Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
EEUU exerce a súa hexemonía antes da xuntanza do G20

EEUU, a unha semana do Cumio dos Presidentes do G20 que se reunirá en poucos días en Seúl (Corea), decidiu unilateralmente unha xigantesca emisión de billetes de 600.000 millóns de dólares. Con esa medida puxo en tensión o conxunto do sistema mundial, que agora debe decidir como actuar ante a invasión de dólares que asolagarán os mercados de capitais, anovando se cadra unha onda especulativa, ou polo menos, como xa se visibiliza, estimula a alza dos prezos das comodities, caso do ouro, ou a soia, dous produtos de exportación da Arxentina.

 EEUU actúa pola súa conta e sabe que se discute colectivamente poden decidirse situacións que superen a capacidade de acción do goberno do debilitado Obama, perdedor nas recentes eleccións de metadade do mandato. Ante a dúbida, preferiuse a iniciativa unilateral, anticipada ao conclave de Seúl, demostrando que aínda que a crise da economía é mundial, as políticas económicas son nacionais e neste sentido, EEUU exerce a hexemonía que lle outorga o seu carácter imperialista.

 Que leccións poden tirarse sobre esta situación? Non é a primeira vez que isto ocorre, pois EEUU xa deu sobradas mostras de acción unilateral, por exemplo, cando decidiu romper a paridade cambiaria establecida nos acordos de Bretton Woods de 1944. Remito á declaración da non convertibilidade do dólar en 1971 e que desatou a crise e a desorde do sistema mundial que deveu en axuste e liberalización da economía. A instalación da especulación xeneralizada deveu do accionar unilateral estadounidense, motivando iniciativas como a Taxa Tobin para intentar frear o inusitado movemento de divisas con fins especulativos que xerou a ruptura do acordo monetario.

 Agora vólvese a falar de guerra monetaria e con razón, xa que se a primeira batalla lanzou coa emisión estadounidense. Non en balde vólvese falar de mecanismos de controis de capitais ao estilo dos suxeridos por Tobin a comezo dos 70.

 Mais tamén EEUU actuou deliberadamente a fins dos 70 coa iniciativa Volcker, o mesmo personaxe que é agora chave na política económica de Obama. Naqueles anos foi funcional ao neoliberalismo que instalou Reagan en EEUU. O tema significou unha impresionante suba das taxas de xuros que desembocaron na crise da débeda externa dos nosos países, co default de México e unha complexa situación de endebedamentos, negociacións condicionadas vía presións do FMI e os organismos internacionais. Son situacións que explicarán as décadas perdidas dos 80 e os 90 para América Latina e o Caribe.

 Son varias entón as leccións a tirar sobre o exercicio da hexemonía estadounidense e a unilateralidade no establecemento de políticas económicas, aínda que na conxuntura iso poida favorecer a macroeconomía local. Así, a suba do ouro e a soia, polo momento, estimula os negocios no noso país, sen que iso supoña en si mesmo mellora na calidade de vida do conxunto da poboación. Si mellora a perfomance dos investidores na gran minaría ao descuberto, ou dos que manexan o ciclo produtivo soieiro e, claro, ao manter o modelo produtivo, algo verte sobre as contas fiscais, outorgando sensación de normalización e crecemento da economía, favorecendo a sensación de benestar e que a crise está afastada.

 Un interrogante é que poden facer os países do sur do mundo no Cumio do G20, máis que lexitimar a hexemonía de EEUU por restablecer o réxime do capital con ollada estadounidense. É certo que se pode protestar e é probábel que existan discursos críticos coa unilateralidade estadounidense, pero a emisión de Washington xa incide na evolución da economía mundial, realimentando os negocios especulativos que anticipan novas roldas de crises. Quizais sexa o momento, de ademais de discursos críticos, poñer a rodar, tamén unilateralmente, claro que como rexión latinoamericana e caribeña, unha demorada nova arquitectura financeira, onde o Banco do Sur e o Banco do ALBA teñen un papel, tanto como a experiencia de intercambios compensados que iniciaron Brasil e Arxentina, ou os que ensaian desde comezo deste ano os países do ALBA co SUCRE (Sistema Único de Compensación Rexional), co fin de tentar avanzar vía intercambios compensados no establecemento dunha moeda rexional.

 Se a crise é mundial e a política económica é nacional, ben podería a nosa rexión actuar como economía de escala e proporse obxectivos desconectados do epicentro da crise. Sería unha forma emancipada de pensar, nun mundo que hoxe lembra a revolución socialista de outubro en Rusia, como o primeiro intento con posibilidades de construír unha sociedade para a satisfacción das necesidades sociais estendidas.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 8 de novembro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com