Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
10/8/2010

Nado nos EEUU en 1928, é profesor emérito de Lingüística no Massachusetts Institute of Technology (MIT). É coñecido polo seu activismo político, sendo un persoeiro moi influínte da esquerda transformadora estadounidense. Nos seus libros de pensamento político, son de salientar obras como: The Responsibility of Intellectuals (1967), The Political Economy of Human Rights, vol. 1 e 2 (1979), On Power and Ideology (1987), The Culture of Terrorism (1988), Year 501: The Conquest Continues (1993), 9-11 (2001) ou The Impetious Imperialist (2005).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Ecos de Vietnam na guerra de Afganistán

The War Logs -un arquivo de documentos militares clasificados que abrangue seis anos da guerra de Afganistán, subidos a internet pola organización Wikileaks- relatan a porfiada loita, cada día máis encarnizada, desde a perspectiva de Estados Unidos. Para os afgáns, trátase dun horror crecente.

Aínda que son valiosos, The War Logs poden contribuír a alimentar a desafortunada crenza de que as guerras son un erro só se non son exitosas -algo parecido ao que os nazis sentiron logo de Stalingrado-.

O mes pasado asistimos ao bochornoso retiro do xeneral Stanley A. McChrystal, substituído como comandante das forzas de EEUU en Afganistán polo seu superior, o xeneral David H. Petraeus.

Unha consecuencia probábel diso será o relaxamento das normas de combate, de maneira que matar civís resulte máis fácil, e unha prolongación da duración da guerra a medida que Petraeus empregue a súa influencia no Congreso para lograr este resultado.

Afganistán é a principal guerra en curso do presidente Obama. A meta oficial é protexernos de Al Qaeda, unha organización virtual sen base específica -unha “rede de redes” e unha “resistencia sen líderes”, como se denomina na literatura profesional-. Agora, aínda máis que antes, Al Qaeda consiste en faccións relativamente independentes e asociadas laxamente ao redor do mundo.

A CIA calcula que pode haber entre 50 e 100 activistas de Al Qaeda en Afganistán, e nada indica que os talibáns desexen repetir o erro de ofrecer refuxio a Al Qaeda. Seica os talibáns están ben establecidos no seu vasto e arduo territorio, unha gran parte dos territorios pastún.

En febreiro, no primeiro exercicio da nova estratexia de Obama, os marines estadounidenses conquistaron Marxa, un distrito menor da provincia de Helmand, principal centro da insurxencia. Unha vez alí, segundo informou Richard A. Oppel Jr., de The New York Times, “Os marines atopáronse cunha identidade talibán tan dominante que parece unha organización política nun pobo de partido único, cunha influencia que abarca a todos...”.

“Temos que reavaliar a nosa definición da palabra inimigo”, afirma o xeneral Larry Nicholson, comandante da brigada expedicionaria de marines na provincia de Helmand. “Aquí, a maioría da xente identifícase como talibán” Temos que reaxustar o noso xeito de pensar de forma que non tratemos de expulsar aos talibán de Marxa, senón aos verdadeiros inimigos”.

Os marines estanse enfrontando a un problema que sempre acosou os conquistadores, e que é moi familiar para EEUU desde Vietnam. En 1969, Douglas Pike, experto en Vietnam do Goberno de EEUU, laiábase de que o inimigo -a Fronte de Liberación Nacional (FLN)- “era o único partido político cunha adhesión xeneralizada en Vietnam do Sur...”.

Segundo recoñeceu Pike, calquera esforzo por competir politicamente con ese inimigo sería como afrontar un conflito entre unha sardiña e unha balea. En consecuencia, debiamos superar a forza política do FLN recorrendo á nosa vantaxe comparativa, a violencia, con resultados terríbeis.

Outros enfrontáronse a problemas similares: por exemplo, os rusos en Afganistán durante os anos oitenta, cando gañaron todas as batallas pero perderon a guerra.

Sobre outra invasión estadounidense -Filipinas, en 1899- Bruce Cumings, historiador especializado en Asia da Universidade de Chicago, fixo unha observación aplicábel hoxe á situación de Afganistán: “Cando un mariño ve que a súa ruta é desastrosa cambia de rumbo, pero os exércitos imperiais afunden as súas botas en areas movedizas e seguen marchando, aínda que sexa en círculos, mentres os políticos adornan o libro de frases dos ideais estadounidenses”.

Despois do triunfo de Marxa, esperábase que as forzas lideradas por EEUU atacasen a importante cidade de Kandahar, onde, segundo unha enquisa do exército estadounidense, a operación militar é rexeitada polo 95% da poboación e cinco de cada seis consideran os talibáns como “os nosos irmáns afgáns” -unha vez máis, ecos de conquistas previas-. Os plans sobre Kandahar foron postergados, en parte debido á saída de McChristal..

Dadas estas circunstancias, non é de estrañar que as autoridades de EEUU estean preocupadas por que o apoio popular á guerra en Afganistán se erosione aínda máis.

O pasado maio, Wikileaks deu a coñecer un informe da CIA sobre de como manter o apoio de Europa á guerra: o subtítulo dicía: “Por que contar coa apatía quizais non sexa suficiente”.

Segundo sinala dito informe, “O perfil baixo da misión de Afganistán permitiu aos líderes franceses e alemáns desoír a oposición popular e aumentar gradualmente a súa contribución de tropas á forza de Asistencia á Seguridade Internacional (ISAF)”. “Berlín e París mantéñense en terceiro e cuarto posto en número de tropas da ISAF, a pesar da oposición do 80% dos enquisados alemáns e franceses a maiores envíos de forzas”. É necesario, en consecuencia, “disimular as mensaxes” para “impedir, ou polo menos conter, unha reacción negativa”.

Este informe vén lembrarnos que os estados teñen un inimigo interno: a súa propia poboación, que debe ser controlada cando a política estatal atopa oposición entre o pobo. As sociedades democráticas non dependen da forza senón da propaganda, manipulando o consenso mediante “unha ilusión necesaria” e unha “sobresimplificación emocionalmente poderosa”, por citar ao filósofo favorito de Obama, Reinhold Niebuhr.

Así que a batalla para controlar o inimigo interno segue sendo altamente pertinente. De feito, o futuro da guerra en Afganistán pode depender dela.

 

[Artigo tirado do xornal ‘Público’, do 8 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com