Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
11/4/2011

Nado nos EEUU en 1928, é profesor emérito de Lingüística no Massachusetts Institute of Technology (MIT). É coñecido polo seu activismo político, sendo un persoeiro moi influínte da esquerda transformadora estadounidense. Nos seus libros de pensamento político, son de salientar obras como: The Responsibility of Intellectuals (1967), The Political Economy of Human Rights, vol. 1 e 2 (1979), On Power and Ideology (1987), The Culture of Terrorism (1988), Year 501: The Conquest Continues (1993), 9-11 (2001) ou The Impetious Imperialist (2005).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Libia e o mundo do petróleo

A primavera árabe ten raíces profundas. A rexión estivo en fermentación durante moitos anos. A primeira da vaga actual de protestas empezou o ano pasado no Sahara Occidental, a última colonia africana, invadida por Marrocos en 1975 e retida ilegalmente desde aquela, de xeito similar a Timor Oriental e os territorios ocupados por Israel.

O mes pasado, no tribunal internacional sobre crimes durante a guerra civil en Serra Leona, o xuízo do ex presidente liberiano Charles Taylor chegou á súa fin. O fiscal xeral, o profesor de dereito estadunidense David Crane, informou a The Times de Londres que o caso estaba incompleto: os fiscais pretendían encausar a Muammar Gadafi, quen, dixo Crane, "era finalmente o responsábel da mutilación e/ou asasinato de 1.2 millóns de persoas".

 Pero o encausamento non se daría. Estados Unidos, o Reino Unido e outros países interviñeron para bloquealo. Ao preguntarlle por que, Crane dixo: "Benvido ao mundo do petróleo".

 Outra vítima recente de Gadafi foi sir Howard Davies, o director da Escola de Economía de Londres, o cal renunciou despois de revelacións dos lazos da escola co ditador libio.

 En Cambridge, Massachusetts, o Monitor Group, unha firma de consultoría fundada por profesores de Harvard, foi ben pagado por servizos tales como un libro para levar as palabras inmortais de Gadafi ao público "en conversa con famosos expertos internacionais", xunto con outros esforzos "para mellorar a apreciación internacional de Libia (a de Gadafi)".

 O mundo do petróleo de cando en cando está lonxe no pano de fondo en asuntos que conciernen a esta rexión.

 Por exemplo, cando as dimensións da derrota estadounidense en Iraq xa non se podían agochar, a retórica bonita foi desprazada polo anuncio honesto de obxectivos políticos. En novembro de 2007 a Casa Branca emitiu unha declaración de principios que insistía en que Iraq debe conceder acceso e privilexio indefinidos aos invasores estadounidenses.

 Dous meses despois, o presidente George W. Bush informou o Congreso de que rexeitaría a lexislación que limitase o emprazamento permanente das forzas armadas estadounidense en Iraq ou "o control de Estados Unidos dos recursos petroleiros de Iraq"; demandas que Estados Unidos tería que abandonar pouco despois ante a resistencia iraquí.

 O mundo do petróleo ofrece unha guía útil para as reaccións occidentais ante os importantes levantamentos pro democráticos no mundo árabe. Ao ditador rico en petróleo que é un cliente confiábel dáselle virtual renda solta. Houbo pouca reacción cando Arabia Saudita declarou o 5 de marzo: "As leis e as regulacións no reino prohiben totalmente todo tipo de manifestacións, mobilizacións e paros así como a convocatoria a estes xa que van contra os principios da Shariah e os costumes e tradicións sauditas". O reino mobilizou cuantiosas forzas de seguridade que rigorosamente aplicaron a prohibición.

 En Kuwait, pequenas manifestacións foron sufocadas. O puño de ferro golpeou en Bahrein despois de que forzas militares encabezadas por Arabia Saudita interviñeran para garantir que a monarquía sunita minoritaria non se vise ameazada por chamados a reformas democráticas.

 Bahrein é sensíbel non só porque alberga á Quinta Flota de Estados Unidos senón tamén porque é lindeira con áreas xiítas de Arabia Saudita, localización da maior parte do petróleo do reino. Resulta que os recursos enerxéticos primarios do mundo se localizan cerca do norte do golfo Pérsico (ou golfo Arábigo, como a miúdo lle chaman os árabes), en gran medida xiíta, un potencial pesadelo para os planificadores occidentais.

 En Exipto e Tunisia, o levantamento popular conseguiu vitorias impresionantes, pero, como informou a Fundación Carnegie, os réximes permanecen e "seica ecer están decididos a frear o ímpeto pro democrático xerado até o de agora. Un cambio nas elites gobernantes e o sistema de goberno segue sendo un obxectivo distante"; e que Occidente buscará manter así.

 Libia é un caso diferente, un Estado rico en petróleo dirixido por un ditador brutal que, no entanto, é pouco de fiar: Un cliente digno de confianza sería moito máis preferíbel. Cando estalaron as protestas non violentas, Muammar Gadafi actuou rapidamente para esmagalas.

 O 22 de marzo, mentres as forzas de Gadafi converxían na capital rebelde de Bengasi, o principal asesor sobre Medio Oriente do presidente Barack Obama, Dennis Ross, advertiu que se había un masacre, "todos nos culparían a nós por iso", unha consecuencia inaceptábel.

 E Occidente certamente non quería que o coronel Gadafi aumentase o seu poder e independencia sufocando a rebelión. Estados Unidos uniuse á autorización do Consello de Seguridade de Nacións Unidas dunha "zona de exclusión aérea", que sería posta en práctica por Francia, o Reino Unido e Estados Unidos.

 A intervención evitou un probábel masacre pero foi interpretada pola coalición como a autorización para o apoio directo aos rebeldes. Impúxose un cesamento do fogo ás forzas de Gadafi, pero axudouse aos rebeldes a avanzar cara ao oeste. En pouco tempo conquistaron as principais fontes da produción petroleira de Libia, polo menos temporalmente.

 O 28 de marzo, o xornal en árabe con sede en Londres Al-Quds Al-Arabi advertiu que a intervención deixaría a Libia con "dous estados, un leste rico en petróleo e en mans dos rebeldes e un oeste encabezado por Gadafi e sumido na pobreza... Dado que os pozos petroleiros foron asegurados, poderiamos atoparnos enfrontando a un novo emirato petroleiro libio, escasamente habitado, protexido por Occidente e moi similar aos estados emiratos do golfo". Ou a rebelión apoiada por Occidente podería seguir adiante até eliminar o deplorábel ditador.

 Arguméntase comunmente que o petróleo non pode ser un motivo para a intervención porque Occidente ten acceso ao mesmo baixo o réxime de Gadafi. Certo pero irrelevante. O mesmo podería dicirse sobre Iraq baixo o réxime de Saddam Hussein, ou Irán e Cuba actualmente.

 O que Occidente busca é o que Bush anunciou: o control, ou polo menos clientes dignos de confianza e, no caso de Libia, o acceso a enormes áreas inexploradas que se espera sexan ricas en petróleo. Documentos internos británicos e estadunidense insisten en que o "virus do nacionalismo" é o maior temor, xa que podería xerar desobediencia.

 A intervención está sendo realizada polas tres potencias imperiais tradicionais (aínda que poderiamos lembrar -os libios presumiblemente o fan- que, despois da Primeira Guerra Mundial, Italia levou a cabo un xenocidio no leste de Libia).

 As potencias occidentais están actuando en virtual illamento. Os estados na rexión -Turquía e Exipto- non queren participar, tampouco África. Os ditadores do golfo sentiríanse felices de ver partir a Gadafi; pero, aínda ateigados das armas avanzadas que se lles ofrecen para reciclar os petrodólares e asegurar a obediencia, apenas ofrecen máis que unha participación simbólica. O mesmo dá en aplicarse noutros lugares: A India, Brasil e mesmo Alemaña.

 A primavera árabe ten raíces profundas. A rexión estivo en fermentación durante moitos anos. A primeira da vaga actual de protestas empezou o ano pasado no Sahara Occidental, a última colonia africana, invadida por Marrocos en 1975 e retida ilegalmente desde aquela, de xeito similar a Timor Oriental e os territorios ocupados por Israel.

 Unha protesta non violenta en novembro pasado foi sufocada por forzas marroquís. Francia interveu para bloquear unha investigación do Consello de Seguridade sobre os crimes do seu cliente. Despois prendeu a chama en Tunisia, que desde entón se estendeu para volverse unha conflagración.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 10 de abril de 2011]

cig.prensa@galizacig.com