
James Petras (nado en 1937) é profesor emérito de socioloxía na Universidade de Binghamton, Nova York. Traballou co Movemento dos traballadores sen terra do Brasil e co Movemento dos parados da Arxentina. É autor de diversos libros, entre os que salientan: The Power of Israel in the United States (2006), Social Movements and State Power: Argentina, Brazil, Bolivia, Ecuador, con Henry Veltmeyer (2005) e Globalization Unmasked: Imperialism in the 21st Century, con Henry Veltmeyer (2001).
O cálculo de Washington sobre cando remodelar o réxime en Exipto baséase nunha estimación da capacidade do ditador para se enfrontar á rebelión política, da forza e a lealdade das forzas armadas e da existencia dun substituto maleábel. O risco de esperar demasiado tempo, de quedar co ditador, é que o levantamento se radicalice: o cambio subseguinte varre tanto o réxime como ao aparello estatal, convertendo unha revolta política nunha revolución social...
Introdución
Para entendermos a política do réxime de Obama cara a Exipto, cara á ditadura de Mubarak e cara ao levantamento popular é esencial situalo nun contexto histórico. O punto esencial é que Washington, tras varias décadas de estar profundamente arraigado nas estruturas estatais das ditaduras árabes, desde Tunisia a Marrocos, Exipto, Iemen, Líbano, Arabia Saudita e a Autoridade Palestina, está tratando de reorientar a súa política para incorporar e/ou inserir políticos liberais electos nas configuracións de poder existentes.
Aínda que a maioría de comentaristas e xornalistas verten toneladas de tinta sobre os “dilemas” do poder de Estados Unidos, sobre o novo dos acontecementos de Exipto e os diarios pronunciamientos políticos de Washingto, existen abondosos precedentes históricos que resultan esenciais para entender a dirección estratéxica da política de Obama.
Antecedentes históricos
A política exterior de Estados Unidos conta cun extenso historial de instalar, financiar, armar e apoiar réximes ditatoriais que apoian as súas políticas e intereses imperiais, sempre que manteñan o control sobre os seus pobos.
No pasado, presidentes republicanos e demócratas traballaron estreitamente durante máis de 30 anos coa ditadura de Trujillo na República Dominicana; instalaron o réxime autocrático de Diem no Vietnam pre-revolucionario na década de 1950; colaboraron con dúas xeracións dos réximes de terror da familia Somoza en Nicaragua; financiaron e promoveron o golpe de estado militar en Cuba en 1952, en Brasil en 1964, en Chile en 1973, e en Arxentina en 1976, así como os seus posteriores réximes represivos. Cando os levantamentos populares desafiaron esas ditaduras apoiadas por Estados Unidos e parecía probábel que triunfase unha revolución social e política, Washington respondeu cunha política de tres vías: criticar publicamente as violacións dos dereitos humanos e avogar por reformas democráticas; indicar de xeito privado o mantemento do apoio ao gobernante; e en terceiro lugar, buscar unha elite alternativa que puidese substituir a quen estaba no cargo conservando o aparello do Estado, o sistema económico e o apoio aos intereses estratéxicos imperiais estadounidenses.
Para Estados Unidos non hai relacións estratéxicas só intereses imperiais permanentes: preservar o Estado cliente. As ditaduras asumen que as súas relacións con Washington son estratéxicas, de aí a súa sorpresa e a súa consternación cando se sacrifican para salvar o aparello do Estado. Ante o temor da revolución, Washington tivo clientes déspotas reticentes a marcharen asasinados (Trujillo e Diem). A algúns dáselles refuxios no estranxeiro (Somoza, Batista), outros son presionados para que compartan o poder (Pinochet) ou son nomeados profesores visitantes en Harvard, Georgetown ou nalgún outro posto académico “de prestixio”.
O cálculo de Washington sobre cando remodelar o réxime baséase nunha estimación da capacidade do ditador para se enfrontar á rebelión política, da forza e a lealdade das forzas armadas e da existencia dun substituto maleábel. O risco de esperar demasiado tempo, de quedar co ditador, é que o levantamento se radicalice: o cambio subseguinte varre tanto o réxime como ao aparello estatal, convertendo unha revolta política nunha revolución social. Xusto un “erro de cálculo” dese tipo se produciu en 1959 no período previo á revolución cubana, cando Washington se mantivo ao carón de Batista e non foi capaz de presentar unha coalición alternativa pro estadounidense viábel vinculada ao vello aparello estatal. Un erro de cálculo similar ocorreu en Nicaragua cando o presidente Carter, á vez que criticaba a Somoza, aguantou e mantívose pasivo mentres se derrocaba o réxime e as forzas revolucionarias destruían o exército, a policía secreta e ao aparello de intelixencia, adestrados por Estados Unidos e Israel, e pasou a nacionalizar as propiedades estadounidenses e a desenvolver unha política exterior independente.
Washington moveuse con maior iniciativa en Latinoamérica na década de 1980. Promoveu transicións electorais negociadas que substituíron os ditadores por manexábeis políticos neoliberais electos, que se comprometeron a preservar o aparello estatal existente, a defender as elites estranxeiras e locais e a apoiar a política rexional e internacional de Estados Unidos.
As leccións do pasado e a política actual
Obama foi extremadamente reticente a derrocar a Mubarak por varias razóns, mesmo cando o movemento crece en número e aumenta o sentimento anti-Washington. A Casa Branca ten moitos clientes en todo o mundo -entre eles Honduras, México, Indonesia, Xordania e Alxeria- que cren ter unha relación estratéxica con Washington e que perderían confianza no seu futuro se Mubarak fose abandonado.
En segundo lugar, as influentes organizacións pro-israelís de Estados Unidos (AIPAC, os presidentes das principais organizacións xudías estadounidenses) e o seu exército de escribas mobilizaron os líderes do Congreso para que presionen á Casa Branca con que siga apostando por Mubarak xa que é Israel o principal beneficiario dun ditador atragantado para os exipcios (e os palestinos) pero aos pés do Estado xudeu.
Como resultado, o réxime de Obama moveuse lentamente; con medo e baixo a presión do crecente movemento popular exipcio, busca unha fórmula política alternativa que elimine a Mubarak, manteña e fortaleza o poder político do aparello estatal, e incorpore unha alternativa electoral civil como medio de desmobilizar e desradicalizar o amplo movemento popular.
O principal obstáculo para derrocar a Mubarak é que un sector importante do aparello do Estado, especialmente os 325.00 membros da Forzas de Seguridade Central e os 60.000 da Garda Nacional, están directamente baixo o mando do Ministerio do Interior e de Mubarak. En segundo lugar, os xenerais do Exército (468.500 membros) reforzaron a Mubarak durante 30 anos e enriquecéronse grazas ao seu control sobre as moi lucrativas empresas dunha ampla gama de sectores. Non apoiarán ningunha “coalición” civil que poña en cuestión os seus privilexios económicos e o seu poder para establecer os parámetros políticos de calquera sistema electoral. O comandante supremo das forzas armadas de Exipto é cliente de Estados Unidos desde hai moito tempo e un servicial colaborador de Israel.
Obama está decididamente a favor de colaborar con e garantir a preservación destas instancias coercitivas. Pero necesita así mesmo convencelos da substitución de Mubarak e de que permitan un novo réxime que poida desactivar o movemento de masas cada vez máis oposto á hexemonía estadounidense e á submisión a Israel. Obama fará todo o necesario para manter a cohesión do Estado e evitar divisións que poidan conducir a un movemento de masas -a alianza dos soldados que podería converter a revolta nunha revolución-.
Washington abriu conversacións cos sectores liberais e islamitas máis conservadores do movemento anti-Mubarak. Ao principio tratou de convencelos de que negociasen con Mubarak -un beco sen saída que foi rexeitado por todos os sectores da oposición de arriba a abaixo-. A continuación, Obama tratou de vender unha falsa “promesa” de Mubarak: que non participaría nas eleccións dentro de nove meses.
O movemento e os seus dirixentes rexeitaron esa proposta tamén. Así que Obama lanzou a retórica de “cambios inmediatos” pero sen ningunha medida de fondo que a apoiase. Para convencer a Obama do seu mantido poder entre as bases, Mubarak enviou ao lumpen matón da súa policía secreta a que se apoderase violentamente das rúas do movemento. Unha proba de forza: o Exército non fixo nada; o asalto fixo subir a aposta dunha guerra civil de consecuencias radicais. Washington e a UE presionaron ao réxime de Mubarak para que se botase para atrás, polo de agora. Pero a imaxe dun exército favorábel á democracia viuse embazda polos mortos e por miles de feridos.
A medida que a presión do movemento se intensifica, Obama está presionado polo lobby israelí favorábel a Mubarak e a súa comitiva do Congreso, por unha banda, e por outra, por asesores con coñecementos que lle piden que siga as prácticas do pasado e avance de forma decidida sacrificando o réxime para salvar o Estado agora que a opción electoral de liberais-islamitas segue estando aínda sobre a mesa.
Pero Obama dubida, e como precavido crustáceo, móvese cara aos lados e cara a atrás, crendo que a súa propia retórica grandilocuente é un substituto da acción... coa esperanza de que tarde ou cedo, o levantamento acabará en mubarakismo sen Mubarak: un réxime capaz de desmobilizar os movementos populares e disposto a promover eleccións que dean lugar a representantes elixidos que sigan a liña xeral dos seus predecesores.
Porén, hai moitas incertezas nunha remodelación política: unha cidadanía democrática, o 83% desfavorábel a Washington, posuirá a experiencia da loita e a liberdade para esixir un reaxuste político, especialmente, deixar de ser o policía que fai cumprir o bloqueo israelí sobre Gaza, e prestar apoio aos monicreques de Estados Unidos no Norte de África, en Líbano, Iemen, Xordania e Arabia Saudita. En segundo lugar, as eleccións libres abrirán o debate e aumentarán a presión para un maior gasto social, para a expropiación do imperio de setenta mil millóns de dólares do clan Mubarak e dos seus colegas capitalistas que saquean a economía. As masas esixirán a redistribución do gasto público do esaxerado aparello represivo ao emprego produtivo que xere postos de traballo.
Unha apertura política limitada pode conducir a un segundo asalto no que novos conflitos sociais e políticos dividan ás forzas anti-Mubarak, un conflito entre os defensores da democracia social e os partidarios do electoralismo elitista neoliberal. O momento da loita contra a ditadura é só a primeira fase dunha loita prolongada cara á emancipación definitiva non só en Exipto senón en todo o mundo árabe. O resultado depende do grao en que as masas desenvolvan a súa propia organización independente e os seus líderes.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 9 de febreiro de 2011]