Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
11/3/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Sobre como privatizar as Caixas a pasos forzados, ou o chamado “Plan de reforzamento do Sector Financeiro”

O problema real das Caixas é que, a pesar de seren entes "públicos", non estaban suxeitas a un control democrático real da cidadanía, senón sometidas ao capricho de políticos que, libres de calquera control democrático, as utilizaban discrecional e partidariamente para financiar as empresas inmobiliarias das súas particulares clientelas empresariais...

 O pasado 18 de febreiro, o goberno Zapatero aprobou mediante Real Decreto Lei o seu "Plan de reforzamento do Sector Financeiro". O obxectivo oficialmente declarado deste plan é "reforzar a solvencia das entidades de crédito" e "favorecer a canalización do crédito cara á economía real".

 A quen se lle podería ocorrer poñer en discusión estes dous obxectivos, aparentemente tan nobres e necesarios de cumprir na conxuntura actual? O obxectivo real do plan, porén, non é outro que o de impor ás Caixas de Aforro unhas condicións de capitalización moito máis esixentes que á banca comercial, presionalas para que non teñan máis remedio que "bancarizarse" e acudir aos mercados de capital privado, se queren sobrevivir. É dicir, é un plan para privatizar a ritmo acelerado as Caixas de Aforro no Estado español, que representan case a metade do sector crediticio do país e controlan importantes participacións no capital das principais empresas españolas.

 Todo iso xustificado, unha vez máis, pola necesidade de saciar o máis presto posíbel a voracidade dos deuses dos mercados financeiros internacionais e recuperar a súa confianza, sen a cal -seica- só os tolos poden imaxinar un mundo no cal continuar vivindo. Pois ben; vexamos polo menos como responderon os "deuses" ante esta nova ofrenda "socialista" do goberno Zapatero.

 O máis divertido é que parece que na semana posterior ao Real Decreto Lei, os mercados financeiros apenas se decataron da existencia deste novo plan de recapitalización. A prima de risco da débeda española continuou a súa deriva alcista, acompañando neste traxecto á débeda dos outros países "periféricos", e as accións dos bancos españois continuaron caendo xunto co índice xeral do Ibex desde o 18 de febreiro.

 É certo que os "deuses" estiveron ocupados esta semana con temas máis importantes, como o impacto da carnicería libia sobre a subministración de petróleo, e é verdade que a incerteza nos mercados enerxéticos arrastrou de xeito negativo tanto aos mercados españois como aos internacionais. Aínda así, non deixa de sorprender a pouquísima tinta que os analistas dos bancos de investimento internacionais dedicaron a avaliar o plan español.

 Os que o fixeron, criticaron polo xeral as pequenas "concesións" ás Caixas que supostamente contén o plan, tanto no que respecta aos prazos previstos para a súa aplicación, como no tocante á suposta indefinición respecto de se certos tipos de pasivos contarán como capital principal ou non. E criticaron como demasiado "optimista" a estimación da ministra de economía Salgado de que o goberno deberá inxectar "como moito" 20.000 millóns de euros (o 3% do PIB) para levar a cabo o seu plan de recapitalización das Caixas.

 Ante tamaña displicencia dos "deuses", o gobernador do Banco de España decidiu polo momento tomar a iniciativa e irse de "viaxe de promoción comercial" á City de Londres (o Olimpo, como é ben coñecido, dos dii majorum gentium), para explicar aos investidores internacionais as fabulosas oportunidades abertas á compra de activos das Caixas españolas que o goberno poñerá á súa disposición en breve, a medida que o plan vaia forzando queiras que non ás Caixas a acudir ao mercado de capital privado.

Un plan para privatizar as Caixas

 Pero afondemos nos detalles do "Plan". Non escatima nunca esforzos o goberno na propaganda por explicarnos que se trata dun plan deseñado tanto para a banca comercial como para as Caixas, que non busca senón o robustecemento do sector financeiro no seu conxunto.

 O punto principal do plan é a esixencia dun nivel de capital principal superior ao establecido até a data para todas as entidades crediticias. Ese nivel fíxase no 8% dos activos ponderados por risco.

 Porén, este requirimento ascende até o 10% para aquelas entidades que non coloquen polo menos o 20% dos seus títulos entre terceiros e que superen o 20% de financiamento almacenista.

 Estas condicións están deseñadas basicamente para asegurar que sexan as Caixas, e non os bancos comerciais, as que se vexan obrigadas a cumprir co requirimento máis esixente do 10% de capital. A menos que, claro está, acudan a captar capital privado para cumprir coa condición de colocar polo menos o 20% dos seus títulos entre terceiros". Polo tanto, non é certo que o plan impoña un mesmo trato a Caixas e bancos comerciais. Mais ben o plan esixe ás Caixas un esforzo totalmente desproporcionado en relación aos bancos, a fin de presionalas para que se convertan en bancos privados.

 Na actualidade case todas as Caixas poderían cumprir coa esixencia dunha cociente de capital principal do 8%, con algunhas excepcións notábeis, como o SIP liderado por Caixa Madrid-Bancaja (7%), Catalunya Caixa (6.3%) ou Unnim (6.4%). Pero a maioría non cumpren co 10%. Ningún dos seis principais bancos comerciais do país (Santander, BBVA, Banco Popular, Bankinter e Banesto) cumpren tampouco co 10%, pero a eles non se lles esixiría porque xa son entidades formadas por capital privado e todos, menos Bankinter, teñen xa unha cociente de capital principal de máis do 8%.

 Todos estes novos requirimentos para cando? Para o 10 de marzo, é dicir, en menos de 15 días hábiles desde a publicación do decreto. Que pasará con todas aquelas entidades que previsibelmente se atopen con "dificultades" para cumprir con estas esixencias en 15 días? Pois que terán que presentar ao Banco de España un "plan-estratexia" para cumprir os requisitos antes do 30 de setembro. [1]

 Que poden facer as Caixas para cumprir con estes requisitos? Poden desfacerse en prazo breve de distintos activos para aumentar o seu cociente de capital existente con respecto aos seus activos. Por exemplo, vendéndolles as súas interesantes carteiras de participacións industriais aos bancos ou aos investidores estranxeiros. A outra alternativa, obviamente, é intentar captar capital privado a través de recursos de terceiros, ou a saída a bolsa. Pero que capital privado vai querer entrar en cantidade suficiente nas Caixas nun prazo tan breve, con tantas incertezas sobre o que son agora exactamente as Caixas tras o recente megaproceso de fusións e reestruturacións que reduciu o sector de 45 a 17 grupos en menos dun ano? Se todas as Caixas ven forzadas a acudir ao mercado a captar capital privado ao mesmo tempo, cando as condicións do mercado son aínda incertas, dificilmente se pode agardar que sexan capaces de captar o capital necesario en tan pouco tempo, e menos a un prezo que se axuste minimamente ao valor económico real das entidades.

 Se, como é previsíbel por todas estas razóns, unha gran cantidade de Caixas non fosen aínda capaces de cumprir cos novos requisitos para o 30 de setembro, tampouco pasaría nada segundo ao plan de "robustecemento". O Estado, mediante o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), entrará no capital social das Caixas para reforzar o seu capital deica os niveis requiridos. [2]

 Como? Unha nacionalización das Caixas a través do FROB? A ver se vai ser que estes de o Goberno son de verdade socialistas? Non, non, tranquilos, replica Salgado. Isto será só unha "nacionalización transitoria" que durará como máximo 5 anos, que é o tempo que se estima necesario para que o Estado impoña unha reestruturación radical (redución de persoal, venda de activos, "mellora" do seu goberno corporativo, etc.) das Caixas intervidas para así facelas máis atractivas ao capital privado e poder sacalas logo a venda no mercado.

 Ademais, o decreto explicitamente reserva un trato especial e diferenciado ás Caixas. Se a entidade que intervén o FROB é unha Caixa, esta "terá un prazo de tres meses para o traspaso da totalidade da súa actividade financeira a un banco". É dicir, se o que pide axuda ao Estado é unha Caixa, o Goberno obrígaa explicitamente a converterse en banco.

Sobre o criterio de fiabilidade do Banco de España

 Pero para entender realmente a filosofía subxacente ao decreto do goberno Zapatero faise necesario ler tamén os textos publicados polo gurú ideolóxico neoliberal do Estado español, coñecido ás veces tamén como Banco de España (BdE). Na súa "Nota sobre evolución e reforma das Caixas de Aforros" publicada o 21 de febreiro, afirma de xeito moi clarificador:

 "As entidades que coloquen a terceiros títulos con dereitos políticos, directamente ou a través dun banco, veranse sometidas a unha maior vixilancia e seguimento dos axentes financeiros, o que redundará en melloras da xestión. Esa reforma tamén incorporou elementos específicos encamiñados a profesionalizar a xestión das Caixas de aforros, cunha redución do peso dos cargos de representación pública..."

 A sisuda e científica teoría que o BdE parece abrazar a teor desta cita poderíase reducir á ecuación seguinte:

 capital privado = unha maior vixilancia e seguimento dos axentes financeiros

 unha maior vixilancia e seguimento dos axentes financeiros = redundará en melloras da xestión

 Se un resolve este "complexo" sistema de ecuacións, de acordo co BdE debería obter a seguinte identidade:

 cargos de representación pública controlando as Caixas = clientelismo, mala xestión, corrupción, financiamento de burbullas inmobiliarias, etc.

 É unha pena que a crise neoliberal que acaba de devastar as vidas de millóns de traballadores demostre concluíntemente que os maiores casos de corrupción, malgasto de recursos financeiros e mala xestión foron experimentados por entidades financeiras privadas que gozaban de "vixilancia e seguimento dos axentes financeiros" tipo Lehman Brothers, Citibank, todos os bancos irlandeses, Bear Stearns, Royal Bank of Scotland e unha chea deles máis...

 Dito isto, é certo que no Estado español as entidades "públicas" de crédito como as Caixas de Aforro contribuíron de xeito relativamente máis importante que o resto da banca privada a alimentar a burbulla inmobiliaria. Porén, iso non ten nada que ver co feito de que estas entidades fosen "públicas", como demostra o que na maioría dos outros países afectados pola crise foron entidades privadas, sometida á "vixilancia e seguimento dos axentes financeiros" as que alimentaron as súas respectivas burbullas inmobiliarias e as que logo tiveron, en moitos casos, que ser nacionalizadas.

 O problema real das Caixas é que, a pesar de seren entes "públicos", non estaban suxeitas a un control democrático real da cidadanía, senón sometidas ao capricho de políticos que, libres de calquera control democrático, as utilizaban discrecional e partidariamente para financiar as empresas inmobiliarias das súas particulares clientelas empresariais. O outro problema das Caixas foi que durante o boom económico e inmobiliario español pretenderon competir no mesmo tipo de negocios que a banca privada, cando se supuña que a súa función debía de ser outra.

A función social orixinal das Caixas de Aforro

 Se cadra non está de máis lembrar que, polo menos nos seus inicios, unha das funcións principais das Caixas era a de fornecer de servizos financeiros a aqueles sectores da sociedade rexeitados pola banca privada comercial por consideralos pouco rendíbeis desde o punto de vista económico. A función orixinal das Caixas era, por exemplo, prover de crédito ás familias e as pemes que tiñan dificultades en conseguir empréstitos da banca comercial e permitir ás persoas que dispuñan de menores ingresos económicos, que eran tamén rexeitadas pola banca privada, abrir contas correntes e de aforro.

 Porén, durante o boom inmobiliario español as Caixas de Aforro dedicaron un 20% do seu investimento crediticio ao crédito promotor, mentres que os seis maiores bancos privados españois dedicaron a este tipo de crédito só un 12%. Esta é a principal razón de que o sector das Caixas estea hoxe nunha situación moito máis complicada que a da banca privada española no seu conxunto. De acordo cos datos do BdE, o cociente actual de empréstiyos dubidosos é do 11,6% para o crédito destinado ao sector inmobiliario e construtor, comparado con só o 2,5% para o sector hipotecario comerciante polo miúdo.

 Tampouco non hai que esquecer que a Caixas dedicaban entre o 25-30% dos seus beneficios anuais á chamada "obra social", que consistía en financiar proxectos sociais e culturais. O sector das Caixas no seu conxunto achegaba como media anualmente fondos valorados en máis de 2.000 millóns de euros a esta "obra social". Dedicar semellante proporción dos beneficios a este tipo de obras é impensábel en calquera entidade privada que teña que maximizar a repartición de dividendos entre os seus accionistas. Por iso unha das primeiras victimas da privatización das Caixas será, sen dúbida, o pequeno Estado de benestar paralelo que financiaban.

 A nacionalización das Caixas a través do FROB podería ser unha panca para impor o tipo de reestruturación radical-democrática que por fin puxese a este tipo de entidades financeiras ao servizo público dos intereses da cidadanía e as sometese ao seu control e supervisión. Pero mesmo podería terse realizado con obxectivos máis modestos e ter simplemente reconducido o modelo de negocio das Caixas cara á situación previa ao boom inmobiliario ou cara ao que nunca deberían de deixar de ser, tal como suxería recentemente Antón Costas nun artigo en El País.

 No canto diso, a nacionalización baixo este goberno seica "socialista" ten que se considerarse un instrumento máis ao servizo dos intereses do capital privado, non do interese público, aínda que sexa financiado cos impostos de todos.

______________________________________________________________

Notas:

[1] O goberno afirma que o requisito de ter un cociente do 8% esta en liña cos novos estándares regulatorios internacionais de Basilea III. Si, só que os requisitos de Basilea só entrarían en vigor no 2013.

[2] O decreto estipula que o proceso de re-capitalización poderase prolongar deica marzo do 2012 pero só en casos "excepcionais".

______________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 27 de febreiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com