Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
11/10/2010

Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Vargas Llosa: nin unha palabra polo Perú

Entrevistaban na TVE a Vargas Llosa na súa casa de Nova Iorque polo seu merecido Nobel de Literatura. Consideraba o escritor que o premio era un premio á lingua castelá, “unha lingua puxante e con proxección de futuro” asegurou. Agradeceu a España unha e varias veces. En primeiro lugar por darlle a cidadanía en tempos de Felipe González e, en segundo lugar, por difundir no mundo a súa obra. Isto último non encaixa moi ben no agradecemento a España que tanto loa polo idioma castelán,  porque tanto o editor coma o axente literario de Vargas Llosa eran cataláns, sendo imposíbel para un escritor latinoamericano nos 60 ter entrada pola capital, Madrid, da corte-ditadura española.  

O programa foi unha constante loa ao castelán e a España. Entrevistaban a xente en Madrid e algún que outro despistado asegurou estar contentísimo por premiar “ao español e a un escritor que escribe tan ben o ‘noso’ castelán”. Sobra dicir que o castelán de Vargas Llosa lle dá mil voltas ao afectado e ruín castelán dos casteláns de Castela, incluída, desde logo, Madrid.

Pero “lo que Varguitas no dijo”, como ben dixo a súa tía Julia nun libro, foi a palabra máxica de agradecemento: Perú.

Cando o voceiro da academia sueca leu o veredito en español, dixo que o escritor peruano Mario Vargas Llosa gañara o Nobel de Literatura. Os suecos acordáronse do que Vargas non se acordou no momento de agradecer ante a televisión española, o seu país de orixe, a súa cultura. Nun breve resumo da vida do escritor,  TVE  asegurou que Vargas Llosa  pasara do apoio ao Partido Popular á Unión Progreso y Democracia de Rosa Díez e Savater.

Non falar do Perú e facer fincapé na lingua na cal escribe coma responsábel en parte do seu premio, é como premiar a Picasso pola marca de pinturas e pinceis con que pintaba e non pola súa obra.

 

[A Coruña, 8 de outubro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com