Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
11/11/2008

Escritor e xornalista uruguaio. Vinculado á esquerda transformadora, nos anos 70 tivo que se exiliar. Crítico do neoliberalismo, hoxe segue a ser unha das voces fundamentais da intelectualidade latinoamericana. É autor de títulos como: Las venas abiertas de América Latina (1971), El libro de los abrazos (1989), Las palabras andantes (1993) ou Espejos. Una historia casi universal (2008).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Oxalá

Obama probará, desde o goberno, que as súas ameazas guerreiras contra Irán e Paquistán foron nada máis ca palabras, proclamadas para seducir ouvidos difíciles durante a campaña electoral?

Oxalá. E oxalá non caia nin por un momento na tentación de repetir as fazañas de George W. Bush. Á fin e ao cabo, Obama tivo a dignidade de votar contra a guerra de Iraq, mentres o Partido Demócrata e o Partido Republicano ovacionaban o anuncio desa carnicería.

Durante a súa campaña, a palabra leadership foi a máis repetida nos discursos de Obama. Durante o seu goberno, continuará crendo que o seu país foi elixido para salvar o mundo, tóxica idea que comparte con case todos os seus colegas? Seguirá insistindo no liderado mundial dos Estados Unidos e a súa mesiánica misión de mando?

Oxalá esta crise actual, que está sacudindo os alicerces imperiais, sirva polo menos para dar un baño de realismo e de humildade a este goberno que comeza.

Obama aceptará que o racismo sexa normal cando se exerce contra os países que o seu país invade? Non é racismo contar un por un os mortos invasores en Iraq e olimpicamente ignorar os moitísimos mortos na poboación invadida? Non é racista este mundo onde hai cidadáns de primeira, segunda e terceira categoría, e mortos de primeira, segunda e terceira?

A vitoria de Obama foi universalmente celebrada como unha batalla gañada contra o racismo. Oxalá el asuma, desde os seus actos de goberno, esa fermosa responsabilidade.

O goberno de Obama confirmará, unha vez máis, que o Partido Demócrata e o Partido Republicano son dous nomes dun mesmo partido?

Oxalá a vontade de cambio, que estas eleccións consagraron, sexa máis ca unha promesa e máis ca unha esperanza. Oxalá o novo goberno teña a coraxe de rachar con esa tradición do partido único, disfrazado de dous que á hora da verdade fan máis ou menos o mesmo aínda que simulen que se pelexan.

Obama cumprirá a súa promesa de pechar o sinistro cárcere de Guantánamo?

Oxalá, e oxalá acabe co sinistro bloqueo de Cuba.

Obama seguirá crendo que está moi ben que un muro evite que os mexicanos atravesen a fronteira, mentres o diñeiro pasa sen que ninguén lle pida pasaporte?

Durante a campaña electoral, Obama nunca enfrontou con franqueza o tema da inmigración. Oxalá a partir de agora, cando xa non corre o perigo de axotar votos, poida e queira acabar con ese muro, moito máis longo e lamentábel que o Muro de Berlín, e con todos os muros que violan o dereito á libre circulación das persoas.

Obama, que con tanto entusiasmo apoiou o recente regaliño de setecentos cincuenta mil millóns de dólares aos banqueiros, gobernará, como é costume, para socializar as perdas e para privatizar as ganancias?

Temo que si, pero oxalá que non.

Obama asinará e cumprirá o compromiso de Kyoto, ou seguirá outorgando o privilexio da impunidade á nación máis envelenadora do planeta? Gobernará para os coches ou para a xente? Poderá cambiar o rumbo asasino dun xeito de vida de poucos que se rifan o destino de todos?

Temo que non, pero oxalá que si.

Obama, primeiro presidente negro da historia dos Estados Unidos, levará á práctica o soño de Martin Luther King ou o pesadelo de Condoleezza Rice?

Esta Casa Branca, que agora é a súa casa, foi construída por escravos negros. Oxalá non o esqueza, endexamais.

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página 12’, do 6 de novembro de 2008]

cig.prensa@galizacig.com