marco
10/4/2009
Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Zapatero aposta ao unilateralismo

Máis unha vez o Governo central atopou a xustificación pra enviar máis tropas ao exterior no marco da OTAN, neste caso a Afganistán, onde xa hai un continxente militar do Estado español na zona de Herat. A razón (seica) é axudar ao normal desenvolvemento da eleicións nese país centroasiático, algo difícil de crer. Como se non tivera máis valor, pras potencias ocupantes, que se trata dun estado chave desde o punto de vista xeo-estratexico, tanto porque completa o cerco a China e limita con Iran, como porque está na espiña dorsal de Siberia. Ademais ten fronteira con varios importantes produtores de gas. O esforzo militar dos Estados Unidos en Afganistán pouco ten que ver hoxe con Al-Qaeda, e moito menos con garantir un réxime democrático e dar pulo á economía (o aumento da produción de opio, os ataques indiscriminados á povoación civil, o desemprego masivo, e o aumento da influencia neo-talibán, son un exemplo).

O Pentágono, e polo tanto o governo Obama, semella que argallaron pra Afganistán unha estratexia que contempla tanto a situación interna (onde os neo-talibáns son cada vez máis fortes) como o que ten que ver coas necesidades xeoestratexicas norteamericanas na zona. Por iso propoñen abrir negociacións coa oposición armada (ou con parte dela) e ao mesmo tempo reforzan militarme a ocupación, algo que parece contraditorio nunha primeira análise. Saben, que ademais de compartir gastos cada estado que se compromete na ocupación, tanto de Afganistán como de Iraq, ficaran atados á estratexia norteamericana e polo tanto a aceptar mansamente a súa hexemonía imperialista (algo fundamental nun contexto en que isto está en disputa, xa que outras potencias queren abrir paso a un mundo multipolar). Porén os Estados Unidos tamén valora que o territorio é vital pra condicionar a Rusia, China e Iran, así como a Paquistán e India. Mesmo cun acordo coa oposición as bases norteamericanas continuaran como mínimo unha década, tempo abondo nesta conxuntura na que se vai definir toda unha etapa. Neste contexto resulta evidente que, pra alén da leria e da escenificación mediatica pra non perder eleitorado de esquerda, na practica o Governo Zapatero sigue, como fixo Aznar, apostando polo unilateralismo.

A loita pola hexemonía, entre os estados imperialistas (históricos ou emerxentes) dáse en varios ámbitos: económico, militar, financeiro, cultural. Só no eido económico e financeiro está neste intre cuestionada a hexemonía norteamericana e dos seus aliados, e hai un empate técnico, non tanto en medios como en capacidade destrutiva nuclear (polo tanto defensiva), no aspecto militar entre os Estados Unidos e Rusia. No recente cumio do G-20 reflectiuse que aínda non se acepta por parte norteamericana o mundo multipolar, por iso non se abre paso unha nova moeda que substitúa ao dólar como referencia internacional (como propoñen Rusia e China), e segue adiante a expansión da OTAN, o envío de máis forzas a Afganistán, e o despregue da IV flota en augas de América Latina e o Caribe.

Sen dúbida o mundo multipolar abrirase camiño nas vindeiras décadas, mais despois de moitas tensións económicas, sociais e mesmo militares (tal como se amosa polas medidas que se toman contra a crise sistémica polas clases dominantes). Agora ben, non esquezamos que aínda que o escenario futuro sexa máis plural, e polo tanto un avance, non por iso deixa de excluír á maioría das nacións do mundo, especialmente ás que carecen de estado propio así como ás clases subordinadas, que son a maioría da sociedade. Unha alternativa transformadora aínda está moi verde en Europa, por máis que a cotío (e con moitas dificultades) avance con moitas voces na América Latina, ou sexa, na periferia do sistema.