poor” (pobres con emprego) sometidos a moi baixos ingresos, pluriemprego e unha persistente necesidade de “buscar o pan”. E nalgúns sectores estes miniempregos acaban por competir e desprazar os empregos regulares, sempre máis caros.
Nos próximos meses volveremos a confrontarnos co tema. E deberemos ser capaces de elaborar alternativas que representen realmente unha proposta de pleno emprego, isto é, unha proposta universal para garantir a todo o mundo, homes e mulleres, autonomía persoal, dignidade e seguridade económica. Algo que esixe discutir á vez de organización do traballo social, distribución da renda, sistemas de protección social, de vida laboral e de vida social.
Salario mínimo conxelado
Fiel ao seu instinto, a primeira medida anunciada polo Goberno Rajoy foi a conxelación do salario mínimo para o ano próximo. A prensa correu a explicar que é a primeira vez que ocorre na historia. Certo nun sentido literal, pero incerto se se estuda a evolución do Salario Mínimo desde a súa creación. De feito os anteriores Gobernos do PP xa realizaron unha depreciación real polo método de aumentar cada ano o 2% nun período onde o IPC crecía cada ano por riba deste valor. E o Goberno Zapatero que se comprometeu a actualizalo e acabar a lexislatura en 800 € non só incumpriu esta promesa senón que o ano pasado xa introduciu unha depreciación real.
E é que aínda que se considere ao Salario Mínimo Interprofesional como un nivel salarial que afecta a poucas persoas, hai dúas razóns que explican este apego por mantelo entre os máis baixos de Europa. O primeiro é que se se incrementase animaría ao crecemnto salarial en sectores de baixos salarios. O segundo é que o Salario Mínimo (e o seu irmán, o IPREM) constitúen indicadores básicos para a fixación de moitas prestacións sociais: manténdoo baixo garántese un baixo custo social. A política de salario mínimo é un bo indicador da lóxica que impera no noso país de xeración de pobreza, baixas prestacións sociais e elevadas desigualdades. Un Goberno tan apegado á tradición como presume o PP non podía deixar de perder a oportunidade de impor, unha vez máis, unha medida que tanto ten que ver co noso indesexábel modelo social.
[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras tanto’, do 30 de decembro de 2012]