Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
10/2/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Da folga ao pacto: A viaxe a ningures?

É difícil entender como pasamos en poucos días dunha chamada á mobilización a unha negociación a porta pechada da que só se nos permite coñecer o resultado final. Un está tentado a pensar que aos dirixentes sindicais lles puido máis o seu hábito de profesionais da negociación que a necesidade de dar respostas estratéxicas a unha situación realmente hostil...

Escribo esta nota de oídas, só coa información que dan os medios e as páxinas sindicais. Hai risco de erro. Sería feliz se o próximo mes tivese que me desdicir. Pero correndo ese risco aí van unhas reflexións de urxencia.

 Que se dean pactos non é malo en si mesmo. Aínda que sexan defensivos e neles se perdan plumas. As correlacións de forzas son as que son e a miúdo temos que tragar pílulas amargas. As elites dominantes e os seus voceiros de feito estaban a favor de que o goberno Zapatero aplicase reformas radicais sen negociar. Con iso cobraríanse dous paxaros dun tiro: afondar na súa contrarrevolución social e afondar no desprestixio social do PSOE. Esta mesma será a razón que aducirán os dirixentes sindicais para xustificar a súa postura: que frearon as reformas máis radicais e que illaron a dereita. Aínda que o acordo tivese estas características queda por ver que ocorrerá nos trámites parlamentarios e cal será a resposta dunha patronal cada vez máis envalentonada pola debilidade do adversario e os presaxios electorais.

 Non está claro, porén, que o conseguido na mesa de negociación signifique un cambio substancial fronte á proposta do goberno. Os sindicatos estiveran todo o outono falando de cuestións “innegociábeis” como a retirada da reforma laboral e o aumento na idade de xubilación (da terceira perna da reforma, a da negociación colectiva, non falaron moito).

 Polo que agora sabemos da reforma laboral, o único que cambiou é a eliminación das perdas futuras como causa do despedimento obxectivo e unha redacción menos “liberal” do regulamento de empresas de colocación. Da reforma das pensións acábase impondo os 67 anos (pero amplíase o período de transición ao novo modelo e modérase o aumento de anos de cotización necesarios para alcanzar o dereito a xubilarse aos 65 sen penalización), amplíase o período de cálculo a 25 anos e introdúcense medidas correctoras para algúns colectivos (bolseiros, mulleres que aceptan unha excedencia para coidar fillos) aos que se lles conceden dous anos de rebaixa.

 Da reforma da negociación colectiva de momento sabemos pouco, aínda que volve soar a música da flexibilidade. Se isto é todo, nin se derrogou a reforma laboral do pasado verán, nin se freou substancialmente o recorte das pensións futuras (as primeiras estimacións apuntan a unha redución do 20% das pensións medias), nin se cambiaron os factores de inequidade do sistema actual. Non se contemplan por exemplo as desigualdades en materia de saúde, en traxectoria laboral a que dan lugar os diferentes tipos de empregos e que castigan particularmente os traballadores de niveis inferiores da pirámide laboral. A esperanza de vida e, sobre todo, os anos de vida con boa saúde son moi diferentes segundo a experiencia laboral (non só no caso dalgúns empregos “penosos”). Tampouco se contemplan outras saídas temporais do mercado laboral que non sexan a de crear nova forza de traballo (por exemplo, ignórase a cuestión do coidado a maiores ou enfermos, dando por asumido que as coidadoras de nenos deban ser necesariamente mulleres). Simplemente, atenuáronse algún dos efectos a cambio de lexitimar a totalidade.

 Dado o grao de debilidade da clase traballadora, a forza dos poderes financeiros e a ideoloxía dominante nas elites gobernantes, o conseguido é posibelmente o máximo a que se podía chegar. Polo menos nunha negociación a porta pechada, sen mobilización social nin un mínimo debate social. Non en balde a semana pasada os ínclitos economistas de Fedea, convencidos da debilidade do inimigo, seguían clamando que era mellor unha reforma de verdade que un pacto. O que resulta máis discutíbel é se o conseguido valeu o suficiente para equilibrar o custo social que xerou a forma como os sindicatos xestionaron a operación.

 O que gaña o Goberno co pacto é sobre todo facer aparecer a UGT e CCOO como coasinantes dunha reforma que a maioría da poboación percibe como un verdadeiro retroceso social. Xa se encargarán os medios de reforzar esta imaxe de coautoría sindical na reforma das pensións. Os sindicatos só poden aducir que retallaron evemente os recortes pero a cambio de romper co seu discurso anterior e de deixar á súa base social aínda máis perplexa e desanimada que nunca.

 Este é para min a cerna da cuestión. CCOO e UGT levaban meses denunciando as reformas do goberno, organizando mobilizacións (aínda que xa en decembro se viu que faltaba empuxe), sinalando algunhas “liñas vermellas” que non se podían traspasar. Esta actitude tiña polo menos o valor de crear unha certa conciencia social, unha cultura dos dereitos sociais. Con poucos resultados a curto prazo pero capaz de xerar novas actitudes sociais. Para avanzar nesta liña era necesario afondar na explicación e perfilar o programa. Explicar insistentemente á poboación traballadora o alcance das reformas en marcha, os seus efectos futuros. Afondar nas contrapropostas e reivindicacións, en desenvolver propostas reformistas claras. Abrir o espazo de alianzas cara a outros sectores sociais, co obxecto de mellorar as propias propostas e ampliar a densidade social da resposta. Pecharse a negociar co Goberno (sen unha clara explicación de cales son as propostas que se van defender, aquilo en que non se pode ceder, aquilo que é desexábel negociar) é a peor forma de avanzar nesta dirección.

 Para moitas persoas, entre as que me inclúo, foi difícil entender como pasamos en poucos días dunha chamada á mobilización a unha negociación a porta pechada da que só se nos permite coñecer o resultado final. Un está tentado a pensar que aos dirixentes sindicais lles puido máis o seu hábito de profesionais da negociación que a necesidade de dar respostas estratéxicas a unha situación realmente hostil. Poida que no primeiro teñan algún éxito, pero co grave risco de afondar na apatía, o desánimo e o medo que hoxe apreixa a millóns de persoas en todo o mundo e sobre o que se consolida o despropósito neoliberal. Non vexo como van afrontar con estas forzas o furacán que xa empeza a soprar para desmantelar os elementos máis protectores da negociación colectiva.

 Negociar só cuestións sociais, sen entrar en terreos como a reforma do sistema financeiro, ou o tratamento da crise hipotecaria, é unha mostra máis do carácter subsidiario que se dá aos representantes sindicais. Só son considerados aptos para negociar o que afecta directamente ao mundo laboral, mentres que a xestión económica se deixa aos ditados dos expertos e dos empresarios. Peor que as concesións concretas é que se perdeu outra oportunidade de realizar pedagoxía social, rearmamento democrático da poboación. E púxose outro banzo nesa construción imaxinaria que día a día sostén que “non hai outro mundo posíbel” e que ás clases subalternas só lles queda conformarse e, como moito, pelexar por moderar levemente a profundidade dos recortes.

O gran asalto ás caixas

 Na miña infancia aprendéronme que as Caixas de Aforros eran unha institución distinta aos bancos. Na miña cidade aínda estaba vivo o recordo da creba do Banco de Barcelona que arruinara a persoas modestas. As caixas, en cambio, eran vistas como institucións non especulativas, defensoras do aforro dos menos ricos, institucións amigas do contorno (nas escolas do meu barrio eran habituais os premios en forma de pequenos depósitos: os escolares aforrabamos sumas modestas mediante a compra duns selos pensados para alentar unha cultura da responsabilidade). Esta figura das caixas como institucións sociais empezou a crebar coa liberalización financeira de principios dos oitenta e a transformación destas institucións en operadores financeiros normais da man dunha camada de dirixentes formados nas escolas de negocios.

 Aínda que resulta evidente que se foi difuminando a súa diferenza cos bancos, esta persistiu en certos aspectos: as condicións laborais, os retornos á comunidade (a pesar de que hai moito de criticábei nas obras sociais das caixas, sobre todo de exceso de accións publicitarias, saen ben paradas cando se comparan cos bancos privados) e mesmo a implicación no financiamento do tecido produtivo local. (Non era impensábel que unha maior democratización dos seus órganos directivos as puido converter en impulsoras a gran escala da economía social). Por iso, con todos os seus aspectos criticábeis, seguían aparecendo, a ollos neoliberais, como unha “perigosa anomalía económica”.

 Xa que logo, había tempo que as caixas españolas estaban no punto de mira dos funcionarios do gran capital financeiro. Elas mesmas contribuíron ao seu desmatelamento con erros propios, especialmente o de subir ao carro da especulación inmobiliaria a gran escala. Se a gran banca española está saíndo mellor parada da crise que as caixas non é tanto pola súa “eficiencia” como porque a súa internacionalización previa (explotando choios financeiros como o das pensións privadas latinoamericanas) permitiulles compensar os problemas locais.

 A crise actual está sendo, para os intereses dominantes, como o porco: todo resulta aproveitábel. E tras o mercado laboral e as pensións agora toca que as caixas sexan “reformadas” (seguramente co caloroso apoio dalgúns dos seus directivos formados en calquera ‘Business School’ local ou ianqui e esperanzados con que coa transformación poderán obter os xenerosos ‘bonus’ que reciben as cúpulas bancarias). A secuencia do proceso constitúe en si mesma unha manobra clásica de golpe de estado: primeiro dise que deberán alcanzar un determinado grao de solidez financeira, despois anúnciase que esta deberá ser superior á dos bancos (xa se sabe: a economía social é menos fiábel e hai que asegurarse) e finalmente afírmase que as entidades que non alcancen a devandita solidez serán “nacionalizadas” (ou sexa que pasarán por un programa de saneamento financiado pola colectividade) como paso previo á súa venda total ou parcial a investidores privados. Tamén poden acurtar o camiño e optar de entrada pola venda ao capital privado (é o que xa anunciou La Caixa, unha das institucións máis sólidas).

 Vistas en perspectiva, as treboadas financeiras recentes que arrasaron o país parecen ser o mesmo tipo de manobras de amedoramento que realizan os “señores da guerra” ou as mafias cando queren conseguir que alguén lles ceda un activo ou lles “solicite” protección.

 Se a rendición final se prodúce -nestes tempos case todo o indesexábel acaba por ser inevitábel- estaremos expostos a novos problemas. Dunha parte, toda a experiencia anterior de liberalizacion financeira e de privatización en lugar de redundar na pretendida competencia creativa traduciuse nun simple proceso de oligopolización económica. Isto ocorreu claramente no sector bancario, onde acabamos, como na liga de fútbol, con só dous grandes grupos. E tamén pasou no resto de sectores privatizados.

 Non hai ningunha razón para que isto non volva ocorrer coas antigas caixas. Quizais o único que gañaremos é que a todo o mundo lle queden máis claros quen son os “amos” do país. A outra posibilidade é que, polo menos nun prazo inmediato, a privatización sexa unha porta de entrada dos fondos financeiros, sempre ávidos de entrar en aventuras curtopracistas. E os seus efectos especulativos pódense deixar sentir en moitos campos: novas operacións especulativas no eido financeiro, tratamento máis duro da clientela e mesmo impactos negativos nas redes de empresas locais que aínda dependen das caixas. Teoricamente as caixas preservarían a súa obra social mediante o cobro de dividendos dos seus bancos participados, pero a perda de control da xestión directa reforza a posibilidade de que estes ingresos diminúan por cambios nas políticas de xestión (retribucións aos altos directivos e aos investidores privados, desvíos de fondos mediante operacións financeiras ad hoc, etc.).

 Aínda que o final parece inevitábel hai que seguir insistindo en que a participación pública nas entidades debería ser o xermolo dunha nova banca pública e non unha simple etapa cara á privatización. E deberiamos expor directamente a cuestión aos “nosos” teóricos representantes nos consellos das caixas (representantes de sindicatos, impositores, corporacións locais) para que revertan o proceso. Porque o triunfo dos mercados é en gran parte o produto do abandono de responsabilidades dos presuntos representantes dos intereses colectivos.

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Viento Sur’, do 4 de febreiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com