Estas últimas semanas, á vez que se multiplicaban os xestos de solidariedade cara aos levantamentos populares en países do norte de África contra réximes opresores de dereitos individuais e sociais, no Estado español producíase un dos ataques máis serios das últimas décadas en materia de emprego e pensións.
Curioso paradoxo. Espértase a conciencia popular e o apoio a un pobo estranxeiro polo que hai apenas dúas semanas non nos inquietabamos, e ao mesmo tempo non atopamos no noso país unha resposta social contra un retroceso brutal programado pola Patronal e grandes grupos financeiros, executado polo Goberno e defendido polos dous grandes sindicatos estatais.
Desde que se viron os primeiros síntomas da crise económica en 2007-2008 xa sabiamos que se aveciñaban uns anos de acoso do capital e consentimento por parte do goberno e que á clase traballadora, aos mozos e vellos desempregados, ás amas de casa, inmigrantes... só nos quedaba resistir. Da conciencia e a resposta social dependía saír de aí máis ou menos indemnes. Esta contestación social debía ser transmitida con forza (entre outros) polos grandes sindicatos, CCOO e UGT.
Con todo, e lonxe de contestar, estes dous enormes aparellos burocráticos trataron de contentar a todas as partes, pechando nariz e ollos cando se anunciaban novos recortes sociais e saíndo á rúa ocasional e timidamente para recuperar o apoio popular. Cando, por exemplo, o ano pasado, a maioría de países da “vella Europa” paraban as máquinas e manifestábanse contra as políticas de axuste, os nosos dous grandes representantes fronte ao Goberno e Patronal quedaron inmóbiles ante os primeiros recortes de prestacións sociais e o anuncio de inminentes reformas nas contas públicas.
A única ameaza leve foi a folga xeral presentada sen moito convencemento e co verán polo medio. Porén, por moi criticábel que fose esa forma de convocar á mobilización masiva, todos sabiamos que a folga era unha oportunidade única para avivar a chama da rabia social. Con todo, salvo nalgunha advertencia verbal pouco críbel ou para realizar algunha mobilización sectorial, CCOO e UGT non só adoptaron unha actitude de pasividade total, senón o que é peor, acabaron lexitimando o discurso neoliberal patrocinado desde os diferentes bunkers mediáticos, patronais e financeiros.
A última gran noticia que teñen os traballadores e traballadoras dos seus supostos voceiros é unha foto na primeira plana de todos os xornais, onde Mendez e Toxo, como peixes na auga, dan a man afabelmente aos representantes de patronais e Goberno tras a reforma das pensións. O asinamento dun documento tan regresivo só se explicaría se se comulga co discurso oficial, que volve irremediábeis e urxentes os recortes en nome do equilibrio macroeconómico e a satisfacción dos “mercados”.
O acordo, entre outros aspectos, suporía unha penalización media para os traballadores, cifrada por algúns expertos en materia fiscal, en torno ao 20%. Os recortes viran basicamente ao redor de tres puntos: o primeiro é o aumento da idade máxima de xubilación de 65 a 67 anos; o segundo punto é o aumento da vida laboral completa para acceder á totalidade da pensión, pasando de 35 a 37 anos (38’5 anos se se teñen 65 anos). A outra variábel á que recorreron para afondar no recorte é o número de anos para realizar o cómputo das pensións, que pasará de 15 a 25 anos.
Algún defensor de tal acordo non dubidou en salientar que ten unha importancia só comparábel aos coñecidos Pactos da Moncloa de 1977. É posíbel. Porque aqueles acordos, asinados no medio dunha forte crispación social e mala evolución económica (inflación, endebedamento exterior...), tamén supuxeron un sacrificio maiúsculo da clase traballadora na súa época. De feito, a este novo pacto, como aos realizados na Transición, non dubidaron en catalogalo como froito dun gran Pacto Social. Coma se os e as currantes, parados e demais precarios puidésemos sentirnos representados nel por algún dos axentes asinantes.
Cunha taxa de desemprego que mes a mes vai batendo novas marcas, con millóns de mozos que saltan semanalmente de emprego precario ao paro e viceversa, cun sistema fiscal impositivo que, comparado cos nosos veciños europeos, é dos que menos recada, dos máis regresivos e impotentes contra a fraude, cunha política de inmigración fortemente restritiva próxima do racismo a arbitrariedade e os malos tratos..., dicir que non hai alternativa á reforma é ou ben un acto de traizón, ou ben un exercicio de ineptitude intelectual e discursiva.
Até cando estar contentando “os mercados”? Agora que levaron parte do botín das pensións deixarannos os fondos privados en paz? Está agora satisfeita a oligarquía financeira con esta última reforma? ou pola contra volverán á carga proximamente en busca de novos tesouros (educación, sanidade, política enerxética...)?
Como todo parece indicar que esta non é a última “medida de axuste”, convén formar parte activa na resistencia e atopar actores sociais válidos e verdadeiros representantes que defendan e reforcen, nas tensións co Goberno e outros representantes da patronal, o estatus e os dereitos dos que sufrimos cada un dos seus recortes. O apoio dos grandes sindicatos e o silencio dalgunhas organizacións políticas e sociais ao “pensionazo2 debe ser a pinga que reborde o vaso dos abusos do capital e o silencio dos que se alzan como os nosos representantes, políticos e sindicais.
Por iso, no medio da crise e con máis reformas ao horizonte, a reorganización social é básica para resistir os próximos envites. E para ir recuperando, no medio prazo, espazos perdidos nestes últimos anos, nas últimas décadas: educación pública, sanidade de calidade e gratuíta, redución progresiva do tempo de traballo, mellora das pensións... Así, se cadra algún día recuperaremos o verdadeiro sentido etimolóxico e social da xubilación: o xúbilo, o goce.
[Artigo tirado do sitio web ‘Economía Crítica’, do 7 de febreiro de 2011]