
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Os resultados da folga xeral do 14 de decembro de 1988 foron moi positivos pra o sindicalismo nacionalista en Galiza, tanto porque avanzaba na unidade, que fora moi fracturada pola ruptura de 1985, como porque ademais convocaba pra o 2 de febreiro unha manifestación de delegados en Compostela, baixo o mesmo lema da folga.
Do triunfo sindical da convocatoria da folga contra o Plano de Emprego Xuvenil dan unha boa idea os titulares da prensa do momento que, en todos os casos, recoñece que o paro foi practicamente total. Así, o semanario A Nosa Terra destacaba “de éxito sen paliativos pódese calificar o resultado da folga xeral realizada o 14-D a todo o longo do territorio estatal”. Pola súa banda o xornal Diario16 afirmaba que “medio millón de traballadores en folga paralizaron Galicia”, o Faro de Vigo titulaba en portada “A folga contra a política económica do Goberno socialista paralizou España”, e a Voz de Galicia destacaba “Pra os sindicatos, a xornada de folga, ‘foi un triunfo rotundo e histórico’” (tanto este diario como o Faro en castelán no orixinal).
Os motivos da convocatoria foron varios, aínda que a pinga que desbordou o vaso seria o Plano de Emprego Xuvenil (PEX) aprobado polo Goberno de Felipe González. No eixo nº19 dicíase sobre este plano que “é apresentado como unha solución pra moitos miles de mozos, mais é un novo retroceso nas condicións laborais dos asalariados e, asemade, co tempo, parece pretender servir como modelo a aplicar a outros colectivos de traballadores (...) O empresarios van poder contratar mozos de entre 16 e 25 anos por un período de ate 12 meses, renovábel por unha vez, cun salario igual ao mínimo interprofesional. Ou sexa, que estes xovens non van estar suxeitos ao convenio colectivo que exista na empresa ou sector (...) Asemade, o empresario, pode incorporar ao mesmo posto un novo mozo sen que adquira ningunha obrigación co anterior (...) O Governo exime ao empresario do pago da Seguridade Social e está en estudo unha bonificación de 200.000 pesetas por parte de Facenda. O Governo pelexou con uñas e dentes o PEX e a patronal (CEOE) manifestaba que era o millor plano e desfacíase en loubanzas ao Governo por esta medida. Abaratábase o despido e dábaselle folgos á temporalidade.
Porén, como se indicaba no paragrafo anterior houbo máis motivos pra botar adiante esta folga, por exemplo no noso país o paro abranguía a 204.000 persoas, daquela que a convocatoria feita polo sindicalismo nacionalista (INTG e CXTG) tivera como lema “Galiza pola industrialización e o emprego”. No manifesto conxunto salientábase que era unha mobilización contra a política económica e social do PSOE “que baseaba o desenvolvemento económico na acumulación de riquezas polos mesmos de sempre. A súa política económica e social está ao servizo do capital transnacional e da gran banca”. Engadíase no comunicado que se esixía que o Governo poña en marcha acións concretas de apoio a integración laboral da mocidade”; que tanto a INTG como a CXTG opóñense a que se converta aos xovens practicamente en escravos e na pretensión de impor á mocidade unha perpetua eventualidade. Destacábase que por esta medida o Estado ía deixar de ingresar medio billón de pesetas. Por último salientábase a situación de marxinación de Galiza nos planos de infraestruturas (por exemplo RENFE) e pedíase un Plano Galego de Emprego, así como por conseguir un Marco Galego de Relacións Laborais.
Tanto CC.OO como a UGT fixeron da convocatoria non só unha demostración de forza contra o Governo, coa pretensión evidente de aparecer como interlocutores fortes cos que había que contar, senón tamén como as únicas forzas con capacidade mobilizadora en todo o Estado español (agás no País Basco, onde o sindicalismo nacionalista é maioritario). En Galiza a INTG e CXTG tiñan presenza, capacidade mobilizadora, porén nun contexto como este, cunha convocatoria estatal, CCOO e UGT pensaron que o sindicalismo nacionalista non ía aguantar o tirón, devecendo a súa normal capacidade de convocatoria. Por este motivo marxinaron da convocatoria ao nacionalismo galego, ofrecéndolle a oportunidade de se sumar ao acto. O nacionalismo aceptou o reto, agás en Ferrol e Lugo, onde se optou por participar da convocatoria realizada por CC.OO e UGT. No primeiro caso a decisión estivo moi influenciada pola unidade existente nas mobilizacións do sector naval.
Mergullémonos un chisco nos días previos e na data da convocatoria. A situación no estaba morna, por exemplo, ademais das mobilizacións contra a apertura os domingos das grandes áreas comerciais, o 17 de novembro houbo un paro do naval en Vigo e posterior manifestación de 3.000 operarios, por mor do 444 excedentes que estaban sen recolocar nos Fondos de Promoción de Emprego. Días despois a INTG e máis a CXTG ocupaban na mesma cidade a Delegación de Traballo. O 24 do mesmo mes os estudantes de ensino medio mobilizábanse en toda Galiza contra o Plano de Emprego Xuvenil. Tamén no tempo coincide o conflito de Heerema, orixinado polo despido de oitocentos de operarios galegos das plataformas do Mar do Norte. Asemade, compre lembrar que no mes de outubro a CXTG realizou o seu 2º Congreso no que foi aprobado por 237 votos a favor, un en contra e 18 abstencións unha resolución na que se consideraba como positiva porén lamentábel e inoportuna a proposta de unidade realizada pola INTG un mes antes.
Na nosa nación a Xunta estaba daquela governada polo tripartito (PSOE, Coalición Galega, PNG). O presidente era González Laxe (PSOE) o vicepresidente Barreiro Rivas (CG), o conselleiro de Traballo, Miguel Martínez Losada (PSOE), e o conselleiro de Presidencia era González Mariñas (CG). A Xunta intentou por todos os medios restar forza á folga xeral, tanto nos días previos como na mesma xornada, así afirmaba que a “folga tivera unha desigual incidencia en Galicia” contrastando co que todos os meios de información recoñecían como un éxito (moitos sen ningún entusiasmo). O semanario A Nosa Terra salientaba que “os servizos mínimos impostos polas diferentes administracións socialistas convertéronse en máximos e obrigaron a plantillas enteiras”
Os xornais destacaban ao día seguinte, alén dos titulares aos que se fixo mención, que “a incidencia do paro en Vigo foi practicamente do 100% (...) cinco membros dun piquete detidos na madrugada do día 14 (Diario de Galicia). “os piquetes foron case innecesarios en Ferrol, onde 15.000 rubricaron o paro (...) Os escasos incidentes na costa lucense rexistráronse en Alumina (...) Rotundo éxito do paro en Ourense, nunha xornada de frío e ausencia de enfrontamentos (...) A paralización do transporte causou os únicos incidentes en Pontevedra (...) A folga foi case que xeral en toda a comarca de Arousa (...) A actividade laboral quedou practicamente paralizada en toda a comarca compostelán (...) Masivo apoio á folga en A Coruña, nunha xornada con algúns enfrontamentos (Voz de Galicia). Atlántico Diario dicía “parou o 90% dos traballadores galegos” e engadía en subtítulos “Escasos incidentes, e guerra de cifras”. Reflectindo como a patronal e o Governo, dando por perdida a batalla contra o paro, intentaban torcer os resultados terxiversando a información. Pola súa banda El Correo Gallego falaba de “Euforia nos sindicatos” e sobre a repercusión da folga en Monforte de Lemos afirmaba “Peche xeral, normalidade e rúas semidesertas”.
Se partimos as cifras entre as que deron os convocantes e as que contabilizou a policía, temos aproximadamente os seguintes dados. En Ferrol participaron na manifestación 12.000 persoas, en As pontes a INTG e a CXTG reunían a 2.000 persoas. En Lugo axuntábanse unhas 3.500. A maior das mobilizacións foi a de Vigo, onde a convocatoria de CCOO e UGT reuniu a unhas 25.000 persoas e a da CXTG e INTG a unhas 12.000. No acto final da manifestación nacionalista falou Méndez Ferrin na Porta do Sol. Na Coruña 4.000 os sindicatos estatais e 2.000 os nacionalistas. En Pontevedra a INTG e CXTG axuntaban a 1.500 persoas e CCOO e UGT só a 600. Na cidade de Ourense o sindicalismo nacionalista reunía a 800 persoas e a dos sindicatos estatais a 1.200. Por último na capital de Galiza, Compostela, os dados eran de 2.000 persoas pra cada unha das manifestacións convocadas.
O semanario A Nosa Terra recollía declaracións de Fernando Acuña e Manuel Mera na manifestación de Vigo. O secretario xeral da CXTG, Fernando Acuña, dicía “hai un feito significativo que é a absoluta marxinalidade á que pretenderon someternos os sindicatos españois (...) a manifestación de Vigo, a cidade máis industrial de Galiza, é alecionadora”. Pola súa banda, Manuel Mera, secretario xeral da INTG, destacaba “O Governo do PSOE agora ten dúas saídas: ou continuar cunha política de prepotencia, afastándose cada vez máis dos traballadores e da inmensa maioría da povoación, cunha política de confrontación directa (...) o outro camiño é que se inicien contactos coas centrais sindicais CC.OO e UGT pra uns pactos sociais máis brandos (...) despois desta mobilización contra a política económica e social do Governo o PSOE queda moi tocado”. Como se ve a actitude do sindicalismo estatal pretendendo marxinar á CXTG e INTG e as posíbeis saídas do Governo de Felipe González a confrontación cos sindicatos, eran os temas que centraban o debate. O sindicalismo nacionalista ollaba como moi difícil que o PSOE dera marcha atrás no PEX, dado o seu grao de compromiso coa patronal.
Os resultados foron moi positivos pra o sindicalismo nacionalista, tanto porque avanzaba na unidade, que fora moi fracturada pola ruptura de 1985, como porque ademais convocaba pra o 2 de febreiro unha manifestación de delegados en Compostela, baixo o mesmo lema da folga, e reunía a 1.000 persoas segundo os xornais, conseguindo fixar unha reunión co Presidente da Xunta de Galiza, González Laxe. O 26 de febreiro repetíase unha nova mobilización con tres mil participantes na capital do país (nun día chuvioso).
O Plano de Emprego Xuvenil xerou grandes contradicións entre a UGT e máis o PSOE, como exemplo a dimisión de varios deputados dese partido que tiñan responsabilidades de direción na central sindical, como Suso Mosquera. Abriu durante anos unha fenda que se pechou coa renovación de cargos na UGT (cando deixa a secretaria xeral Redondo e asume Cando Méndez) e co paso do PSOE á oposición. Os “socialistas” darían algún paso atrás na reforma, mais de vagar iran tomando medidas pra desregular as condicións laborais, desde facía tempo pesaban máis no partido os compromisos co sistema que as siglas.
Estes días, con seguridade, as centrais españolas celebraran esta folga xeral, que foi a primeira a nivel estatal, desde a 2º República, mais que na nosa nación foi a cuarta xa que durante o ano 1984 houbo tres folgas xerais (o 14 de febreiro, 12 de xullo e 29 de novembro), das que o vindeiro ano cúmprese o 25 aniversario. No ano 1985 fíxose un paro de media xornada que moitos non consideran unha folga xeral, e que tivo un seguimento menor. Se cadra recordando vellas batallas o sindicalismo estatal, hoxe tan ligado ao sistema, queira lavar a cara neste tempo de aumento do desemprego e a represión contra as protestas sociais. Por este motivo convén lembrar a cotío que a situación de precariedade actual, que está no limite, ten antecedentes no só nas políticas da dereita senón tamén da socialdemocracia e dos pactos sociais asinados polo sindicalismo de ámbito estatal.
[Artigo tirado do sitio web 'GZ Nación', do 8 de decembro de 2008]