Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
11/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Samir Amin: «A iniciativa aínda está en mans do capital»

Este sistema é inaceptábel e ineficaz, como demostra o recente nacemento dun planeta de barrios marxinais, os campesiños expulsados das terras non poden ser «absorbidos» polos mecanismos da moderna industrialización e non poderán recorrer de forma masiva ás migracións. A solución á cuestión agraria proposta polo modelo capitalista requiriría que se proporcionen a Asia, África e América Latina, polo menos outras catro Américas.

- Coa crise económica e financeira, preguntámonos de novo acerca dos límites da globalización neoliberal e, de xeito máis xeral, acerca dos límites do capitalismo. Explique en que sentido, como escribe en The World We Wish to See, «o desenvolvemento mundial do capitalismo foi sempre polarizador (1)» e o imperialismo representa «non unha fase do capitalismo senón unha característica permanente da súa expansión global».

Ao principio adoptei a tese de Lenin segundo a cal o capitalismo dos monopolios constituía unha nova fase na historia do capitalismo, anticipada a finais do século XIX e que o capitalismo se converteu nunha forma de imperialismo a partir desa data. Posteriormente, porén, acabei desenvolvendo a idea do carácter orixinariamente polarizador -e polo tanto dalgún xeito imperialista- do capitalismo desde as súas orixes. En efecto, considero que a acumulación a escala mundial foi sempre, non de xeito exclusivo pero si preponderante, unha acumulación de carácter confiscatorio.

Unha confiscación que incumbe non só á «acumulación primitiva» analizada por Marx e que se refire ás orixes do capitalismo, senón que é unha característica permanente na historia do capitalismo histórico realmente existente desde a época mercantilista.

Unha incuestionábel e evidente acumulación por confiscación que ocupa, durante ese longo período de transición, o rol central nunha globalización organizada ao redor da conquista de América e a trata de negros.

Esta acumulación desenvólvese ao longo do século XIX e intensifícase coa formación de monopolios que promoven a exportación de capitais nunha escala moito maior «implantando» trazos do sistema capitalista globalizado nas colonias «de ultramar», nas semicolonias e nas colonias de América Latina.

Por outra banda, demóstrase con datos sinxelos que a concentración é inherente ao desenvolvemento globalizado do capitalismo, acompañándoo desde os seus inicios: ata 1820 o produto interno bruto per cápita en China era superior á media da Europa avanzada. Entre 1820 e 1900, pásase dunha relación 1 a 1 a unha relación de 1 a 20, e entre 1900 e o 2000 esa relación pasa do 1 a 20 ao 1 a 50.

- Xa en Máis aló do capitalismo senil vostede escribía que, precisamente por mor do seu «talón de Aquiles» -a dimensión financeira- o sistema capitalista estaba preparando «unha catástrofe económica inminente». Agora a inminencia converteuse en realidade. Que quixo dicir cando afirmou que a actual é «a crise do capitalismo imperialista dos oligopolios», vinculada organicamente á financeirización (2) do sistema?

Continuando unha liña de investigación aberta polo libro de Sweezy e Baran de 1966, Capital monopólico -a primeira formulación coherente da transformación cualitativa do capitalismo no século XIX co establecemento dos monopolios- detectei dúas grandes ondas no proceso de monopolización.

A primeira comeza a finais do século XIX e esténdese ata 1945, a segunda comeza nos anos 70 do século pasado e, polo tanto, non coincide de ningún xeito coa crise financeira de 2008.

Nesta segunda onda, o grao de monopolización adquire un nivel sen precedentes, o que me leva a considerar que o contemporáneo é un capitalismo oligopólico xeneralizado, globalizado e financeirizado. Oligopolio xeneralizado porque controla a economía no seu conxunto (así como os ámbitos político e cultural) mesmo naqueles sectores non directamente monopolizados e globalizados a consecuencia das políticas liberais e neoliberais dos anos 80, 90, e 2000.

Agora ben, en canto á financeirización, mesmo desde a «esquerda», boa parte das análises do sistema financeiro tenden a distinguir a financeirización, artificial e negativa, do bo capitalismo produtivo. Non é así, os dous aspectos van xuntos da man. Os oligopolios son financeirizados no sentido de que non é certo que, por unha banda, haxa un sector financeirizado, o da banca, as aseguradoras e os fondos de pensións e, polo outro, un sector produtivo san. Máis ben, os oligopolios son propietarios das grandes empresas produtivas, e ao mesmo tempo das grandes institucións financeiras. E, á súa vez, eses oligopolios teñen necesidade da expansión financeira para garantir o seu control sobre a economía e sobre toda a sociedade. A superposición, como xa sinalaba Baran, é total. E ten as súas raíces nun sistema que conduce a un estancamento relativo, particularmente notábel desde 1970, cando nos países da Tríade Imperialista (Estados Unidos, Europa e Xapón) se rexistra unha drástica redución das taxas de xuros, do crecemento e dos investimentos. E ese estancamento -un superávit excesivo en relación coas posibilidades de expansión do capital para ampliar e incrementar os investimentos produtivos- tende a alimentar as burbullas financeiras. Que non son produto de desvíos ou desregulacións, senón unha consecuencia inherente ao sistema capitalista contemporáneo. A financeirización é o único xeito en que os capitalistas dos oligopolios xeneralizados e globalizados poden superar a tendencia profunda e intrínseca ao estancamento. Por isto estou convencido de que non nos queda outra alternativa que saír deste capitalismo en crise. Ou, máis modestamente, empezar a tomar a saída cara a outro modelo de desenvolvemento, cuxas características aínda non son claras, e para a definición do cal necesitaremos outros cincuenta ou cen anos.

- Nun ensaio recente, «A critique of the Stiglitz report» (3), vostede afirma que unha globalización negociada pasa pola «desconexión», pola construción dunha economía nacional autocentrada pero non autárquica. Unha economía que -escribe na Life Looking Forward-, «atopará serios obstáculos se non é reforzada por unha integración rexional capaz de aumentar o efecto positivo». Como combinar a desconexión do sistema global coa construción de bloques rexionais?

Non existen alternativas practicábeis ao desenvolvemento autocentrado, que subordina as relacións externas ás esixencias da transformación interna do xeito máis progresista posíbel.

Non se trata dunha simple autarquía, senón do investimento da lóxica actual. En lugar de se adecuar e encartar ás tendencias dominantes a escala mundial, debe actuarse para que esas tendencias se adecúen ás esixencias internas. Este é o sentido que atribúo ás iniciativas independentes por parte de países do Sur do mundo. As razóns para facelo así son evidentes na maioría dos casos. Se cadra non para os tres novos xigantes económicos, China, a India e Brasil que, de xeito individual, poden considerarse cunha importancia equivalente á dunha gran rexión e que, por iso, parecería que non necesitan recorrer a acordos subrexionais ou interrexionais. Porén, mesmo eses países teñen déficits: abonda con pensar na escaseza de recursos naturais que necesitan, os enerxéticos en primeiro lugar. E isto é máis certo aínda para os países do Sueste asiático, do mundo árabe, do África subsahariana e da América Latina española.

En todos estes casos, os acordos subrexionais serven para establecer, de xeito negociado, formas de complementariedade, que se definirán sobre moitos planos. Por exemplo o das tecnoloxías: hoxe, os países do Sur son capaces -non todos do mesmo xeito- de desenvolver capacidade tecnolóxica sen ter necesariamente que someterse ao proteccionismo do dereito de propiedade industrial promovido pola Organización Mundial do Comercio. O mesmo debería ocorrer para as infraestruturas, para a detección de estratexias de complementariedade industrial, a partir das industrias de base, por suposto, pero tamén para as industrias do gran consumo e para o acceso aos recursos naturais.

- No que toca a recursos naturais, vostede afirma que, «lonxe de estar resolta, a 'cuestión agraria' está máis que nunca no centro dos retos que a humanidade deberá afrontar no século XXI». Porque considera que o capitalismo, «polo súa mesma natureza, é incapaz de resolvela», e por que cre que só pode ofrecer a perspectiva dun planeta de barrios marxinais?

A acumulación por confiscación que caracteriza o capitalismo histórico, que a comezos do século XIX se foi materializando ao redor do triángulo Londres-Amsterdam-París, non só afecta aos pobos de América, senón tamén aos campesiños europeos. O modelo é o dos cercados de Gran Bretaña, o refugallo dos campesiños ingleses e irlandeses, que sufriron, os primeiros en Europa, unha forma de apropiación privada da terra, logo xeneralizada no continente europeo. Este modelo histórico tería consecuencias explosivas se non estivese acompañado dese enorme «aparello de seguridade» e «válvula de escape» constituída polo sistema das migracións cara a América. Os procesos migratorios permitiron a Europa construír, noutros lugares, outra Europa, igual, senón máis importante en termos de poboación, á do continente.

Pero se consideramos os outros continentes, Asia, África e América Latina, onde hoxe vive o setenta e cinco por cento da poboación mundial, a metade dela campesiña, decatámonos de que este sistema é inaceptábel e ineficaz. Como demostra o recente nacemento dun planeta de barrios marxinais, os campesiños expulsados das terras non poden ser «absorbidos» polos mecanismos da moderna industrialización e non poderán recorrer de forma masiva ás migracións. A solución á cuestión agraria proposta polo modelo capitalista requiriría que se proporcionen a Asia, África e América Latina, polo menos outras catro Américas.

__________________________________________________

Notas:

(1) Segundo Amin, a globalización é un fenómeno antiquísimo. Porén, nas antigas sociedades estas ofrecía realmente oportunidades para as rexións menos avanzadas de alcanzar as demais. Pero a globalización moderna, asociada ao capitalismo, é polarizadora por natureza, é dicir, que a lóxica de expansión mundial do capitalismo produce en si mesma unha desigualdade crecente entre os membros (polos desenvolvidos e polos subdesenvolvidos) do sistema.

(2) Financeirización. É o patrón de acumulación no cal a consecución de beneficios ten lugar fundamentalmente a través das canles financeiras, en lugar da través do comercio e a produción de mercadorías. A extrema financeirización especulativa da economía nun contexto de globalización asimétrica eleva ao máximo este antagonismo, pois os elevados beneficios da especulación financeira conséguense en detrimento da riqueza creada no sector produtivo.

As reformas estruturais na economía, a partir da década dos setenta, configuraron un novo contexto internacional onde o financeiro comezou a dominar e determinar o funcionamento do produtivo. Esta nova configuración das relacións entre o sistema produtivo e o sistema financeiro adoita chamarse «financeirización».

(3) Véxase a páxina web http://www.pambazuka.org/en/category/features/58453

* Orixinal no xornal italiano ‘Il Manifesto’.

__________________________________________________

[Entrevista tirada do sitio web ‘Rebelión’, do 11 de marzo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com