Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
10/8/2010

Nado en 1943 en Alemaña, é sociólogo e analista político. Desde 1977 é profesor de socioloxía e metodoloxía na Universidade Autónoma Metropolitana de México (UNAM). Estudoso dos movementos sociais e da política en Latinoamérica, é un dos referentes teóricos da esquerda transformadora de tradición marxista. Súas son boa parte das bases teóricas do “Socialismo do século XXI”. É asesor gobernamental do goberno bolivariano de Venezuela.

Entre os seus libros, pódense salientar: Las guerras del capital. De Irán a Sarajevo, La aldea global (con Noam Chomsky), El fin del capitalismo global, Cuba ante la razón cínica ou Hugo Chávez y el socialismo del siglo XXI.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A plutocracia que goberna o mundo

A clase parasitaria do Gran Capital que ten secuestrada á humanidade, festexa os milagres do mercado. No medio da peor crise capitalista mundial desde a Gran Depresión de 1929-1932, no ano 2009, as súas exclusivas filas creceron nun 17 por cento e a súa riqueza colectiva nun 19 por cento, equivalente a 39 billóns de dólares.

Así, o The 14th Annual World Wealth Report 2010, de Merrill Lynch-Capgemini, informa de que a especie dos plutócratas no Planeta Azul alcanzou os dez millóns: en Estados Unidos habitan 2.87 millóns; en Xapón, 1.65 millóns; en Alemaña, 861,000 e, en China, 477,000. Suíza ten a densidade demográfica máis alta desa fauna: case 35 millonarios por cada 1000 adultos.

Dos 39 billóns de dólares (trillion en inglés), a fortuna dos millonarios norteamericanos abrangue 10.7 billóns de dólares, a dos asiáticos 9.7 billóns de dólares e a dos europeos, 9.5 billóns de dólares. Se se calcula o Produto Bruto Mundial (PBM) co método dos market exchange rates (taxas de cambio), as fortunas desa clase equivalen case ao 70 por cento de todo o que a humanidade produce nun ano.

Que esa plutocracia prospere na profunda crise capitalista actual, mentres centos de millóns de persoas ven arruinadas as súas existencias, non sorprende. Eles son a nomenclatura que manexa o sistema e fano, por suposto, en beneficio propio. Teñen un dobre veo de teflón para protexérense das masas e das responsabilidades. Estatalmente teledirixen o sistema a través dos seus lobbyistas e monifastes políticos en gobernos e parlamentos; economicamente ocúltanse no anonimato do mercado mundial.

O mercado mundial ou o mercado a secas, non é máis que un código lingüístico para escamotear o suxeito social responsábel da economía de mercado capitalista. É propaganda pura que pretende ocultar que esa plutocracia é o mercado mundial, porque son as súas decisións de investimento e ganancia as que determinan o benestar e a miseria dos pobos. Por iso é tan ridícula a farsa de Bill Gates e consortes co seu philanthropic wealth management, a “xestión da riqueza con fins filantrópicos”. O que facía o latifundista señorial, “dono de vidas e facendas”, no seu microcosmos, faino esa megaburguesía a nivel planetario, reclamando como o Deus cristián a inimputabilidade ante os seus actos de destrución.

Simon Johnson, ex economista en xefe do FMI, constatou o 16 de abril do ano en curso, que “seis megabancos estadounidenses teñen activos que son equivalentes ao sesenta por cento do Produto Nacional Bruto de Estados Unidos”. A mediados dos anos noventa esa proporción era “soamente do vinte por cento”. Dous anos despois da terríbel crise financeira, afirma o economista do establishment mundial, esa “oligarquía (...) é máis grande, máis lucrativa e máis resistente contra reformas que en calquera momento anterior”.

A comprensión de Johnson acerca do sistema oligárquico de Estados Unidos, é dicir, a dominación política da elite económica, chégalle tarde. A maioría dos founding fathers tiña claro que non quería unha democracia real, senón unha poliarquía dos adiñeirados. James Madison, o principal autor da Constitución, formulou o axioma con claridade: “A principal responsabilidade do goberno consiste en protexer a minoría dos ricos, das maiorías”. John Jay, o Presidente do Congreso Continental, coincidía: “A xente que posúe o país, debe gobernalo”. Alexander Hamilton, o primeiro Secretario de Facenda, non quedou atrás: “A xente (the people) son “unha gran besta” que ten que ser domesticada”, dicía. Por iso, a Constitución estadounidense é esencialmente un documento aristocrático deseñado para evitar a soberanía popular e a democracia participativa.

O que Johnson deplora non é unha desviación do deseño orixinal do sistema estadounidense, senón a evolución lóxica do seu carácter de clase burgués: a crematística de mercado. Por iso, hoxe día o 68 por cento dos membros do Senado son millonarios (2008), do mesmo xeito que o 30 por cento dos deputados da Cámara.

Ese sistema plutocrático e o seu poder nuclear é a cabeza de lanza do “mercado mundial”, é dicir, dos dez millóns de plutócratas que desgobernan a Planeta Azul. A gran tarefa da humanidade, se quere salvarse a si mesmo e a terra, consiste en acabar co sistema crematístico que xera a praga, democratizar a fortuna da plutocracia global e resocializar os dez millóns dos seus membros para que poidan reintegrarse na sociedade humana como seres humanos.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 10 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com