Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
10/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Notas sobre a reforma laboral na República Bolivariana de Venezuela e a contrarreforma laboral no Reino de España

Aínda que aínda non sexamos plenamente conscientes, a mundialización da economía, a globalización, máis aló de pretender estender un modelo neoliberal e de levar ao extremo a fragmentación dos procesos produtivos, provoca efectos nas relacións laborais duns estados sobre outros.

 Nos últimos seis meses diferentes estados do mundo optaron por modificar a súa normativa laboral. Se hai dous dos que se debe salientar as súas reformas ou contrarreformas laborais, polo seu carácter cualitativo e cuantitativo, eses son a República Bolivariana de Venezuela (RBV) e o Reino de España.

 Á súa vez, poderemos observar orixes distintas, procesos de creación normativa diferenciados, contidos, causas e efectos diametralmente opostos.

Orixes históricas recentes: a neoliberal Lei Orgánica do Traballo (LOT) de 1998 e o Estatuto dos Traballadores de 1980 como expresión socialdemócrata

 No ano 1999 adquiriu vixencia o Regulamento da LOT de 1990, doce días antes da toma de posesión do novo Goberno do presidente Hugo Chávez. Esa práctica, máis propia dun réxime bonapartista, foi a última expresión en órganos executivos das formas e o contido do neoliberalismo en Venezuela.

 Non é cousa pequena que se apresurasen a aprobar unha modificación en materia laboral abertamente antiobreira días antes do inicio dunha nova etapa política que cando menos causaba incerteza entre a burguesía. Así, atopamos como antecedente da reforma da LOT un corpo normativo xeneral herdado das formulacións máis neoliberais da IV República.

 No caso do Estado español, o seu marco regulatorio atopámolo no Estatuto dos Traballadores de 1980, que é unha gran expresión dialéctica das dúas etapas que conflúen nese momento. Por unha banda, a finalización do sindicalismo maioritario de confrontación e dez anos de proceso ascendente do movemento obreiro, e por outra, a segunda etapa, a que se inicia, será a substitución da dereita por un Goberno da socialdemocracia, mais o determinante é a consolidación dun sindicalismo maioritario de concertación, en ocasións mesmo de renuncia. Cousifícase así un corpo normativo de dereitos, aínda que observamos no Estatuto dos Traballadores de 1980 un primeiro paso cara á renuncia destes.

Tendencias anteriores aos cambios normativos: das reformas laborais da RBV ás contrarreformas labolares no Estado español

 Con independencia de que a normativa laboral aprobada no período 1997-1999 tivese un claro e nítida nesgo neoliberal, cunha gran plasmación na redución dos salarios, iso non foi un impedimento para que o Goberno bolivariano adoptase toda unha serie de medidas abertamente pro operarias, esencialmente o Regulamento de Lei de Traballo de 2006, pero tamén outras de ratificación anual ou incorporadas en diferentes momentos dos últimos trece anos: a eliminación da normativa reguladora das ETT e o contrato de mozos en formación; a inamobilidade laboral; o aumento do salario mínimo aos maiores niveis de Latinoamérica; a maternidade; o bono en concepto de alimentación (a “cesta-ticket”, segundo a denominación venezolana); o aumento do salario polo día festivo; a eliminación da multa de haber (sanción sen soldo); a equiparación do salario mínimo dos aprendices ao nivel xeral; a solvencia laboral (cumprimento da legalidade laboral para obter contratos coa Administración) e prestacións non contributivas, entre outras. Pódese observar unha aposta clara por incorporar dereitos e garantías para a clase traballadora.

 Polo que respecta ao Estado español, podemos distinguir dúas etapas previas ao actual cambio normativo que se incorpora coa contrarreforma laboral: unha primeira, o período 1980-2010, en que se combinan contrarreformas laborais parciais contrarias á estabilidade laboral (contratación temporal, redución da indemnización ou dos salarios de tramitación, facilitación da extinción de contratos, etc.) e a incorporación dalgúns avances en materia de prevención de riscos laborais e principio de igualdade. O segundo período iníciase en xuño de 2010 cunha contrarreforma laboral (RD-Lei 10/2010 e Lei 35/2010), prosegue cunha contrarreforma do sistema de pensións (Lei 27/2011) e profúndase coa contrarreforma da negociación colectiva (RD-Lei 7/2011). Ábrese así unha etapa de degradación dos dereitos laborais e de ataques ás conquistas históricas do movemento obreiro sen precedentes desde a finalización da Guerra Civil.

O proceso de formación normativa: das emendas da clase traballadora ao esmague do Partido Popular

 Curiosamente, en Europa transmítesenos unha imaxe caudillista da realidade gobernamental da RBV e cualifícase de demócratas de toda a vida aos que apoiaron o golpe de estado naquel país e os herdeiros políticos do franquismo.

 O anterior choca coa realidade en virtude da cal a LOTTT (Lei Orgánica do Traballo, os Traballadores e as Traballadoras) contou cun proceso previo de participación dos traballadores e as traballadoras, con ducias de miles de achegas ao texto da que orixinariamente era a reforma da LOT, e cun traballo técnico e político previo non sectario, xestionado desde o Estado e o Goberno pero con participación política e técnica. Non queremos tampouco esquecer as dúbidas que xerou entre certos sectores a creación dun novo sindicato e o seu rápido recoñecemento polo Goberno, así como un certo segredo semanas antes da promulgación da lei.

 No caso do Estado español, o proceso de creación foi a través dun Real Decreto Lei gobernamental, non só sen previa consulta cos sindicatos senón rompendo un certo consenso social que supuxera o asinamento, dúas semanas antes, do II Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva 2012-2014. Non houbo participación nin diálogo, senón un tedioso monólogo en que o Goberno optou mesmo por privatizar o proceso de creación normativa. Explican sectores próximos ao Executivo que o texto non está nin sequera redactado por técnicos do Ministerio de Traballo, senón polos habituais asesores da patronal.

 En todo caso, non debemos obviar que a maior ou menor participación social non é un requisito da democracia formal coa que conta o Estado español.

A xustificación: da transición ao socialismo [1] á redución do desemprego

A LOTTT e a transición ao socialismo

 A xustificación para a nova lexislación laboral da RBV, a LOTTT, foi a transición ao socialismo. Deberiámonos preguntar previamente se se pode transitar do capitalismo ao socialismo sen conquistar o aparello do Estado e acabar co capitalismo. O actual carácter de clase do Estado venezolano é burgués aínda que o poder político non o posúe a burguesía, mais o determinante é que o capitalismo nunca construirá o socialismo. Non se trata apenas dunha cuestión de actuación lexislativa do Goberno ou do Parlamento; iso sería moi sinxelo: poderiamos solicitar ao presidente da RBV a declaración da sociedade socialista e a abolición do capitalismo, sen que iso cambiase de seu a realidade.

 O anterior non significa que un cambio na normativa laboral non poida ter efectos sobre a posibilidade de construción do socialismo. Manter a un sector importante da clase traballadora máis próxima ao lumpenproletariado que a unha realidade de dereitos afasta da posibilidade de superación do capitalismo. Á súa vez, reforzar materialmente e como clase senta as bases para acabar coa sociedade de clases, aínda que debemos lembrar que os procesos, cando superan o seu punto de maduración, podrecen.

 Acabar co carácter burgués do aparello do Estado e empoderar política e economicamente á clase traballadora será o determinante para o tránsito ao socialismo. O control dos procesos de produción, a distribución e a comercialización de bens e servizos serán os elementos constituíntes dunha nova sociedade. Por suposto que pode haber medidas laborais e societarias que o faciliten, pero iso non é compatíbel cun Estado burgués nin atopará a aceptación da burguesía venezolana e mundial. Esta constitúe a discusión sobre as medidas de transición e as consignas transicionais nunha primeira parte, pero tamén unha segunda discusión sobre a organización socialista do traballo, en que deberán terse moi en conta os grandes erros, e tamén éxitos, dos estados obreiros burocratizados do século XX.

 Así, a intensidade das medidas laborais incorporadas na LOTTT deberían ser unha plasmación dos ritmos e correlacións de forzas que se están avaliando desde o Executivo da RBV para o tránsito ao socialismo. Sen dúbida que a normativa laboral ten unha influencia directa sobre a construción do socialismo, pero tamén os erros tácticos e estratéxicos poden acabar pagándose co retorno das forzas conservadoras.

O RD-L 3/2012 e a redución do desemprego

 A xustificación do RD-Lei 3/2012 foi a creación de emprego ou pór freo á súa destrución. Simplemente, debemos manifestar que iso é obsceno se nos atemos ao contido do cambio normativo.

 A aposta por facilitar as causas do despedimento, reducir as indemnizacións por despedimento improcedente e eliminar os salarios de tramitación convértese nun chamamento a que as empresas opten preferentemente pola extinción contractual ante calquera situación obxectiva da mercantil e subxectiva do traballador ou a traballadora.

 Debilitar os dereitos e as condicións laborais tampouco terá un efecto no sentido de reactivar a economía; lonxe diso, limitar ou reducir a capacidade de consumo da clase traballadora ten un efecto directo retardante na recuperación da demanda.

 En definitiva, as medidas aprobadas gardan a mesma relación coa redución do desemprego que a práctica de cortar árbores coa redución dos incendios.

Contido

LOTTT

 A LOTTT recoñece o traballo como un dereito humano á vez que se propón protexer o interese supremo do mesmo como proceso liberador. Porén, non estamos simplemente ante declaracións de principios, senón ante un recoñecemento ou desenvolvemento dos dereitos dos traballadores e traballadoras sen precedentes a escala mundial nos últimos trinta anos.

 Antecede unha declaración de principios, con previa caracterización da etapa como de transición ao socialismo e a esixencia de que os traballadores e traballadoras participen dos beneficios de forma digna e xusta, do mesmo xeito que os patróns non reciban en virtude da ganancia e a especulación.

 O canto ao contido normativo, iníciase cos traballadores de confianza, pasando estes ao réxime xeral.

 A nova norma regula o concepto de Grupo de Entidades de Traballo, o que de facto é a teoría do levantamento do veo e a efectiva responsabilidade da empresa real máis aló da utilización fraudulenta de sociedades.

 Elimínase a terceirización (subcontratación) para as actividades permanentes relacionadas directamente co proceso produtivo, á vez que se mantén que deben operar as mesmas condicións que na empresa principal. Iso suporá que, en tres anos, os traballadores en terceirización prohibida deberán incorporarse á empresa principal, tendo inamobilidade laboral até o seu efectivo cambio de empresa.

 En canto á xornada laboral, fíxase en 40 horas semanais con dous días de descanso semanal remunerados. A xornada diaria diúrna será de 8 horas, a nocturna de 7 horas e a mixta de 7,5 horas. Acúrtase tamén para as profesións especiais. As novas xornadas entrarán en vixencia o próximo 1 de maio de 2013, tempo durante o cal as empresas e a representación social deberán negociar a adaptación, aínda que as potenciais reducións de xornada non deben supor diminución retributiva ningunha. As horas extraordinarias quedan limitadas a 10 semanais e a 100 anuais, e retribuiranse a un valor un 50% superior ás ordinarias.

 As vacacións serán de 15 días hábiles o primeiro ano, e engadirase un día por cada ano traballado até un máximo de 30 días hábiles (superándose así o mínimo de 7 e o máximo de 21). Neste período débense manter a inamobilidade, a cotización e o beneficio de alimentación.

 O salario constrúese como o instrumento para a distribución da riqueza e garantir unha vida digna. Elimínase o salario atípico e prohíbense comisións bancarias sobre as contas nóminas. Fíxase un complemento salarial sobre os beneficios empresariais correspondente ao 15% destes, que irán dunha ata catro mensualidades. Así mesmo, a bonificación de fin de ano increméntase de 15 a 30 días.

 Recupérase e mellora o réxime de prestacións. Depositaráselle a cada traballador dous días de salario, por cada ano, ata 30 días de salario. O tope máximo será de 15 anos. No momento da causa de extinción contractual, multiplícanse os anos de servizo ou antigüidade por 30 días por ano a data da extinción. Os e as que extingan o seu contrato recibirán o que resulte máis vantaxoso da garantía depositada anual ou recálculo. Para as relacións de menos de tres meses deberanse aboar cinco días por mes traballado. Refórzanse as garantías sobre os depósitos e o traballador ou a traballadora poden elixir entre diferentes posibilidades (fideicomiso individual, contabilidade na entidade laboral ou Fondo Nacional de Prestacións Sociais).

 Xeneralízase a inamobilidade laboral, a readmisión no suposto de despedimento inxustificado, para todos os contratos laborais (agás os de dirección), sempre que se supere un mes de antigüidade. Elimínase a posibilidade de que o reenganche (readmisión) sexa substituído a instancias da empresa pola extinción indemnizada. A falta de cumprimento comportará embargo á empresa e procedemento penal por desacato á autoridade xudicial. Pola contra, o traballador ou traballadora con despedimento inxustificado pode optar pola extinción indemnizada con “dobrete” (pagamento dobre do establecido nos artigos 92, 141 e 142 da LOTTT). Á súa vez, o período de proba na contratación rebáixase de tres meses a un.

 O foro sindical clarifícase, á vez que o recurso ao reengache só poderá realizarse coa efectividade do mesmo. Refórzase a inamobilidade a partir do embarazo e durante os dous anos seguintes ao parto, así como para os supostos de fillos con discapacidade ou enfermidade que lles impida ou dificulte valerse por si mesmos. Prohíbense os exames médicos precontractuais para as mulleres. Instáuranse 26 semanas de descanso prenatal (6 semanas) e postnatal (20 semanas), concédense 14 días de licenza de paternidade autónoma -que mesmo se poderá gozar deles de xeito continuado ás vacacións- así como un permiso sen remunerar para atender a familiares, e mantense o centro de educación inicial, agora con sala de lactación.

 A prescrición laboral sitúase en 5 e 10 anos por prestacións sociais. Os buhoneros (autónomos precarios dedicados á venda en espazos públicos) poderán cotizarse.

 Para rematar, debemos lembrar que a propia LOTTT crea instrumentos de desenvolvemento desta: o Consello Superior do Traballo, que debe asegurar a aplicación e analizar o impacto da LOTTT; os Consellos de Traballadores, que se definirán por unha lei especial, e o Regulamento da LOTTT.

RD-LEI 3/2012. Lei de Medidas Urxentes para a Reforma do Mercado Laboral

 O primeiro gran cambio normativo actúa sobre as extincións de contratos, que se facilitan e abaratan. Posibilítase o despedimento obxectivo no caso de que as empresas experimenten unha redución de ingresos ou vendas durante tres trimestres. Iso supón que mesmo empresas con beneficios multimillonarios poidan despedir pagando 20 días de salario por ano traballado, co tope máximo dun ano. Así mesmo, con esta mínima indemnización pódese extinguir o contrato aos traballadores e as traballadoras que se atopen en dúas situacións de incapacidade temporal por enfermidade común que supoñan o 20% das súas xornadas hábiles en 2 meses ou o 25% en 4 meses descontinuos durante un período de 12 meses. Parece ser que, no trámite de transformación en lei, se esixirá un 5% das xornadas hábiles durante os 12 meses anteriores.

 Nas extincións de carácter colectivo non só se incorpora o criterio de extinción obxectiva antes explicado, senón que se elimina a necesaria autorización laboral existente até a data. As empresas poden despedir a todos os seus traballadores e traballadoras coa indemnización mínima sen que necesiten para iso a autorización da autoridade laboral.

 Ao mesmo tempo, redúcese a totalidade das cantidades a aboar por parte das empresas cando o despedimento é declarado improcedente (inxustificado, sen causa). Até o de agora, o réxime xeral era de 45 días por ano co tope de 42 mensualidades e salarios de tramitación. Coa nova normativa redúcese a 33 días por ano co tope de 24 mensualidades, eliminándose os salarios de tramitación, a aboar desde a data do despedimento até a data da sentenza.

 Para clarificar a xurisprudencia, no caracterizado como sector público non só son aplicábeis as causas de despedimento obxectivo ou as extincións colectivas, senón que haberá un novo suposto de extinción por “insuficiencia orzamentaria sobrevida e persistente”.

 Desenvólvese o contrato de aprendizaxe, que no primeiro ano supón un salario de 481,05 euros, que xa non queda limitado a tres anos, senón a tantos contratos entre os 16 e 30 anos como actividades diferentes se desenvoolvan. Créase un novo contrato denominado “indefinido para emprendedores”, que na práctica, ao contar cun período de proba dun ano, será utilizado como un contrato temporal acausal, co que invocar a non superación da proba suporá extinguir o contrato sen indemnización ningunha. O feito de posibilitar que as ETT realicen funcións de axencias privadas de colocación fará que as mesmas ofrezan tamén contratación temporal para eses supostos.

 En canto á práctica totalidade das condicións laborais (a xornada de traballo, o horario, o salario e o sistema de rendemento), poderán ser modificadas unilateralmente dun xeito máis sinxelo que as causas e formalidadokes existentes ata a contrarreforma. Á súa vez, o contrato a tempo parcial poderá incorporar a realización de horas extraordinarias. A norma prevé tamén unha obrigatoria distribución irregular da xornada (do 5% no RD-lei, e parece que a lei o ampliará até un 10%).

 Non só se poderán modificar ou reducir as condicións laborais que melloren o establecido no convenio colectivo, senón inaplicar este en empresas en dificultades, á vez que se atribúe primacía aos convenios de empresa sobre os de sector en canto ás condicións determinantes da relación laboral, e fixa a ultraactividade en dous anos desde a denuncia (cuestión que na validación do RD-lei como lei se reducirá a un ano).

Efectos

LOTTT

 A LOTTT non será un método de transición ao socialismo, senón que estamos ante unha normativa que emana dun aparello do Estado capitalista e no seo dunha economía capitalista. O socialismo non é unha construción por decreto, senón un proceso político dirixido a acabar co control do Estado por parte da burguesía e a desposuír esta do control dos medios de produción. Dito o anterior, debemos engadir que o contido concreto da LOTTT é determinante na realidade da República Bolivariana de Venezuela, a súa consolidación con natureza actual, a súa regresión á IV República ou a transición ao socialismo.

 Máis aló das enormes consecuencias que para a realidade política pode ter a nova LOTTT, non debemos perder de vista a significación do Dereito Laboral para os traballadores e as traballadoras. Esta rama do dereito está destinada a remover a relación desigual entre as partes que forman a relación laboral. Debería inevitabelmente ter un carácter pro operario, con apoio nos principios protectorio e de progresividade.

 O Dereito do Traballo non é unha rama xurídica máis, senón a que separa ou facilita unha vida digna ou plena á maioría da sociedade, a aqueles e aquelas que viven do seu traballo fronte aos que se valen da explotación ou a especulación. É o maior desenvolvemento destes dereitos e garantías o que permite construír unha vida plena.

 Nesta dinámica debemos manifestar sen dúbida que estamos ante o maior desenvolvemento dos dereitos laborais nos últimos trinta anos e, seguramente, entre os máis importantes da historia. Faise unha aposta clara pola repartición do emprego, a mellora das condicións retributivas, a igualdade de condicións, a eliminación da fragmentación dos traballadores, a estabilidade laboral e o desenvolvemento da maternidade e a paternidade.

 O anterior non é un programa de transición ao socialismo, pero achega importantes avances materiais sen precedentes na historia de Venezuela. Iso xerará unha clase traballadora máis estábel desde o punto de vista material e máis unitaria desde o punto de vista político, quedando só á marxe a buhonerización, aínda que observa accións de mellora aínda que non de eliminación. Sentan as bases sociais dunha clase traballadora que poderá debuxar entre as súas reivindicacións futuras a toma do poder político ou a xestión democrática das empresas, pero iso non será un proceso estábel e permanente: ou desenvólvese no próximo período, ou un sector da aristocracia obreira dedicarase a reivindicacións puramente economicistas e outro sector obreiro precario e da buhonerización presentarase como antibolivariano.

 Sen dúbida que as condicións de vida dos traballadores e traballadoras mellorarán a curto e medio prazo, pero non debemos dubidar de que, xusto antes ou logo das eleccións, un sector da patronal utilizará o desenvolvemento da LOTTT para boicotear o proceso político soberano e desestabilizar a realidade social.

RD-LEI 3/2012. Lei de Medidas Urxentes para a Reforma do Mercado Laboral

 Ningunha das medidas aprobadas suporá un freo á temporalidade. As modalidades máis precarias na contratación desenvólvense, creándose outras novas nas que, baixo a forma dun contrato indefinido, se xerará unha finalización do contrato non indemnizado, o cal creará maior rotación e temporalidade, aínda que nas estatísticas o número de contratos temporais diminúa. Que as ETT realicen funcións de axencias privadas de colocación equivale a poñer o raposo a coidar das ovellas. Cando busquen colocación non poderán evitar pensar que este a ofrecen a través dun contrato temporal.

 Facilitar o despedimento desregulando a causa, eliminar a intervención da autoridade laboral nos convenios colectivos, reducir a indemnización por despedimento improcedente e eliminar os salarios de tramitación non constitúen unicamente unha perda de dereitos e garantías ante a extinción do contrato, senón que afectan sobre todo á propia estabilidade do contrato e ao cumprimento das súas características. Agora, o feito de non cumprir o traballo na forma en que o requira a empresa, sexa legal ou non, abocará a que esta opte rapidamente pola súa extinción.

 A significación da nova realidade no sector público vai máis aló dunha cuestión simplemente laboral e abre a porta ao desmantelamento dalgúns servizos públicos nunha combinación de axuste do déficit público e despedimentos colectivos.

 As novas posibilidades de modificación das condicións de traballo e o novo contrato a tempo parcial non só obrigarán a traballar á carta, senón que desenvolverán un proceso de perda das melloras laborais existentes, xeradas durante anos.

 Pero, sen dúbida, o gran elemento de pauperización laboral atoparémolo na nova organización da negociación colectiva. Máis aló da posibilidade de esquivar a aplicación do convenio, a perda de ultraactividade nun ano e a primacía do convenio de empresa terán unhas consecuencias impredicíbeis. Por unha banda, as patronais poderán deixar pasar o proceso de negociación colectiva para rebaixar os custos das novas contratacións e obviar a aplicación do convenio superior ou SMI e do Estatuto dos Traballadores; non cabe dúbida de que as novas negociacións colectivas serán moi tensas para os representantes dos traballadores. Pero aínda terá unhas consecuencias peores a primacía do convenio de empresa sobre o do sector, o que suporá unha presión permanente sobre os salarios e unha desregulación competitiva entre as empresas, co constante anuncio do peche se non existe unha adaptación ás condicións da competencia.

 En definitiva, se a regulación da extinción do contrato vixente ata o RD-Lei 3/2012 supuxo a maior destrución de emprego na historia do Estado español, facilitar o despedimento afondará aínda máis nesa tendencia. Así mesmo, desregular as condicións de traballo, iso que denominan “flexibilidade”, tampouco suporá unha maior produtividade para as empresas. Seguramente provocará que estas tenten reducir os seus custos a través da pauperización das condicións dos traballadores e as traballadoras, e non mediante apostas polo desenvolvemento tecnolóxico. Pero o peor non é que se nos pretenda enganar á hora de xustificar a perda de dereitos, senón que o proceso tampouco xerará emprego: a degradación dos seus dereitos supón asfixiar economicamente a clase traballadora, o cal actúa como un efecto retardante sobre a recuperación económica. Se as medidas tivesen algunha relación coa crise terían un carácter temporal, vinculado á duración desta. Lonxe diso, veñen para quedar e para consolidar unha sociedade que, ás inaturábeis cotas de desemprego, deberá sumar unha xeneralización da precariedade.

A teoría do caos nas relacións laborais e a dialéctica da loita de clases

 Aínda que aínda non sexamos plenamente conscientes, a mundialización da economía, a globalización, máis aló de pretender estender un modelo neoliberal e de levar ao extremo a fragmentación dos procesos produtivos, provoca efectos nas relacións laborais duns estados sobre outros. Na medida en que os procesos produtivos poden ser mundiais, que o metal de Turquía conquiste mellores condicións laborais ten un efecto positivo para evitar a fuga da metalurxia catalá. Á súa vez, unha folga dos estibadores en Tánxer ten un efecto directo sobre todo o tecido produtivo da bahía de Alxeciras. Pero sen dúbida que a influencia máis grande do avance da RBV será no Cono Sur, onde se producirá un efecto contaxio sobre os estados máis próximos. E, evidentemente, a degradación que supón a contrarreforma no Estado español terá tamén un efecto de presión sobre o conxunto do movemento sindical europeo.

 Até o de agora observamos dun xeito mecanicista os acontecementos políticos en Latinoamérica e Europa occidental. Os procesos de conquista de dereitos laborais en gran parte de Latinoamérica (lembremos que México sufriu unha contrarreforma laboral) están intimamente ligados a procesos políticos progresistas cun denominador común que é a non aceptación do neoliberalismo. Así, podemos atoparnos cunha realidade pendular na que a maduración dos procesos ou os golpes de estado nos leve novamente á reacción do poder e a perda de dereitos.

 En Europa occidental aínda vivimos marcados pola realidade política dos últimos vinte e cinco anos e mesmo parece que o proceso de regresión de dereitos continuará por un longo período, mais é posíbel que un accidente en forma dunha nova realidade política puidese modificar a realidade actual. Sen dúbida que a plasmación electoral que supón Syriza en Grecia ou o Partido Socialista en Holanda era impensábel hai poucos meses, pero a batalla non é electoral, é de resistencia, de hexemonía cultural e, como sempre, coa loita de clases como eixo central.

________________________________________________________________________

Nota:

[1] Para afondar na LOTTT e a transición ao socialismo, consúltese “La reforma de la Ley Orgánica del Trabajo (LOT) de la República Bolivariana de Venezuela. La anunciada como ley revolucionaria y de transición al socialismo”.

________________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras tanto’, núm. de xullo de 2012]

cig.prensa@galizacig.com