Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
11/12/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
EN APOIO DE AMINETU HAIDAR, EN DEFENSA DA DIGNIDADE DOS POBOS
Aminetu Haidar. Fotografía tomada da galería de Saharauiak

A loita pola vida de Aminetu Haidar. A loita pola autodeterminación do pobo Saharauí.

Mentres os portavoces dos gobernos de España e Marrocos defenden os seus intereses xerando ruído, mentres buscan conservar as súas alianzas e, á vez, desviar as súas responsabilidades cara ao outro. Aminetu Haidar vainos contando a verdade, cunha lucidez e unha coraxe imbatibeis.

Aminetu Haidar expresa con absoluta rotundidade o papel de cómplice necesario do goberno español nesta situación que ameaza con terminar en traxedia, cando denunciou que a actuación de Moratinos só pretende dilatar o camiño claro do que é unha violación flagrante dos Dereitos Humanos, do Dereito Internacional, do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, asinado tanto por España como por Marrocos, e que establece que ninguén poderá ser arbitrariamente privado do dereito a entrar no seu propio país, aínda que sexa un país ocupado ilegalmente (como é caso do Sahara), e mesmo as resolucións da ONU a prol do dereito a garantir o DEREITO Á AUTODETERMINACIÓN DO POBO SAHARAUÍ, o mesmo que temos todos os pobos que arelamos teren a nosa propia SOBERANÍA NACIONAL .

Aminetu defende coa súa actuación a súa dignidade persoal que, á súa vez, esíxelle un compromiso innegociable coa liberdade do seu atormentado pobo, porque son xa 34 anos de vergoñenta, violenta e ilegal ocupación marroquí os que sofre o pobo saharauí. Ocupación que foi denunciada por sucesivas resolucións de ONU e que non logrou o recoñecemento de ningún país do mundo, mais no país ocupante   practícase o desterro, a tortura,  e o encarceramento sistemático dos resistentes saharauís ante a indiferenza das potencias occidentais, nomeadamente o Estado Español, antigo estado colonizador.

Agora mesmo hai 7 activistas saharauís: Ahmed Alnasiri, Brahim Dahane, Yahdih Ettarouzi, Saleh Labihi, Dakja Lashgar, Rachid Sghir e Ali Salem Tamek encarcerados en Marrocos por visitar os campos de refuxiados en Tinduf e aos que un tribunal militar impútalles cargos que poden chegar, de ser condenados, á pena de morte. Por non falar dos milleiros de persoas represaliadas polo réxime monárquico marroquino.

Conmovidos polo exemplo de coherencia persoal desta loitadora saharauí, pero profundamente preocupados pola súa vida, esiximos ás autoridades españolas e marroquís, responsables da situación actual de folga de fame na que se atopa Aminetu Haidar, que lle permitan o regreso inmediato e sen condicións ao Aaiún ( Sahara Occidental) e que apoien e defendan a xusta reivindicación do dereito á autodeterminación do pobo saharauí, como corresponde ás súas responsabilidades como potencia colonizadora até o abandono das súas responsabilidades  no 1975 coa complicidade de Franco e Juan Carlos I,

Temos que ampliar coas forzas sociais, políticas e sindicais máis representativas da esquerda, no noso país, unha nova campaña unitaria pola defensa dos dereitos humanos e da libre determinación do pobo saharauí.

Galiza Decembro 2009

cig.prensa@galizacig.com