Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
11/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Afán de lucro e Sanidade

Nas sociedades en que vivimos considérase aceptábel que o motivo que move a actividade dunha empresa sexa o beneficio, utilizándose este como criterio de eficiencia. Este é o modus operandi da maioría de actividades económicas, que asume que as empresas máis exitosas son as que teñen máis beneficios.

 En realidade, nun mundo competitivo, optimizar o beneficio como obxectivo central dunha empresa é condición sine qua non da súa pervivencia no mercado, pois, de non alcanzar aquel obxectivo, a empresa pode desaparecer. O mercado, polo menos en teoría (é dicir, o que se escribe nos libros de texto de economía), é o que define a supervivencia, éxito ou fracaso dunha empresa, sendo o cliente o que -a través da famosa man invisíbel- determina as prioridades e a existencia das empresas.

 Este obxectivo -optimizar os beneficios-, que é moi louvábel e é o leitmotiv do sistema económico, pode, con todo, entrar en conflito coa calidade dos servizos fornecidos sen que o cliente sexa consciente ou saiba a natureza deste conflito. Un exemplo diso dáse nos servizos sanitarios privados con afán de lucro. Tales empresas sanitarias privadas poden intentar reducir custos en áreas necesarias para manter a calidade da asistencia sanitaria e a seguridade do doente co obxectivo de alcanzar o nivel de beneficios que require a súa propia existencia e supervivencia, sen que o doente sexa consciente diso.

 A evidencia de que isto ocorre é esmagadora. E onde máis se estudou este feito é en EEUU, onde as empresas sanitarias con afán de lucro son máis extensas. En EEUU, tales empresas dominan as empresas de diálese renal, casas de convalecencia (nursing homes), hospitais psiquiátricos, servizos de rehabilitación e mutuas sanitarias coñecidas como HMO (Health Maintenance Organization). Representan tamén o 13% de todos os hospitais agudos. En Canadá, onde o sistema de financiamento é público e a provisión de servizos pode ser pública ou privada (sen ou con afán de lucro), existe presión por parte dos partidos conservadores e liberais (que teñen lazos financeiros con tales empresas) para que o sector público contrate máis coas empresas sanitarias privadas con afán de lucro. Algo semellante está ocorrendo no Estado español. En EEUU, aínda que a maioría do financiamento é privado, existen tamén servizos sanitarios públicos que contratan con empresas privadas (sen e con afán de lucro).

 Os estudos máis detallados e extensos que existen comparando empresas sanitarias públicas ou privadas sen afán de lucro con empresas con tal afán son os realizados por unha equipa de investigadores sanitarios de varios centros médicos académicos canadenses e estadounidenses, e que foron publicados na revista médica de maior prestixio en Canadá, a revista da Canadian Medical Association.

 Nestes estudos, os investigadores analizaron predominantemente a eficiencia e a eficacia das institucións, comparando, entre outros indicadores, as taxas de mortalidade dos centros sanitarios sen afán de lucro coas dos centros con afán de lucro, estandarizando por diagnóstico, tipo de doente e outras variábeis que poderían explicar a variabilidade da mortalidade.

 Os resultados, que confirma unha extensa bibliografía científica, son contundentes. Os centros con afán de lucro eran moito máis caros (os prezos dos servizos eran máis elevados) que os sen afán de lucro, sen que a súa eficiencia fose mellor. En realidade, os profesores de política sanitaria David Himmelstein e Steffie Woolhandler, da Harvard University, calcularon que o Goberno federal podería terr aforrado 6.000 millóns de dólares se contactase cos centros (fosen públicos ou privados) sen afán de lucro en lugar dos con afán de lucro.

 Estes prezos máis elevados débense aos salarios elevadísimos dos seus directivos (o director dunha de tales empresas, Columbia/HCA, no momento de ter que dimitir por fraude fiscal, ingresaba dez millóns de dólares de compensación máis 324 millóns en accións da empresa), e enormes custos administrativos (un 6% máis altos que os sen afán de lucro) en parte como consecuencia de custos en mercadotecnia, relacións públicas, gabinetes xurídicos e servizos de selección (e exclusión) de doentes, entre outras actividades.

 En troca, os gastos en persoal sanitario eran menores, consecuencia de aforrar persoal en áreas que afectan á calidade dos servizos, tales como servizos de enfermaría e en tecnoloxía médica.

 Como consecuencia, a mortalidade nos centros con afán de lucro era maior que nos centros sen afán de lucro, datos corroborados en moitos outros estudos que compararon tal mortalidade tamén en centros de diáleses e en casas de convalecencia.

 Posto que estas empresas con afán de lucro dan gran atención ao confort e ao que se chama user friendliness (maior tempo de visita e menos listas de agarda, así como mellor aspecto hostaleiro), son exitosas en atraer doentes-clientes de rendas superiores. En realidade, o seu éxito depende do subfinanciamento do sector público, moi marcada no Estado español, o cal explica a súa probábel extensión nos vindieros anos, que se prognostica van ser de gran austeridade de gasto público.

 Sería un gran erro que as autoridades públicas ofrecesen vantaxes fiscais (como desgravar os pagos ou pólizas a tales empresas), pois, ademais de subsidialas, facilitaría a válvula de escape que significaría a súa extensión, reproducindo a pobreza do sector público ao diluír a presión para que aumente o seu financiamento.

 

[Artigo tirado do xornal ‘Público’, do 11 de novembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com