Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
10/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: A gran estafa, o Orzamento de 2013

A decisión do goberno español de pedir o rescate á banca, mediante o préstamo de 40.000 millóns de euros (case a mesma cifra que o Estado español terá que pagar á banca pola débeda), para asegurar o que se chama “a viabilidade do sistema bancario español”, ao que tería que terse engadido “e da banca alemá”. É dicir que o estado pide diñeiro (que terá que devolver o propio estado, pagado polo cidadán español) ás autoridades da eurozona, onde a banca alemá é moi influente, para axudar a banca, asegurándose así que non crebe e que se pague á banca alemá (entre outras).

 Os últimos días de setembro ocorreron catro feitos que definen con toda clareza a raíz do problema ao que o Estado español se enfronta. Un foi a presentación do orzamento por parte do Goberno español no que se indica que o Estado terá que pagar case 40.000 millóns de euros aos acredores (a maioría bancos estranxeiros e españois) para cubrir o que se lles debe como consecuencia de ter que aboarlles os xuros da débeda pública española que posúen. Esta elevada cantidade débese aos altos xuros de tal débeda, consecuencia, en gran parte, non da especulación dos mercados financeiros -como constante e erroneamente se asume nos medios onde a sabedoría convencional se reproduce- senón da oposición do Banco Central Europeo a comprar débeda pública nos mercados primarios, é dicir, directamente ao Estado español, como fai calquera Banco Central digno do seu nome (tal como o Federal Reserve Board de EEUU, o Banco de Inglaterra en Gran Bretaña ou o Banco de Xapón).

 Os máximos beneficiarios destes pagos do Estado aos acredores son os bancos españois e europeos (entre os cales sobresaen os alemáns que teñen unha excesiva dimensión, influencia e protagonismo nas institucións da Eurozona) que recibiron prestado diñeiro do mesmo BCE a uns xuros por baixo dun 1%, co cal compraron débeda pública española a uns xuros do 6% e o 7%. Un negocio redondo para tales institucións financeiras, que conseguiron grazas á axuda do BCE, que non é un banco central senón un lobby da banca e moi en especial da banca alemá. A aqueles que consideren o termo lobby unha esaxeración aconséllolles que lean, non xa as actas do BCE (que son secretas) senón as publicacións de tal institución. E verán se o devandito termo é ou non acaído para definir o BCE, o maior promotor hoxe na Eurozona das políticas de austeridade (austeridade, por certo, que non aplica ao seu propio comportamento, pois acaba de estrear unha sede exuberante en Francfort que custou seis veces máis do inicialmente calculado e que albergará os funcionarios mellor pagos do establishment público europeo).

 En tales boletíns, a defensa dos intereses da banca é central na percepción do que o BCE considera ser a súa función. Tal defensa vístese co traxe de que “a súa misión é controlar a inflación”. Nesta defensa dos seus intereses, irán a extremos que van desde desmantelar a Seguridade Social no Estado español, até recuperar a semana laboral de seis días. É, como ben di Noam Chomsky, a loita de clases unilateral dunha minoría -a banca- en contra de todos os demais.

O poder da banca: o endebedamento do Estado español

 Esta débeda, porén, está baseada, en parte, na enorme influencia da banca non só sobre o BCE senón tamén sobre o Estado español. Hoxe, a influencia da banca sobre a sociedade española ultrapasa calquera límite tolerábel nun sistema democrático. Todos -desde os partidos políticos, á prensa, as empresas e as familias- están enormemente endebedados coa banca. A actitude tan pouco crítica dos medios de información cara ao comportamento da banca e o seu dominio da vida política e mediática do país baséase precisamente neste feito.

 En lugar de denunciar esta relación obvia entre as institucións financeiras e as institucións políticas, os medios de maior difusión e os partidos maioritarios atribúen o endebedamento ao comportamento supostamente irresponsábel das familias, das pequenas e medianas empresas (as grandes teñen xa máis diñeiro do que necesitan para investir) e do Estado. É o que se chama en inglés, o ‘victim blaming’, é dicir, responsabilizar á vítima da súa propia traxedia.

 En tal argumentación ignóranse e/ou ocultan varios feitos. O endebedamento das familias débese á diminución da súa capacidade adquisitiva, resultado do descenso das rendas do traballo como porcentaxe da renda total do país, descenso que foi moito máis acentuado durante os últimos anos debido ás reformas laborais e á diminución salarial que tales reformas intentaron e alcanzaron exitosamente.

 O endebedamento das medianas e pequenas empresas débese, en parte, ao descenso da demanda dos seus produtos e servizos, consecuencia da diminución da capacidade adquisitiva das clases populares e tamén á gran carestía do crédito, resultado da desviación da actividade crediticia da banca cara a actividades especulativas máis rendíbeis como os investimentos inmobiliarios, téndose establecido a maridaxe banca-sector inmobiliario que levou á desfeita.

 O endebedamento do estado débese ás políticas fiscais regresivas que beneficiaron sistematicamente ás rendas do capital e ás rendas superiores á conta das rendas do traballo. Esta regresividade explica a gran pobreza do estado (os ingresos ao Estado español son os máis baixos da UE-15, un 31% do PIB, comparado cun 44% na media da UE-15 e un 54% en Suecia). E este problema acentuouse aínda máis mediante as reformas fiscais regresivas aprobadas no momento de expansión económica (estimulada pola burbulla inmobiliaria). Así, como resultado da reforma tributaria do 2006, o estado deixou de recoller en 2008 19.600 millóns de euros (segundo os datos do Servizo de Estudos e Estatísticas Fiscais do Ministerio de Economía e Finanzas). Os impostos sobre o capital descenderon un 39% e os das rendas superiores un 11%.

 O Estado español non se endebedería tanto se tivese un sistema tributario máis xusto e máis avanzado. A baixada de impostos explica que o estado tivese que pedir prestado aos bancos para cubrir o buraco creado nas súas arcas precisamente como consecuencia da baixada de impostos ás rendas do capital e rendas superiores. Como resultado desta situación, o estado, ademais de baixarlles os impostos aos súper ricos, agora págalles uns xuros moi altos, a través dos bancos, polos bonos que compraron co diñeiro conseguido nos recortes de impostos. Outro negocio máis que redondo, para o beneficio primordialmente do que se chamaba burguesía financeira e os súper ricos.

 Mais esta enorme necesidade de endebedamento foi unha gran lambetada, non só para a banca española senón tamén para a banca europea e, moi en especial, a banca alemá. Por iso é polo que a banca alemá teña hoxe case 200.000 millóns de euros prestados no territorio español, tanto en débeda pública como privada. E está hoxe moi preocupada pois o estalido da burbulla inmobiliaria (á que contribuíu en gran medida a que se inflase) pode arrasar toda a banca, incluída a alemá.

O chamado rescate ao sistema bancario

 Isto lévame ao segundo feito acaecido o 28 de setembro. A decisión do goberno español de pedir o rescate á banca, mediante o préstamo de 40.000 millóns de euros (case a mesma cifra que o Estado español terá que pagar á banca pola débeda), para asegurar o que se chama “a viabilidade do sistema bancario español”, ao que tería que terse engadido “e da banca alemá”. É dicir que o estado pide diñeiro (que terá que devolver o propio estado, pagado polo cidadán español) ás autoridades da eurozona, onde a banca alemá é moi influente, para axudar a banca, asegurándose así que non crebe e que se pague á banca alemá (entre outras). Como ben dixo o asesor económico ao goberno alemán, o Sr. Peter Bofinger, no seu comentario sobre a aprobación de 100.000 millóns de euros para o rescate á banca española. “Esta axuda non é a estes países en problemas (como España) senón aos nosos propios bancos que posúen unha gran cantidade de débeda privada nestes países”.

As condicións leoninas do rescate: o orzamento do Estado

 Este rescate faise en condicións leoninas que terán que pagar as clases populares a base de enormes sacrificios e recortes, incluídos os recortes que recolle o orzamento proposto polo goberno o día 27 de setembro, o terceiro feito digno de mención. A falta de medidas de protección da capacidade adquisitiva dos pensionistas e dos desempregados é un exemplo máis da insensibilidad sociale do orzamento que aparece con toda intensidade nos recortes de gasto público social e diminución moi salientábel da protección social. A súa brutalidade queda demostrada en que mesmo a Troika indicou que as medidas tomadas polo goberno ían ata máis aló do que a propia Troika esixía. O goberno español foi sempre o alumno avantaxado do establishment neoliberal que domina as estruturas da gobernanza da eurozona.

 E todas estas políticas preséntanse como as únicas posíbeis, negando e ocultando a evidencia doadamente accesíbel de que si as hai. O BCE podería actuar, por exemplo, como un banco central, co obxectivo de estimular a economía e non só controlar a inflación. O Estado español podería ter xa en anteriores orzamentos e nos actuais unha política fiscal moito máis progresiva, de maneira que en lugar de recortar as pensións (para conseguir 1.200 millóns de euros) podería manter o imposto de patrimonio (conseguindo 2.100 millóns) ou anular a baixada do imposto de sucesións (conseguindo 2.552 millóns) ou anular a baixada de impostos ás persoas que ingresen máis de 120.000 euros ao ano (conseguindo 2.500 millóns). Ou en lugar de recortar 6.000 millóns en sanidade, poderían anular a baixada do imposto de sociedades das grandes empresas que facturan máis de 150 millóns de euros ao ano (e que representan só o 0,12% de todas as empresas), conseguindo con iso 5.300 millóns.

 Ou en lugar de recortar 200 millóns aos servizos de atención ás persoas con dependencias, poderían eliminar o subsidio do estado á Igrexa católica para que ensine relixión católica nas escolas públicas do estado. E así unha longa, longa listaxe mostrando que si que hai alternativas [...].

 E o estado español podería deixar colapsar bancos en España (Bankia é un caso claro), establecendo bancas públicas ou subvencionando cooperativas de crédito que o garantan. O rescate financeiro é unha axuda máis á banca e ás rendas superiores que son os maiores accionistas de tales bancos, sen que se garanta o crédito. Hoxe o atranco maior ao ofrecemento de crédito é a banca, cuxo poder no Estado español é único na UE e na OCDE. O que ocorre cos desafiuzamentos é un escándalo sen paralelo noutros países.

 Estes tres feitos ocorridos ao final de setembro son indicadores do enorme poder dunha minoría que está conseguindo o que sempre desexaron: a destrución dos sindicatos, a eliminación da protección social, a baixada de salarios e a desaparición do estado do benestar.

 Permítanme que engada outro feito digno de mención. O cuarto feito: as mobilizacións do movemento 15-M e outros movementos para denunciar ao Congreso, en Madrid. Foi sabio deste movemento renunciar á ocupación do congreso. Pero foi digno de ser aplaudido que intentasen denunciar o que estaba ocorrendo dentro del, pois os outros tres feitos son un indicador da violación á democracia que está ocorrendo no Estado español. Ningunha de tales políticas traducidas naqueles tres feitos ten un mandato popular.

 Hoxe, a maioría do Congreso é un instrumento que claramente nin representa nin está ao servizo da maioría da poboación española. As súas políticas non foron aprobadas pola cidadanía española. Non son os que se manifestan os que están atacando a democracia senón os que están dentro (referíndome aos partidos que están aprobando tales políticas sen mandato popular) que están violando a democracia.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 1 de outubro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com