Estamos asistindo estes días a unha escalada nese terrorismo financeiro que practican, bancos e fondos de investimento diversos, coa débeda pública dos estados periféricos da eurozona, coa complicidade do Banco Central Europeo(BCE), da Comisión Europea (CE) e dos gobernos dos estados que a conforman.
O que está a pasar coa especulación da débeda pública é de auténtico escándalo e confirma o que o nacionalismo galego leva denunciando desde sempre: esta Unión Europea é a Europa dos mercados e dos mercaderes, ao servizo dos intereses da oligarquía financeira europea.
A especulación que se está a producir e consentir coa débeda pública, ten como principal obxectivo, permitirlle á banca europea e aos seus accionistas resarcirse das perdas sufridas, como consecuencia da crise, volver a ter uns marxes importantes de beneficios e repartirse dividendos, e todo elo a custa do erario público, de recortar o Estado do Benestar e empeorar as condicións de vida das clases populares.
Rematar coa especulación da débeda pública, que se está a dar curiosamente só na eurozona, tería fácil solución se os gobernos europeos quixeran, empezando no Estado Español polo PSOE e PP, e se o BCE exercese realmente como un banco central, recorrendo á emisión de moeda, emitindo eurobonos, prestándolle cartos ou comprándolles directamente aos estados a débeda pública, como fixo por certo EE.UU., sen cuestionar por iso o sistema. Pero en vez de facer isto, que sería o lóxico, o que fai o BCE é favorecer o grande negocio da banca privada, prestándolles os cartos, nestes momentos ao 1,5%, para que a banca compre a débeda soberana aos estados esixíndolle xuros do 6, 8, 12 ou o que decidan, coa inestimábel colaboración das axencias de cualificación.
Porque iso é outra, como é posíbel, se non é por razóns de intereses económicos do lobby financeiro, que as institucións públicas financeiras acepten como referencia para avaliar o risco dun investimento ou a solvencia dunha entidade, a cualificación dada por entidades privadas, como son as Axencias de Rating, das que son accionistas e ao mesmo tempo clientes os bancos e fondos de investimento que especulan, negocian e se benefician segundo a cualificación sexa unha ou outra.? Axencias que por certo xa teñen demostrado a súa falla de rigor e de imparcialidade, durante os meses e días previos a desatarse a crise financeira, ao darlle a máxima cualificación a entidades financeiras que estaban en creba.
Se todas as burbullas (petroleo, cereais, inmobiliaria, financeira, ..), fomentadas por este modelo económico especulativo, teñen consecuencias moi graves nas condicións de vida da xente, a burbulla da débeda pública non é menos. O seu encarecemento incrementa os déficits dos estados e transfire, por esa vía, recursos públicos ao capital, co conseguinte recorte do gasto público e polo tanto deterioro dos servizos públicos, das infraestruturas e a correspondente perda de emprego. Esta perda de recursos públicos, ademais de poder evitarse, podería compensarse a través de aumentar os ingresos dos estados vía incremento dos impostos aos especuladores e as grandes fortunas, pero a política que están a seguir os estados é xustamente a contraria.
Ao tempo que está situación se da e se incrementa o déficit público, a oligarquía financeira que se beneficia desta especulación coa débeda pública, coa complicidade da dereita e a socialdemocracia europea ( no Estado Español PP, PSOE, CIU, CC e PNV), esixe aos gobernos continuar coas políticas de reformas na orde laboral e social, impondo medidas de carácter estrutural coas que pretenden que a saída a crise sexa a custa de recortar dereitos e precarizar as condicións de vida da maioría social, afondar no modelo de capitalismo neoliberal e lograr algo, que desde o punto de vista dos seus intereses de clase, presentes e futuros, é fundamental, reducir ao mínimo a contestación social pola vía de debilitar, ideolóxica e organizativamente, á clase traballadora e as súas organizacións de clase.
Hai alternativas á crise e a este modelo económico capitalista, pero as mesmas non pasan por recorte de dereitos á clase traballadora ou por recortar o gato social e privatizar empresas e servizos públicos, que é o modelo que se está aplicar, no que coinciden POSE e PP, e que xa ten demostrado a súa total ineficacia para reactivar a economía, xerar emprego e rematar con este modelo de economía especulativa, altamente inxusto, insolidario e antidemocrático.
Temos que esixir no inmediato un novo modelo de política fiscal e financeira que pasa por: fixar impostos ao capital financeiro, tanto sobre beneficios como sobre soldos elevados; impostos sobre as transaccións financeiras; impostos sobre o patrimonio e as grandes fortunas; suprimir os paraísos fiscais; crear bancos e axencias de ranting de carácter público; ou noutro orde de cousas, investir na mellora dos servizos públicos e nos sistemas de protección social; crear empresas públicos nos sectores estratéxicos da economía; fomentar a estabilidade no emprego, etc., traballando na perspectiva de sentar as bases organizativas e ideolóxicas dun novo modelo económico e social máis xusto, solidario, democrático, garante dos dereitos fundamentais a toda a poboación e respectuoso co dereito á plena soberanía das nacións.
A solución a crise económica, desde unha perspectiva favorábel aos intereses da maioría social, non vai vir da man de aqueles que a provocaron e que se están a beneficiar dela, fomentando un capitalismo depredador dirixido por individuos sen escrúpulos, sen ética nin moral de ningún tipo, insaciábeis nas súas ansias de poder e de lucro, carentes do máis mínimo respecto polos dereitos humanos e os dereitos colectivos dos pobos. Este sistema económico e social non serve, hai que cambialo.
Desde a esquerda, desde o nacionalismo galego, temos que mobilizármonos , temos que estar ao fronte da contestación social e temos que dar o debate ideolóxico na sociedade, co firme convencimento e coa perspectiva, como diría Samir Amín, de que a solución non pasa por buscar saídas que lle axuden ao capitalismo a superar a crise, se non por buscar saídas que nos permitan superar o capitalismo en crise, na conquista dun modelo económico e social favorábel aos intereses da clase traballadora.
Compostela a 9 de agosto de 2011.