Os números explícanse por si sós e poñen de manifesto a necesidade de intervir e reverter a situación no sentido que reclaman os traballadores xubilados desde que Menem e Cavallo anunciaron os seus propósitos privatizadores.
Moito se debate nestas horas sobre o réxime previsional. En ocasións, os números din máis que os argumentos. Por iso é interesante analizar os seguintes datos:
1. Os afiliados ao réxime de capitalización individual alcanzaban a 3.843.099 a mediados de 1995, cando aínda se iniciaba o sistema. O cume de afiliación alcánzase en xuño de 2007 con 11.669.822 rexistrados. Lembremos que a opción para saír do sistema e migrar para o Estado materializouse en decembro do 2007. O resultado ao 30 de xuño de 2008 alcanzou os 9.487.859 de afiliados. Son 2.181.963 menos nun ano.
2. Porén, se se considera os datos daqueles que efectivamente realizaban achegas, obsérvase que a data de xaneiro de 1995 se contabilizaban 2.033.393, cun máximo de 4.669.469 en xaneiro do 2007 e unha diminución a mediados do 2008 de 3.600.007, ou sexa 1.069.462 menos.
3. Máis grave resulta considerar a evolución do Fondo no seu conxunto, que desde maio do 2008 empeza unha desvalorización que se agrava contra mediados de outubro, o momento do anuncio da estatización das AFJP. Esa desvalorización é concomitante co mantemento das comisións cobradas polas administradoras, co cal a crise só afecta ao Fondo achegado polos “beneficiarios” sen afectar os ingresos por comisións. É algo que se verifica nos períodos de crises, que nos catorce anos de vixencia do “sistema” se produciron de forma recorrente, entre 1997 e 1999 (crise asiática, rusa e brasileira), como en 2001 coa crise arxentina. As desvalorizacións foron dun 0,90 por cento en xuño do 2008 respecto de maio; 0,39 por cento, 0,51 por cento, 3,55 por cento sucesivamente e 8,70 por cento no medio mes de outubro de 2008. O futuro do Fondo é o que en definitiva está en cuestión.
4. Está claro tamén que o Fondo serve para un financiamento oneroso do Estado, posto que o 56 por cento ten destino en colocacións financeiras do fisco. Boa parte do complemento do Fondo contribúe a financiar ao capital privado local e externo, co cal son as achegas dos traballadores os que contribúen ao desenvolvemento dun mercado de capitais. Non se trata dun mercado de risco empresarial, senón de contribucións obrigatorias para financiar parte do proxecto do capital, mesmo na súa orientación cara ao Estado.
Os números explícanse por si sós e poñen de manifesto a necesidade de intervir e reverter a situación no sentido que reclaman os traballadores xubilados desde que Menem e Cavallo anunciaron os seus propósitos privatizadores. É un réxime que se estendeu máis da conta e que debe volver constituírse como sistema solidario administrado por quen o sostén coas súas achegas mensuais, á vez que deben instrumentarse as condicións que eliminen a precariedade laboral e a evasión previsional.
Asemade, cómpre asegurar que toda muller maior de 60 anos e todo home maior de 65 anos perciba un ingreso suficiente e equivalente ao 82 por cento dunha cesta básica apta para satisfacer calidade de vida. Ese será o mínimo a percibir polos xubilados e pensionados actuais, o que supón un incremento substancial do ingreso de máis de 5,5 millóns de beneficiarios do sistema de xubilación. Os recursos existen. Polo tanto, a discusión política non é a crítica ou defensa dun mal sistema de capitalización nin de magras contas individuais. Do que se trata é de recuperar o diñeiro propio dos traballadores e de redefinir un sistema previsional universal, solidario e xusto. Entón, a 25 anos de gobernos constitucionais, a pregunta é se a sociedade arxentina está disposta a continuar condenando á miseria a máis de 90 por cento de xubilados que perciben ingresos por baixo da liña de pobreza.
[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página 12’, do 4 de novembro de 2008]